Feijóo saca peito en pleno recorte de Rajoy para equiparar a xestión da Xunta con Alemaña

Interparlamentaria do PPdeG en Santiago © PPdeG

Escenografía de campaña, sintonía electoral, intensa acumulación de cargos gobernamentais por metro cadrado e unha ministra galega de Fomento. O cadro pintado polo PPdeG en Santiago tería sido o desexado por calquera partido gobernante que aspira a revalidar o poder ao inicio dunha longa precampaña electoral. Se non fose por Rajoy. Tras unha semana na que a actividade oficial do presidente da Xunta paseou polo gume da navalla do electoralismo os conservadores galegos celebraban este sábado a súa interparlamentaria na capital de Galicia, unha reunión de todos os representantes da formación nas diferentes Cámaras que tería sido toda unha exhibición de poder e promesas se non fose por que, menos de vinte e catro horas antes, o Consello de Ministros lle dera luz verde ao maior recorte da historia da democracia española en forma de Orzamentos Xerais do Estado.

Feijóo botou man dunha veta ata agora pouco explotada por el: remover nos procesos internos de PSdeG e BNG.

Con este panorama os populares galegos optaron por unha dupla estratexia discursiva: insistir en que a Xunta é referencia no Estado cando se fala de apertar o cinto e asegurar que, case milagrosamente, o AVE entre Madrid e Galicia quedará a salvo da tesoirada, aínda que sen achegar ningún prazo para o seu remate. A parte de autogabanza correspondeulle ao propio Feijóo. Tras xustificar as contas públicas de Rajoy, "dolorosamente realistas" insistiu na argumentación que vén reiterando dende o pasado debate de política xeral. "Galicia anticipouse" nas "medidas de austeridade" e por iso o seu déficit está non só por baixo do resto das autonomías, sendo a "máis solvente", senón mesmo por baixo de todos os países da Unión Europea, equiparando e mesmo poñendo a súa xestión por diante dos países do continente coas contas máis saneadas, a comezar por Alemaña. "Hai algúns que soñarían con que Galicia tivese o paro de Andalucía ou o déficit de Estremadura", asegura Feijóo, nun contexto no que mesmo fai bandeira da súa política de débeda pública -aumentou dous millóns ao día durante 2011- para celebrar que a Facenda pública galega si "pode colocar" os seus bonos e outras autonomías, non.

Neste contexto de marcado carácter preelectoral Feijóo explotou este sábado unha veta apetitosa para os intereses do seu partido pero á que ata o momento apenas recorrera: os respectivos procesos internos de PSdeG e BNG. "Se non son quen de gobernarse eles, como van ser quen de gobernar Galicia?", preguntou ante os seus, para asegurar que tanto socialistas como nacionalistas viven "obsesionados coas eleccións" mentres aos galegos "non lles preocupa saber se dá tempo a primarias ou secundarias" no PSdeG ou "onde van Máis Galiza, o Encontro Irmandiño ou a UPG".

Pastor, AVE sen prazos

Xunto con Feijóo a outra estrela do encontro dos conservadores era a minista de Fomento, encargada de realizar o equilibrismo de garantir a chegada do AVE sen mencionar orizonte temporal ningún. Dende o atril instalado no claustro dun coñecido hotel-monumento compostelán Ana Pastor asegurou que nos "austeros" Orzamentos Xerais do Estado "o AVE a Galicia está preservado, porque é de xustiza". O sue ministerio perderá 3.000 millóns de euros no recorte e por iso ela dirá "a verdade" e "non venderá fume".

Achando boa parte da problemática á "herdanza socialista" Pastor reiterou, como en anteriores visitas a Galicia, todo un rosario de promesas de infraestruturas a priori dificilmente compatibles coas restricións orzamentarias. Ademais de facer "realidade" o AVE, reitera que finalizará a Autovía do Cantábrico "a finais de 2014" ou en 2013 "se non hai problemas técnicos", garante o investimento no porto exterior da Coruña e tamén, malia ás estreiteces, na ampliación da pista do aeroporto de Alvedro. Mentres, en Peinador, pediuse que no aparcadoiro de 2.500 prazas impulsado polo anterior Goberno tivo que pedir "que se apague a luz" para aforrar. Segue a precampaña, de momento co PP como único participante.

Feijóo, con Ana Pastor e outros dirixentes do PP © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.