Tareixa Paz (BNG): "Os 22 millóns que se recortaron do orzamento de prevención dos lumes non saen gratis para os cidadáns"

Rolda de prensa, este mediodía en Monfero. Mercedes Tobío (responsable comarcal do BNG), Ana González (voceira en Monfero) e Tareixa Paz (deputada no Parlamento) Dominio Público Praza Pública

Tareixa Paz, deputada do BNG, ofreceu unha rolda de prensa en Monfero acompañada de Ana González, voceira nacionalista no concello, un dos máis afectados polo incendio das Fragas. Paz anunciou que pedirá a comparecencia de Rosa Quintana no Parlamento o 10 de abril e que solicitará que se depuren responsabilidades políticas por unha prevención insuficiente, a falta de información e a falta de medios na extinción, segundo denunciou.

Paz centrou a súa intervención na "ausencia dunha política específica de prevención e xestión dos lumes" e sinalou que "os 22 millóns que se recortaron do orzamento de prevención dos lumes non saen gratis para os cidadáns". Ademais, criticou que nos últimos meses se reduciu tamén o traballo coas comunidades de montes así como os traballos preventivos, e tamén se reduciu a prención cos medios propios da Xunta. A este respecto, Paz denunciou que "os brigadistas non teñen cartos para material, nin gasóleo para as motoserras" e que a Xunta eliminou as subvencións aos concellos para que fagan as limpezas perimetrais, "o que supón un incumprimento da lei de prevención dos lumes".

"As brigadas están incompletas e en lugar de ter os sete persoas que deberían ter, contan con dúas ou tres, porque a Xunta non contrata nin cobre as baixas"

A responsable de medio rural do BNG no Parlamento galego criticou tamén que "os sete millóns de euros que a Xunta reduciu dos dispositivos de extinción" fixeron que os equipos de extinción foran menores que outros anos: "as brigadas están incompletas e en lugar de ter os sete persoas que deberían ter, contan con dúas ou tres, porque a Xunta non contrata nin cobre as baixas". Tareixa Paz concluíu que "a Xunta pretende reducir o problema do lume a unha cuestión de orde pública, eludindo a súa responsabilidade na redución orzamentaria". Para Paz, "o peor dun goberno non é que cometa erros, senón a súa persistencia no erro. Estas cuestións xa se puxeron riba da mesa en outono cando se queimaron fora de tempada máis de 30 mil hectáreas en Ourense".

Paz criticou a Lei de Montes, en proceso de trámite no Parlamento, que "o que fai é eliminar toda a política de prevención e protección"

A deputada do BNG foi máis aló da catástrofe que se está a vivir na Fragas do Eume estes días e criticou a Lei de Montes que se atopa en proceso de trámite no Parlamento que "o que fai é eliminar toda a política de prevención e protección: redúcense as distancias mínimas entre plantacións forestais e núcleos rurais e entre eses núcleos e as especies pirófitas e altamente combustibles".  Para Paz, "volvemos á política do abandono, do caos e da desorde".

Ana González criticou ter recibido por parte da Xunta "mentiras constantes"

Pola súa banda, Ana González, voceira do BNG en Monfero, comezou a súa intervenvión recoñecendo sentir "tristura, rabia, impotencia" e afirmando que "estamos fartas de tanta incompetencia". Criticou ter recibido por parte da Xunta "mentiras constantes, tiñamos que recorrer aos propios técnicos da Xunta para saber cal era a situación" e denunciou que "acaba de arder a reserva integral do parque natural, o cañón do parque, a zona de máis valor ecolóxico está practicamente destruída".

Ana González: "Os responsables deben dimitir"

González reclamou que se aprobe un "plan de recuperación urxente e específico para o parque, que non é un espazo calquera, senón que era o bosque atlántico máis importante de Europa" e demandou igualmente responsabilidades políticas: "Quen quere aforrar cartos para protexer a terra ten responsabilidade, quen oculta información ten responsabilidade, quen non vixía ten responsabilidade. Os responsables deben dimitir".

A este respecto, Tareixa Paz pechou a rolda de prensa anunciando que no Pleno do Parlamento Galego que se celebrará os días 10 e 11 o BNG pedirá a comparecencia de Rosa Quintana, conselleira de Medio Rural, e que esixira que se depuren esas responsabilidades políticas. 

Rolda de prensa, este mediodía en Monfero. Mercedes Tobío (responsable comarcal do BNG), Ana González (voceira en Monfero) e Tareixa Paz (deputada no Parlamento) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.