0 Gardados para despois

A Xunta aproveitou o día de folga para 'vender' unha lei que aínda non empezou a tramitar

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Destacar", "salientar", "dar un paso máis", "desbloquear". Son moitos os termos empregados dende os diferentes gobernos para tentar presentar ante a opinión pública calquera proxecto que será realidade nun futuro máis ou menos próximo pero que, sen ter iniciado proceso concreto ningún, pode acompasar coa axenda mediática. Para  realizar estas accións os diferentes Executivos, e a Xunta non é unha excepción, botan man moi habitualmente da figura do informe, un documento sen valor xurídico que permite levar á reunión semanal do Consello os asuntos que o gabinete considere oportunos sen ter que tomar ningunha decisión. O seu efecto real é, esencialmente, que o Goberno en conxunto toma coñecemento sobre un tema en concreto e, sobre todo, que na súa comparecencia ante os medios o presidente pode abordalo por iniciativa propia. Este xoves o Executivo presidido por Alberto Núñez Feijóo volveu poñer en práctica esta técnica, unha circunstancia pouco excepcional en si mesma que o é máis pola natureza especial dun día de folga xeral.

A nova Lei de Inclusión, que permitirá compatibilizar a Risga cun emprego, aínda non pasou polo CES, paso previo a chegar ao Parlamento

Malia a reducir á mínima expresión a súa axenda oficial -con só dous actos públicos- a Xunta mantivo o Consello no seu día e hora ordinarios. Sobre a mesa tiña un informe "sobre o anteproxecto de Lei de inclusión social de Galicia", o cal non quere dicir que a tramitación desa lei avanzase en absoluto na reunión do gabinete. Non obstante, a presentación deste informe si lle permitiu a Feijóo falar ante a prensa sobre a futura norma, que, asegura, ten intención de remitir ao Parlamento "neste período de sesións" -isto é, antes de xullo- pero que aínda ten que cumprir trámites preceptivos como ser analizada polo Consello Económico e Social, que aínda non comezou a estudala. Nesta liña, o presidente amosouse satisfeito de estar a "dar cumprimento" aos acordos do "diálogo social" -subscritos pola Xunta coa patronal galega e os sindicatos CCOO e UGT- e por dar un "paso máis nas políticas sociais en plena crise económica".

Mentres, á mesma hora, centos de milleiros de persoas participaban nas manifestacións convocadas polas centrais sindicais nas principais cidades galegas Feijóo sinalaba que a súa intención é "evitar que as situacións de exclusión social se convertarn en algo crónnico". Trátase, di, de "evitar a economía sumerxida" especialmente entre as persoas que perciben a Renda Social de Integración (Risga) e, por iso, "por primeira vez" este subsidio será compatible "coas rendas salariais obtidas a través de traballos aínda que sexan esporádicos". "Garántese que a persoa  non abandone o seu proxecto de inserción, nin renuncie á realización do traballo, nin tampouco recorra á economía sumerxida", afirma. Ademais, modificarase a propia estrutura da Risga. "Con estas modificacións damos resposta, primeiro, a un acordo sindical e, segundo, damos cumprimento a unha das propostas de resolución aprobadas no Debate do Estado da Autonomía", abondou.

Non foi o da Lei de Inclusión o único informe do Consello do día da folga. Como xa anunciara na sesión de control do Parlamento, o Consello tratou tamén o denominado Plan 500, co que, segundo Feijóo, o Goberno galego facilitará a saída de 4.000 persoas das listas de desemprego a través dun investimento de 30 millóns de euros. Efectivamente, a reunión semanal do Goberno galego tratou este plan pero non o aprobou, xa que non é preciso o seu paso polo Consello. Verá a luz a través dunha orde en próximos días, pero foi abordado de novo ante os medios durante a folga xeral.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.