Pódese falar do que se queira no Parlamento?

Un intre do pleno deste martes © Parlamento de Galicia

Pódese ir ao Parlamento para falar de calquera cousa? Un seguimento máis ou menos cotián dos debates parlamentarios podería levar a contestar afirmativamente a esta pregunta, toda vez que en máis dunha ocasión os discursos e intercambios de acusacións derivan en asuntos que pouco ou nada teñen que ver co marcado na orde do día. Malia ser isto certo, non o é menos que o lexislativo galego conta con normas que tentan evitar, precisamente, que os debates sexan desviado cara asuntos non previstos. A súa aplicación depende, en exclusiva, da Presidencia da Cámara, que amosa diversas intensidades no seu rigor dependendo do deputado ou deputada que se desvíe do asunto tratado.

O artigo 104 do Regulamento é claro a este respecto. "Os oradores serán chamados á cuestión sempre que estiveren fóra dela, xa por digresións estrañas ao punto de que se trate, xa por volveren sobre o que estiver discutido ou votado", sinala. "O presidente [a norma está redactada só en masculino] retiraralle a palabra ao orador ao que lle houber de facer unha terceira chamada á cuestión nunha mesma intervención", agrega. Dado que a norma parlamentaria básica se refire a "oradores" e non a deputados e deputadas cabe deducir que a súa observancia lles corresponde a todas as persoas que sentan no hemiciclo, incluídos os membros do Goberno.

O Regulamento, que afecta a todos os "oradores", permite retirar a palabra tras tres "chamadas a cuestión"

Un destes episodios sucedía este mesmo martes durante o pleno da Cámara. O conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, comparecía para abordar cuestións de seguridade viaria e a deputada do BNG Ana Pontón accedeu á tribuna para fixar a posición do seu grupo ao respecto. Sen "cuestionar" a importancia do asunto, considerou que, "por decencia política" Hernández "debía ter comparecido para aclarar" as súas actuacións e opinións sobre a "traxedia" do accidente ferroviario de Angrois. Tras uns poucos minutos, a presidenta, Pilar Rojo, interrompeu a nacionalista para instala a que "se centre na cuestión". Tras dúas chamadas máis a cuestión, Rojo retiroulle a palabra.

Algo semellante acontecía o pasado febreiro, daquela co deputado da AGE David Fernández. A sesión celebrábase en martes de Entroido e o parlamentario ironizou coa posibilidade de acudir "disfrazado de sobre", se ben non puidera porque o PP "xa mercara todos os traxes". Nos instantes seguintes Fernández realizou diversas mencións a Francisco Camps e aos casos de presunta corrupción nas filas do PP mentres o vicepresidente da Cámara, Miguel Santalices, que dirixía a sesión, o instaba a cinguirse á "cuestión". Finalmente, o deputado de Alternativa rematou expulsado, no que a coalición considerou "un ataque inaceptábel á liberdade de expresión".

Maior laxitude co presidente

A rixidez que amosa a Presidencia ao interpretar o artigo 104 do Regulamento non é tal, a xuízo da oposición, cando falan os membros do grupo que sustenta ao Goberno e, máis concretamente, o presidente Feijóo. "Hai deputados e deputadas que se dedican a falar de cousas que non teñen absolutamente nada que ver cos problemas da xente e non son interrompidos", argumenta Ana Pontón, na mesma liña do denunciado anteriormente tanto polo BNG como por AGE e o PSdeG. 

"Hai deputados e deputadas que se dedican a falar que cousas que non teñen nada que ver e non son interrompidos"

Nas sesións de preguntas ao presidente -que se celebran en cada pleno-, os grupos están regulamentariamente obrigados a realizar unha "estrita formulación dunha soa cuestión de interese xeral para a comunidade autónoma ou que sexa de actual e acentuada relevancia política", á que o presidente lle ten que dar resposta. Non obstante, son múltiples as queixas de toda a oposición cando Feijóo non contesta ao que se lle pregunta ou mesmo responde cuestionando á propia oposición, unha actitude da que é posible atopar diversos exemplos botándolle unha ollada á hemeroteca, sen necesidade de ir moi atrás.

Así, por exemplo, cando o BNG cuestionou en decembro a Feijóo pola súa política lingüística este respondeu instando a Jorquera a explicar "cal é o seu modelo" neste ámbito do Goberno. Do mesmo xeito, cando en febreiro Pachi Vázquez e o propio Jorquera o instaron a dar contas polos casos de "corrupción" no seu partido, Feijóo aludiu á Junta de Andalucía, a Esquerra Republicana de Catalunya ou ás relacións do Bloque con Bildu. Ata o momento o presidente nunca foi chamado a cuestión dende a Presidencia. 

Bancadas da oposición, durante unha sesión de control CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.