O xuíz imputa os tres últimos presidentes de Adif polo accidente de Angrois

Restos do tren accidentado CC-BY contandoestrelas

O xuíz Luis Aláez vén de citar a declarar como imputados un total de 23 cargos de Adif en relación ao tráxico accidente ferroviario rexistrado o pasado 24 de xullo na parroquia compostelá de Angrois. Entre eses imputados atópasen os tres últimos presidentes o ente ferroviario, segundo o auto emitido este martes e que deriva da última comunicación do maxistrado.

O xuíz Aláez chama a declarar 23 cargos de Adif máis, entre eles os tres últimos presidentes do xestor ferroviario

Luis Aláez cita a declarar estes cargos entre o vindeiro 9 de outubro e o 11 de decembro nos xulgados de Santiago. Estes novos imputados de Adif correspóndense cos responsables dos cargos de director de Seguridade na Circulación, xerente da área de Seguridade na Circulación Noroeste, xefe de Inspección da Xerencia de Área de Seguridade na Circulación-Noroeste e inspectores desta xefatura desde que se inaugurou o tramo no que tivo lugar o desgraciado sinistro.

O maxistrado acusa a Adif de "grave falta de dilixencia" e de primar "outros intereses" por riba da seguridade

Entre os imputados está o actual xestor do ente, Gonzalo Ferre, e os seus dous antecesores, Enrique Verdeguer e Antonio González Marín. No seu auto, Aláez xustifica a súa decisión afirmando que "houbo, cando menos, unha grave falta de dilixencia" por parte dos responsables do xestor de infraestruturas ao "permitir que nun tramo moi delicado para a circulación dunha liña de Alta Velocidade (...) fose substituído por un sistema (...) que dá resposta ante o erro humano por outro que se demostra inválido (...) para garantir unha circulación segura sen acompañalo de ningunha medida adicional". O maxistrado cre que Adif primou ''outros intereses'' por riba da seguridade, cre ''indebida'' a decisión de non activar o sistema Ertms no Alvia sinistrado e considera que "non houbo previsión ate o erro humano".

As novas imputacións únense ás dos cinco cargos que xa declararon ante o xuíz

Do mesmo xeito, tamén figuran como imputados nesta comunicación os vogais do consello de administración desde a mesma data e o tres últimos presidentes do organismo. Estas 23 novas imputacións súmanse así aos primeiros cinco cargos do ente imputados, que xa prestaron declaración ante o xuíz.

Precisamente, as vítimas do accidente de Angrois, no que faleceron 79 persoas e do que xusto este martes se cumpren dous meses, solicitaron que se imputasen máis cargos de Adif para clarexar o acontecido. A postura coincide coa do xuíz Aláez, pero non coa do fiscal, Antonio Roma, que cre que "non hai motivo" para sinalar máis responsables do xestor ferroviario.

imaxe do tren accidentado, publicada en twitter minutos despois do sinistro Dominio Público @felipe_adrian17

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.