A Xunta tenta afastarse do lume: a culpa "non é de quen o apaga"

Feijóo, con Rueda no Consello © Xoán Crespo

"A sociedade ten que saber quenes son os criminais que están detrás desas actuacións e quenes son os políticos ineptos que non foron capaces de conter en límites razoables o problema dos incendios forestais, como se fixo durante dezaseis anos". Quen fala é o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao remate dun comité de dirección do seu partido en setembro de 2006. Sete anos despois de considerar que "Os galegos non entenderían que non se depuren responsabilidades políticas" pola vaga de incendios que daquela asolaba o país -a peor en vinte anos-, Feijóo defende unha liña argumental ben distinta á hora de asignar responsabilidades. A culpa dos incendios "non pode ser den quen os apaga", sintetiza.

Tras varias semanas no que este argumentario vén sendo reiterado por diversos responsables do partido conservador o propio Feijóo abondou nel este xoves, ao remate do Consello da Xunta. Preguntado pola prensa sobre o asunto o presidente apresurouse en matizar que os incendiarios non son "os principais", senón "os únicos responsables dos incendios", igual que "os únicos responsables da violencia de xénero son aqueles que a practican", equipara. A idea forza do Executivo é agora a da responsabilidade individual, xa sexa por realizar queimas incontroladas e non autorizadas ou por non limpar o monte axeitadamente.

Nos Orzamentos da Xunta figuran máis de 25 millóns para prevención de incendios

Aínda que nos Orzamentos da Xunta figuran máis de 25 millóns de euros para prevención de incendios -que este ano comezaron a executarse en setembro- o presidente aférrase á cifra que el e o seu entorno reiteran dende o comezo do verán: "o 98% dos montes en Galicia son privados, en consecuencia, o 98% dos montes os teñen que coidar os propietarios". Para reforzar a súa premisa Feijóo recorre a unha parábola. Cómpre que cadaquén se reponsabilice do seu monte, "do mesmo xeito que máis do 98% das casas sen Galicia son privadas e a ninguén se lle ocorre pedir unha axuda da administración pública para coidar a súa casa; pode pedila para rehabilitala cando ten unha renda baixa, pero non para asegurar contra os lumes os  mobles", teoriza.

"A ninguén se lle ocorre pedir unha axuda da administración para coidar a súa casa"

Esta mesma mensaxe válelle tamén ao titular do Goberno galego para os montes veciñais e en man común, os mesmos para os que a Consellería de Medio Rural asignou 3 millóns en axudas a comezos de agosto. "As mancomunidades son as propietarias dos montes e os ingresos que reciben polas talas teñen a obriga de dedicar o 40% a prevención e limpeza". Ademais, "cando reciben ingresos por expropiacións de parte deses montes, supón ingresos extraordinarios". En síntese: "entre todos, se cumprimos as nosas obrigas, iremos un pouco mellor en todos os resultados", afirma,"pero pensar que o problema dos lumes é de quen os apaga é formular o problema ao revés".

A polémica da campaña "extraordinaria"

Tras a reunión semanal do Consello, que lle deu o visto e prace ao protocolo para persoar o Goberno en todos os procesos xudiciais contra incendiarios, Feijóo tamén tivo que facer responder se, á luz dos acontecementos, mantén que as "cifras" do lume deste ano son "extraordinariamente positivas", como asegurou o pasado 28 de agosto no mesmo foro. Neste punto, o presidente tentou emendar as súas propias palabras, cuxa gravación acompaña esta información.

"O que dixen, e supoño que está recollido nos medios de gravación que teñen despregados nesta sala, é que o éxito e o traballo das brigadas era excepcional". "Cuestión distinta -afirma- é que poidamos ou non computar o número de hectáreas como excepcional", matiza. Se ben é certo que naquela ocasión, como este xoves, eloxiou "o traballo das brigadas", non é menos que, como amosan as devanditas gravacións, si lle aplicou o cualificativo de "extraordinariamente positivas" ás cifras de hectáreas queimadas.

Feijóo, cunha integrante do seu gabinete, este xoves en San Caetano © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.