As dez claves que explican a 'Via Catalana'

Unha 'Via Catalana' previa ao 11 de setembro © El Diario

Cataluña vivirá este mércores, 11 de setembro, unha nova mostra da extraordinaria capacidade de mobilización dos sectores da sociedade catalá que defenden a independencia. Despois da xigantesca manifestación da Diada do 2012, a cadea humana que enlazará toda Cataluña pretende ser, segundo os seus organizadores, un paso máis na reivindicación dun Estado propio para Cataluña. A chamada Via Catalana, -máis de 300.000 persoas dándose a man ao longo de 400 quilómetros- tentará ofrecer a España e ao mundo unha imaxe de determinación na defensa da independencia. Pero máis aló da imaxe, existe un complexo fondo social e político que resumimos en dez claves:

O soberanismo ocupa o espazo central da política catalá que durante décadas protagonizara o catalanismo

1. A nova hexemonía: O soberanismo ocupa o espazo central da política catalá que durante décadas protagonizara o catalanismo. É o único proxecto político claro e definido en Catalunya;  con capacidade de mobilización e de xerar esperanza. Non é unha invención política. Todo o contrario. É un movemento moi profundo, liderado desde a sociedade civil e seguido desde a política por cálculos electorais. Unha parte importante das novas xeracións defenden a independencia da mesma forma que os seus pais e avós clamaban pola "llibertat, amnistia i Estatut d'autonomia". E precisamente para moitos de quen viviron a Transición e os intentos errados de atopar un novo encaixe de Catalunya en España, a independencia significa a posibilidade do reset, de empezar de novo. A posibilidade de afastarse da degradación que sofren as institucións do Estado.

2. Dereito a decidir: A porcentaxe de cidadáns que se mostra favorable á independencia creceu de forma moi rápida nos últimos anos e xa supera o 50%, pero, segundo todas as enquisas, é moito máis amplo o consenso arredor do "dereito a decidir" (70%). É un movemento transversal que non admite a análise simplista de atribuílo á estratexia do nacionalismo conservador. É máis, na cadea humana de vía catalá existirá unha notable presenza dos sectores tradicionais da esquerda. O desexo de "decidir" alcanzou tal forza en Cataluña que resultará moi difícil "reconducilo" cara a calquera pregunta que non pase pola opción de independencia "si" ou "non". De aquí a extrema dificultade dos recentemente iniciados contactos entre os negociadores de Mas e Rajoy.

Mas está atrapado. Sofre a presión de ERC por un lado e a dos seus socios de UDC e os poderes económicos polo outro

3. Os plans de Mas. O presidente da Generalitat acaba de revelar o seu plan B: Se non se consegue un acordo co Estado para celebrar unha consulta acordada, pensa esgotar a lexislatura e converter as eleccións do 2016 nun plebiscito. Mas xa o tentou no 2012 cando pediu unha "maioría excepcional" para liderar o proceso cara á independencia. Leu en clave oportunista a gran manifestación do 11 de setembro. Perdeu o plebiscito e boa parte da súa credibilidade. Quedou desautorizado e desde entón, nas enquisas, a súa formación, CiU, perde forza. Agora está atrapado. Por unha banda sofre a presión de ERC, que lle sostén no Goberno, e das entidades que lideran a mobilización cidadá. Pola outra, os seus socios de UDC e os poderes económicos tentan reconducir unha dinámica que ven xa "fóra de control".

4. A presión de 1714. Mas tenta gañar tempo mentres busca unha saída. Recorre á tradicional ambigüidade de CiU. Un día frea e atrasa o desenlace ao 2016 e ao día seguinte proclama que a consulta se celebrará o 2014, "si ou si". Pero Mas enfróntase a unha dinámica inédita até agora. O liderado da mobilización, que el alentou desde o poder, xa ten "vida propia". E un calendario marcado por unha data mítica, o 11 de setembro de 1714, cando, segundo o relato histórico, Cataluña perdeu as súas liberdades a mans do absolutismo borbónico. Se durante o próximo ano, cando se cumpren 300 da derrota, non se celebra a consulta, a sociedade que se mobilizou sentirá unha notable frustración que, sen dúbida, terá repercusións políticas.

5. A pluralidade: Cando unha parte da sociedade está hipermobilizada pode crearse a percepción de que existe unha maioría "excepcional" (en palabras de Mas) ou, peor, que desapareceu a pluralidade e a diversidade en beneficio dun obxectivo compartido por todos. Non é así. Dentro dos sectores soberanistas a pluralidade é extraordinaria. E non digamos no conxunto da sociedade. Fronte ao independentismo, xorde unha visión "unionista" conservadora encabezada polo Partido Popular e Ciutadans. E, tamén, un amplo desconcerto en partidos de vocación transversal e progresista, como ICV e, especialmente, o PSC. O discurso do "unionismo" adquire o carácter de "resistencia" porque non ofrece á sociedade outra alternativa que o mantemento do status quo. O desconcerto merece un capitulo aparte.

Fronte ao soberanismo, os partidos que defenden unha nova relación Cataluña-España non conseguen ofrecer unha alternativa crible

6. O desconcerto. Fronte á forza do soberanismo, os partidos que defenden unha nova relación entre Cataluña e España, o vello soño do catalanismo, non conseguen ofrecer unha alternativa crible. O federalismo aparece como unha opción xa superada. No fondo, este era o espírito do Estatut que desbaratou o PP co seu recurso ante o Constitucional. As enerxías que Cataluña queimou co Estatut son hoxe un mal recordo para a maioría dos cataláns. O PSC aférrase á opción federal como unha fórmula para manter unidas ás súas dúas almas, a cada vez máis soberanista e a cada vez máis unionista. É unha misión imposible que converte o seu secretario xeral, Pere Navarro, nun equilibrista sen rede. O PSC deu un paso transcendental na súa historia ao apoiar o "dereito a decidir" a pesar da oposición do PSOE, pero nin así logrou o consenso interno.

7. A axenda social. Iniciativa per Catalunya Verds (ICV) apoia o "dereito a decidir" pero vincula o posible camiño cara á independencia á constitución dun Estado máis xusto e solidario. A Candidatura d'Unitat Popular (CUP) defende a independencia, pero desde unha concepción radicalmente de esquerdas,  do mesmo xeito que o recente Procés Constituent, o movemento que lideran Arcadi Oliveres e Teresa Forcades. En definitiva, unha parte do movemento soberanista ve na independencia a posibilidade de revisar as bases do actual sistema económico e social. O camiño de rexeneración democrática e de combate contra a corrupción. Uns obxectivos afastados do soberanismo que encarna CDC.

O discurso do soberanismo ten unha extraordinaria forza na maioría dos medios cataláns. En fronte existe o bombardeo constante da caverna mediática

8. Os silencios. Independentismo, unionismo, desconcerto e silencios. Unha parte da sociedade catalá optou polo silencio. Voluntario ou forzado. O discurso do soberanismo ten unha extraordinaria forza na maioría dos medios cataláns. E, en fronte, existe o bombardeo constante da caverna mediática. No medio, as voces con máis matices desaparecen, dilúense. Resulta máis fácil o xogo da confrontación dos "discursos únicos", en Cataluña e en España. Por iso, unha parte das voces que poderían achegar unhas necesarias doses de sensatez decidiron calar ou se quedaron sen plataforma para expresarse.  Da mesma forma, nun panorama mediático dominado polo debate Cataluña-España, unha parte importante da realidade tamén desaparece de escena. Os recortes, a pobreza crecente, a corrupción, a perda de dereitos pasan a un segundo plano.

9. A perplexidade. Independentismo, unionismo, desconcerto, silencios e perplexidade. Unha parte da sociedade catalá asiste perplexa aos excesos e saídas de ton na política e nos medios de comunicación. Nun exercicio de irresponsabilidade que só o civismo e a madurez da maioría evita que se transforme en confrontación. E perplexidade tamén polas actitudes "excluíntes" nun país de tradición "inclusiva". Perplexidade por unha vida parlamentaria na que o "líder da oposición" é o socio de Goberno. Perplexidade, en definitiva, pola ruptura de consensos básicos da nosa historia recente.

O partido que dinamitou o último gran intento de acordo entre Cataluña e España, o Estatut, dificilmente pode recompor as relacións rotas

10. Sen resposta. Unha das claves do independentismo está no sentimento de agravio e frustración polo trato recibido por parte do Estado. Pois ben, lonxe de rectificar, desde o Goberno do PP, e da súa contorna mediática, non paran de lanzarse mensaxes en contra das aspiracións dunha parte importante da sociedade catalá. O partido que dinamitou o último gran intento de acordo entre Cataluña e España, o Estatut, dificilmente pode recompor as relacións rotas. E o PSOE, desde a súa complexidade territorial, tampouco logra ofrecer un federalismo que poida constituír unha terceira vía que evite o choque de trens entre nacionalismos. En definitiva, un complexo labirinto que precisa unha saída democrática.

Unha 'Via Catalana' previa ao 11 de setembro © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.