A hora de Besteiro

Besteiro, con Manel Vázquez e Pachi Vázquez CC-BY-NC-SA PSdeG

Hai moito tempo que o PSdeG non vive un Congreso Nacional que sexa ordinario no sentido máis literal do termo. Dende a abrupta perda do Goberno da Xunta, en 2009, á case endémica problemática interna do partido engadiuse a recolocación das pezas no regreso á oposición. Apenas un mes despois de saír de San Caetano máis do 95% dos participantes na cita congresual de Pontevedra levaban á secretaría xeral a Pachi Vázquez, o único candidato. En marzo de 2012 Vázquez revalidou o cargo, desta volta por 33 votos fronte á candidatura encabezada pola ex ministra Elena Espinosa e apadriñada pola práctica totalidade da súa posición interna. Este domingo o do Carballiño deixa o cargo sen que no seu expediente figure ningunha derrota interna. Dende ese día a máxima responsabilidade corresponderalle a quen dende maio de 2012 é líder do partido en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro.

Despois de moitos meses percorrendo agrupacións da formación Besteiro chega ao Congreso Nacional extraordinario coa seguridade que lle outorgan os votos da militancia. Máis do 70% dos participantes na pioneira experiencia das primarias consultivas, celebradas o pasado día 7, decidiron que o tamén presidente da Deputación de Lugo tome as rendas do partido. No mediodía deste domingo iniciará unha empresa que é calquera cousa menos sinxela: encabezar un "reto colectivo do PSdeG cara á sociedade galega" que, en última instancia, convirta o a formación en alternativa de Goberno en Galicia. "Hai que empezar a pensar como o Partido Socialista pode ganar as próximas eleccións para transformar a sociedade dende o Goberno", resumía o pasado marzo nunha entrevista con Praza Pública.

O primeiro reto para Besteiro é cadrar as pezas internas na conformación da Executiva, que aposta por renovar na súa práctica totalidade

Sen tensión ningunha pola secretaría xeral o primeiro reto de Besteiro ten o propio Congreso como escenario. Alí terá que dar a coñecer de que xeito cadra as pezas internas para conformar a nova Executiva Nacional, un organismo que, xa avanza, será máis reducido que na actualidade, renovado na súa práctica totalidade e no que asegura, primará a integración dos diferentes sectores. Neste sentido, algunhas das incógnitas que están sobre a mesa pasan por saber se a sempre convulsa agrupación de Vigo asumirá algún cargo de relevancia ou se haberá asento para alguén próximo a Pachi Vázquez. O que si é de agardar é que o seu opoñente nas primarias e alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez, sexa considerado para algunha responsabilidade. Para comezar, será o encargado de presidir o congreso en virtude dunha proposta impulsada polos secretarios xerais saínte e entrante.

Parlamento e municipais

Unha vez composto o crebacabezas da Executiva Besteiro terá que tomar tamén unha decisión inmediata que non é menor: quen será a voz da nova liña política do partido no Parlamento, dada a dificultade de partida que supón non ter escano no Pazo do Hórreo o que lle impide, por exemplo, participar nos cara a cara parlamentarios co presidente da Xunta. Neste sentido, parte das olladas están postas no actual secretario xeral do PSdeG na Coruña, Francisco Caamaño, actualmente voceiro en materia lingüística nun grupo parlamentario no que tamén cómpre encaixar ao propio Pachi Vázquez. Polo momento, Besteiro xa ten á súa disposición o cargo do actual voceiro, Abel Losada.

O novo secretario xeral debe decidir quen quere que sexa a súa voz no Parlamento

A medio prazo ao novo secretario xeral corresponderalle tamén comandar o proceso de conformación das candidaturas para as municipais de 2015, unhas eleccións que, a priori, serán as primeiras nas que a nova dirección socialista mida as súas posibilidades reais de cara ás autonómicas, que deberan celebrarse en 2015. Neste sentido as frontes abertas serán varias, a comezar por poñerlles rostro aos carteis electorais de cidades como Santiago, Ferrol, A Coruña, Ourense e mesmo Lugo, onde o futuro de Xosé López Orozco, xunto a quen Besteiro comezou a súa andaina política, é aínda un interrogante.

Estes e outros asuntos ocuparán os primeiros meses dun secretario xeral que rexeita, polo momento, abordar a cuestión de se el mesmo dará o paso de tentar optar á Presidencia da Xunta. "Temos que liberarnos desa ansiedade" e "empezar a facer un traballo, se cadra, como se facía hai trinta anos: mirando máis ás agrupacións e relacionándonos coa sociedade", porque "recuperar a confianza leva tempo". A clave, sintetiza, é "facer moitas cousas ben durante moito tempo", porque "o electorado da esquerda é moi esixente". "Aínda que sexa maís duro -resume- eu prefiro a esquerda fronte á dereita". Chegoulle a hora.

Besteiro, durante unha entrevista con Praza Pública CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.