0 Gardados para despois

A Xunta dobrégase tamén ante o novo copagamento farmacéutico

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


En menos dunha semana haberá un ámbito máis do sistema de saúde pública no que sexa obrigado pasar por caixa. O 1 de outubro entra en vigor a resolución do Ministerio de Sanidade que instaura o repagamento en corenta e dous fármacos para tratar enfermidades complexas e graves que só se dispensan nas farmacias hospitalarias aínda que os pacientes non estean ingresados. Trátase de medicamentos para tratar tumores de mama, ril ou cerebrais, para facerlle fronte á leucemia ou para tratar doenzas como a artrite reumatoide ou a hepatite. O Goberno central dispón que, de agora en diante, os doentes terán que poñer cartos para poder retiralos e a Xunta xa avanza que asume a medida dende o inicio.

Nomeadamente, o Ministerio de Sanidade dispón que enfermas e enfermos terán que pagar o 10% de cada envase -ou o proporcional, para doses soltas- cun límite de 4,20 euros por cada un. Cando menos seis autonomías -Asturias (PSOE), Euskadi (PNV), Andalucía (PSOE-IU), Castilla y León (PP), Canarias (CC) e Navarra (UPN)- xa anunciaron a súa insubmisión á medida, unha negativa á que se suman outras autonomías como Valencia alegando falta de tempo e ante a que o departamento que dirixe Ana Mato asegura, segundo transcendeu a través da Cadena SER, que será flexible. Mentres, dende a Xunta, primeiro a conselleira de Sanidade e despois o propio presidente amosan a súa adhesión.

Os doentes terán que pagar ata 4,20 euros por envase de medicamentos

A xustificación do novo repagamento chegaba por boca de Alberto Núñez Feijóo a preguntas do socialista Pachi Vázquez na sesión de control do Parlamento. "Parécelle xusto que un cidadán que ten cancro, sida, esclerose múltiple ou unha enfermidade rara teña que ir ao hospital e pagar os medicamentos?", cuestionou o socialista, quen censura que á Xunta "non lle trema a man" á hora de aplicar esta medida, "legal pero inmoral". Neste contexto, Feijóo bota man da polivalente herdanza do PSOE para acusar a Vázquez de contribuír á "quebra dos servizos públicos" e xustificar despois que xa hai "6.000 presentacións farmacéuticas con prezo reducido de 4,20 euros e agora se inclúen outras 157". "Vostedes non teñen nada que ver?", repregunta.

Feijóo: "Pode haber políticas sociais como a nosa, pero mellores, non"

Ante a comparación con outras autonomías formulada polo parlamentario do PSdeG o presidente opta por mirar por riba do ombreiro os demais, mesmo a algún compañeiro de filas políticas. "Vostede me di o que fan outras comunidades autonónomas... Sabe o que fan? Non facer infraestruturas sanitarias; nós, cinco hospitais novos ou ampliados, o que facemos en Galicia é sanidade pública. A oposición, sentenza, segue "enganando a xente" pero o seu gabinete "non lle envidia a política social a ningunha comunidade autónoma". "Pode haber políticas sociais como a nosa, pero mellores, non".

"Non ten xustificación racional"

O entusiasmo co que a Xunta acolle esta medida é tamén un motivo de alarma para a plataforma SOS Sanidade Pública cuxo voceiro, Manuel Martín, lamenta que Galicia teña un Goberno que "ademais de mentireiro, é cruel coa súa cidadanía". Para Martín, médico de profesión, esta "nova taxa" non só supón "un novo imposto par a xente máis feble económica e sanitariamente", senón que tampouco ten "unha xustificación racional". En conversa con Praza Pública explica que neste caso non cabe xustificar a medida como unha vía de "racionalización", toda vez que son medicamentos subministrados no hospital previa prescrición facultativa, polo que "non hai ningún abuso". "Tampouco ten unha racionalidade económica, porque a recadación tampouco vai significar nada para o sistema sanitario".

SOS Sanidade advirte de que a medida non serve para paliar o uso abusivo de medicamentos nin para recadar grandes cantidades

Se non serve para frear o consumo médico nin tampouco para "conseguir máis cartos", cal é o obxectivo? A xuízo de SOS Sanidade o Ministerio persegue unha finalidade "exemplarizante", "amosarlle á UE e á troika, que seguen esixindo reducións de gasto público, que son quen de calquera cousa, entre elas, facerlle pagar a esta pobre xente uns cartos que non teñen ningún sentido". A resolución ten tamén, en opinión de Martín, "un afán desmoralizador para a cidadanía". Trátase de que "non haxa a máis mínima dúbida de que van seguir aplicando con carácter firme os recortes de atención sanitaria"

Neste contexto, a poucos días da entrada en vigor do novo sistema SOS Sanidade advirte dos prexuízos que lle pode causar ás persoas que o van sufrir, "enfermos cunha saúde moi quebrantada" e cunha economía precaria, xa sexa por seren pensionistas ou por estaren no paro, precisamente, a causa destas graves enfermidades. "Vólvese poñer en perigo real a saúde das persoas" e ante isto, critica, "Núñez Feijóo" amosa un "talante neoliberal, insensible ao sufrimento da cidadanía" que "castiga os colectivos que deberían ter máis apoio e axudas".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.