A visión do proceso soberanista dos galegos en Cataluña

'Via Catalana' en Dubai CC-BY-NC Assemblea.cat

Cataluña prepárase para outra espectacular Diada. Un ano despois da enorme manifestación que ateigou as rúas de Barcelona de proclamas independentistas, a Assemblea Nacional Catalana prepara a denominadada Via, coa que se pretende unir a costa do país, desde Francia até a Comunitat Valenciana. Preto de medio millón de cidadáns que formarán unha cadea que imitará a Vía Báltica que en 1989 formaron habitantes de Estonia, Letonia ou Lituania para reclamar a súa separación da Unión Soviética.

Agárdase que a 'Via Catalana', que pretende unir de costa a costa Cataluña, volva ser unha manifestación histórica

De cumprírense as expectativas, a manifestación deste mércores volverá ser histórica. E volverá demostrar que o independentismo saíu xa sen complexos do armario nunha Cataluña onde a maioría parlamentaria está a prol de conformar un estado propio, e onde unha maioría aínda máis ampla aposta polo dereito a decidir e a celebración dunha consulta en 2014. Así o cren tamén moitos dos galegos afincados en territorio catalán e que hai un ano recoñecían "un antes e un despois" tras a manifestación daquel 11 de setembro. Un obxectivo que pasou de case utópico a formar parte fundamental da axenda política catalá. Un soberanismo que ficaba agochado en moitos cidadáns pero que agora "é moito máis visíbel na sociedade".

"No ámbito político o soberanismo fíxose máis intenso, pero houbo un gran cambio na sociedade, onde se fixo máis visible", insiste Manuel Carrete, historiador afincado en Cataluña e presidente do Centro Galego de Barcelona, que coincide na súa análise con Xiana Díaz, unha das impulsoras da Asemblea Cultural Galega de Barcelona, que ve clave o "incremento exponencial" da presenza da Assemblea Nacional Catalana nos municipios. "Isto fixo aumentar o apoio popular á independencia, que xa non é un proceso só na man dos políticos, senón transversal e reforzado polos apoios de moitos persoeiros famosos de diferentes ámbitos culturais e cunha grande presenza nos medios de comunicación".

Galegos afincados en Cataluña coinciden en que o independentismo é "máis visible, transversal e reforzado" tras a Diada de 2012

"Xerouse un discurso emotivo pero tamén didáctico sobre a necesidade, a lexitimidade e a oportunidade da independencia en termos económicos, históricos e ideolóxicos, no que os medios de comunicación tiveron un papel decisivo pero tamén a complexa e moi activa rede asociativa catalá", engade Helena González, profesora de Estudis Gallecs i Portuguesos e investigadora do Centre Dona i Literatura na Universidade de Barcelona, que cre tamén que a demanda "fíxose transversal e inclusiva" ao "lexitimarse a idea da independencia e fixarse un  calendario de actuación, que conta co apoio de institucións e agrupacións relevantes e populares".

González vai máis aló e pon un exemplo indicativo da "institucionalización" da demanda política e social da independencia que agromou con forza en Cataluña: "A segunda equipación do FC Barcelona constitúe un indicador clarísimo dun proxecto que xa non é só reivindicación de grupos radicalizados ou ben localizados, senón que se asume de maneira transversal". "Desde hai un ano, e co pacto de goberno na Generalitat, a independencia non só constitúe un punto fundamental senón que é o primeiro dos obxectivos da acción política e social; o apoio popular é incuestionábel, aínda que haxa sectores en contra moi convencidos", destaca.

"A independencia xa non só é un punto fundamental, senón o primeiro dos obxectivos da acción política e social", di a profesora Helena González

Por outra banda, Raimundo Viejo, galego doutor en Ciencia Política e da Administración e profesor na Universitat de Girona, cre que o que mudou dun ano a outro foi que se "passou de falar do qué ao cómo da independência, de si convinha a independência ou nom a ter a independência por objectivo". "O paradoxo é que ao acontecer isto, está-se a desvelar que a independência é um conceito desfasado, próprio de um mundo de Estados nacionais que já nom existe", reflexiona.

 

A "lexitimización" do independentismo tras a 'Diada' de hai un ano

Case todos coinciden na "lexitimización" que a Diada de 2012 e as dificultades da crise económica provocou na sociedade catalá. "Non é que haxa máis independentistas, senón que os que había son máis visibles. Se cadra a xente antes non se expresaba tanto, pero agora orgnízanse concertos masivos pola independencia, como o do Camp Nou, ou esta cadea humana... E iso antes era impensable", asegura Manuel Carrete, mentres que Xiana Díaz cre que a manifestación de hai un ano "marcou un antes e un despois na popularización do independentismo" que é visible "no uso masivo das estelades" nas rúas e fiestras.

Helena González coincide en que "a lexitimación do soberanismo non fixo máis que facer medrar o apoio independentista e tamén facer máis visíbeis e máis afirmativas as posición contrarias". "As bandeiras falan nos balcóns e os asubíos nos espectáculos públicos", lembra. Para Raimundo Viejo, máis crítico, o que hai agora é "mais apoio a umha independência fictícia". "Porem, o problema é que isto, a meio praço, quando se demostre que a independência nom é o acto solipsista que pretende a esquerrovergència, acabará provocando um processo de desencanto por efecto do queime activista", afirma.

"A hegemonia esquerrovergent pretende que o problema é fiscal e de finançaçom para poder seguir mantendo um modelo produtivo de desastre especulativo e cleptocrático", di Raimundo Viejo

"A hegemonia esquerrovergent sobre este soberanismo pretende que o problema é fiscal e de finançaçom (o que se expressa co Espanya ens roba), mas só para poder seguir mantendo um modelo produtivo que agoche o desastre especulativo e cleptocrático das décadas passadas", asegura Viejo, que cre que non se pode "prometer independência, um Estado como Holanda o Dinamarca e o colmo do welfare, ao tempo que liquidas os menguantes direitos sociais, roubas sem vergonha nem escrúpulo, por activa e por passiva, e privatizas sem límite co único objecto de transformar a estrutura social num paraiso turístico de classismo, ignoráncia e miséria". Isto, segundo o profesor, explica tamén a perda de apoio de CiU. "A gente, especialmente as classes instruidas e com certo poder adquisitivo que estam caendo em picado, nom som idiotas", di.

No que si coinciden todos os persoeiros galegos consultados é en que, máis aló de estar ou non pola independencia, o apoio da sociedade catalá a unha consulta é inmensamente maioritario. "As enquisas o deixam bem claro: umha maioria asume o direito a decidir como algo natural, o que é próprio da democracia", aclara Raimundo Viejo, en liña co que afirma Xiana Díaz e, con matices, Manuel Carrete, que cre que unha altísima porcentaxe da poboación "ve ben que se consulte o pobo", aínda que lle "gustaría que se fixese baixo parámetros legais, ben sexa a través dun acordo co Estado ou desenvolvendo a lei de consultas catalá".

Apoien ou non a independencia, "unha maioría" do pobo catalán está "pola consulta e o dereito a decidir"

Sexa como for, os galegos de Cataluña recoñecen atoparse "ante un movemento histórico relevante no século XXI", como di Carrete. Sexa cal sexa o resultado que saia del. "É moi interesante a rapidez con que se contaxiou a idea mesmo en sectores da poboación escépticos, pero tamén que se conseguise que a independencia non fose unha posición privativa dunha posición ideolóxica. A transversalidade e a aceptación ampla no catalanismo é requisito para que sexa viábel", engade Helena González, que cre clave "o pragmatismo que leva a pensar na independencia en tempo presente, na posibilidade da súa realización, ben lonxe da utopía postergada".

 

Diferentes opinións sobre o resultado final do proceso soberanista

González alaba que "se prepare a cidadanía para que o capital emocial que se pon en xogo nesta xeira non se perda logo da consulta, ben porque non se consiga apoio abondo, ben nunha hipotética situación de si maioritario á independencia". Para Xiana Díaz, o proceso soberanista "non ten marcha atrás", mentres que Raimundo Viejo censura un camiño "que adolece de grandes excessos ideológicos, umha dependência terrível de umha gramática política do século XIX e que carece por completo de umha comprensom efectiva da importáncia da desobediência civil para a invocatória do poder constituinte". Aínda así, ve como positivo que "de tanta contradiçom entre o discurso oficial e a realidade do poder, nom pode senom emerger umha maduraçom política intensiva".

Agora ben, á hora de responder a pregunta que todos se fan, as respostas son tan variadas como diverxentes. Veremos unha Cataluña independente a curto prazo? "Se por tal se está a entender um Estado-naçom como França ou Alemanha e o futuro é de 15, 20 ou 25 anos a resposta é clara: nom", di con contundencia Raimundo Viejo, que cre que "se por independência se entende um processo de crecente empoderamento social, de produçom de novas instituiçons capazes de mudar as bases da constituiçom material da sociedade face a um modelo outro que o da dependência do turismo, da cleptocrácia e demais problemas actuais, puidera ser".

As opinións sobre o resultado do proceso varían entre os que ven inviable a independencia ou os que a dan por segura

Xiana Díaz, pola súa banda, si cre que Cataluña "será un estado independente", aínda que se cadra "non nun futuro tan próximo" como boa parte da sociedade catalá quere. Para Manuel Carrete, o proceso acabará "cun estatus económico para o país como o que hai en Euskadi". "O financiamente era a primeira reivindicación e creo que será o resultado do proceso porque á maioría do empresariado catalán non lle interesa un estado independente nesta Europa que quita barreiras", di. O que cre "seguro" Helena González é que co paso de tempo "veremos unha Cataluña máis independentista". E tamén di estar convencida de que a Diada deste mércores "volverá ser, por segundo ano consecutivo,  unha xornada de poderosa felicidade colectiva".

Cartel a prol da independencia Dominio Público Praza Pública
Percorrido da 'Via Catalana' CC-BY-NC Assemblea.cat
Manifestación pola Diada de 2012 en Barcelona CC-BY-NC Abel Pau

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.