A Deputación de Lugo pide penalizar a apoloxía do franquismo, un "chiste" para Feijóo

O ditador Francisco Franco, nun desfile militar Dominio Público Praza Pública

Senén Pousa, alcalde de Beade polo PP, é célebre pola súa apoloxía do franquismo. En innumerables ocasións -a última, en declaracións a El País-, lanza diante de quen queira escoitar eloxios ao ditador, cuxo retrato preside o despacho da alcaldía que ocupa dende 1974, aínda co seu prezado generalísimo vivo. Segundo Pousa "ninguén no PP" lle recriminou "nunca" as súas gabanzas ao franquismo nin tampouco o impulso á gabanza do réxime fascista dende o municipio que dirixe, onde organizou durante décadas unha misa cada 20 de novembro. Entre os ecos da xustificación dos crimes da ditadura realizada polo alcalde de Baralla, tamén do PP, a Deputación de Lugo pedía formalmente que estas actitudes sexan un delito e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reducíaas á categoría de "chiste".

A institución lucense homenaxeará as vítimas

A proposta chegada dende Lugo prodúcese a instancias do presidente da Deputación e próximo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Nomeadamente, o grupo provincial socialista defenderá en pleno "unha emenda para instar o Goberno central" a que, dentro da reforma do Código Penal, "tipifique como delito a exaltación do franquismo" e "calquera manifestación lesiva para a dignidade dos represaliados", incluíndo "a quen, en calquera contexto, aprobe, negue ou minimice un feito cometido durante a ditadura". Esta petición, que previsiblemente sairá adiante, irá anexa a unha moción "coa que o goberno provincial insta a Alberto Núñez Feijóo e a José Manuel Barreiro -presidente do PP de Lugo- a que destitúan de todos os cargos públicos" ao rexedor de Baralla.

"Os chistes e a política son incompatibles", di Feijóo, en referencia aos eloxios ao franquismo

Na véspera deste pleno en Lugo, que o goberno do ente provincial tentará converter nun homenaxe ás vítimas -e no que o BNG anima a participar no marco da súa campaña ás persoas represaliadas-, o titular da Xunta era cuestionado polas posturas franquistas do rexedor de Beade e, nomeadamente, por se estas actitudes deberan ser motivo de dimisión. "Os chistes e a política son incompatibles", di o presidente, en cuxa opinión o que considera "chistes" deben "quedar para a intimidade, para o bar e para a casa". "Polo demais, respecto ás urnas", afirma.

Ese "respecto" á "maioría absoluta dos votantes" é o que leva a Feijóo, na súa calidade de presidente do PP galego, a desbotar calquera tipo de sanción ao alcalde franquista. As declaracións, que xa deron lugar a múltiples reaccións de rexeitamento entre os grupos da oposición, chegan apenas unha semana despois de que os conservadores evitasen reprobar no Parlamento ao alcalde de Baralla, como lle reclamaba o Bloque co apoido de PSdeG e AGE.

Pleno na Deputación de Lugo CC-BY-SA Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.