Os recortes do PP "obrigan" a varios concellos a asumir o novo copago farmacéutico

Envases de medicamentos CC-BY-NC-SA PSdeG

Concellos que asumirán o copagamento en medicamentos dispensados no hospital para veciños con enfermidades graves e dificultades económicas. Ese é o camiño que van seguir varios municipios galegos, logo de que desde o pasado 1 de outubro entrase en vigor a resolución do Ministerio de Sanidade que instaura o repagamento nuns 50 fármacos para tratar doenzas complexas e graves que só se dispensan nas farmacias hospitalarias, aínda que os pacientes non estean ingresados. Menciñas para tratar tumores de mama, ril ou cerebrais, para facerlle fronte á leucemia ou para artrite reumatoide e a hepatite. A decisión da Xunta, que decidiu asumir a medida desde o principio, e a iniciativa estatal "obrigan" a moitas administracións locais a asumir competencias que non son propias, pero que ven "necesaria" ante a "discriminación provocada polo PP" e a situación "vulnerable" de moitos dos seus paisanos.

Así o anunciou Federico Gutiérrez, alcalde do BNG en Riotorto, o primeiro que anunciou nun comunicado a asunción por parte do concello do copago destes fármacos para "evitar que moitos pacientes abandonen ou queden sen o tratamento axeitado por razóns económicas". "Un alcalde debe estar para máis que para bachear camiños e estradas e para colocar farois", dixo o rexedor nacionalista, que descubriu unha realidade que se está a espallar xa noutros moitos municipios pequenos que se rebelan así ante este novo recorte de Sanidade, aínda asumindo que a competencia non é súa e que debera ser a Xunta -"porque é quen ten as competencias"- a que artellase unha solución á problemática que empezan a sufrir milleiros de galegos.

Pedrafita ou Vimianzo son algúns dos que se unirán á medida anunciada por Riotorto, pero non os únicos

José Luís Raposo, alcalde socialista de Pedrafita do Cebreiro, anuncia xa que o concello tamén asumirá este copago para os veciños con máis dificultades económicas. "Claro que estamos dispostos a facelo e que o faremos; pagarémoslle a parte correspondente deses medicamentos aos veciños que o precisen, baseándonos nun informe de servizos sociais que acredite as súas dificultades e en función da súa renda. Imos botarlles unha man porque nin eu nin ningún alcalde vai deixar morrer unha persoa por non poder pagar as menciñas", asegura.

Aplicará, xa que logo, un modelo semellante ao de Riotorto, cuxo alcalde anunciou que poderán beneficiarse desta medida os veciños que leven máis de seis meses empadroados no concello e en función da renda do enfermo, polo que a administración local asumirá unha porcentaxe do copago ou incluso o 100% deste. É tamén a rebeldía contra o Goberno central e a Xunta e unha medida "que sobrepasa a fronteira da ética e da moral". Ademais, Federico Gutiérrez chamou aos seus homólogos a facer o mesmo. O caso é que moitos recolleron a proposta, pero outros moitos xa a tiñan pensado aplicar, como antes fixeran con axudas a material escolar, a transporte de estudantes ou á rehabilitación de casas e baños para familias necesitadas.

Os alcaldes lembran que xa axudan na rehabilitación de casas ou con bolsas de estudo a familias necesitadas

Manuel Antelo, rexedor do Bloque en Vimianzo, deixa "claro" que xa está pensando en asumir parte ou a totalidade deste novo copagamento farmacéutico para os veciños máis necesitados. "Como antes fixemos co material escolar para algúns veciños; xa temos actuado a través dos servizos sociais noutros ámbitos e miraremos se neste caso tamén podemos axudar porque temos unhas marxes en políticas de emerxencia social", explica o alcalde, que cre que a iniciativa anunciada por Riotorto é "lóxica" ante os recortes de quen debería asumir estas medidas, pero aclara tamén que "quen ten a competencia é quen a ten: a Xunta de Galicia". Zas ou Monforte son outros dos municipios que meditan medidas semellantes.

"Non podemos ocuparnos de todo o que deixa de facer o Estado, pero temos a obriga moral de axudar os veciños", di José Luís Raposo

Porque nese dilema se atopan agora os alcaldes. Entre a "obriga moral" de axudar os seus veciños e actuar ante problemas "achegados e que chaman á porta do Concello" e a asunción de competencias que non son propias e co que "facilitan o traballo ao Goberno central", como aclara José Luís Raposo, alcalde de Pedrafita. "Chegará un momento no que se nos pida que acabemos de facer unha estrada que o Goberno deixou parada; nós imos botarlle unha man os cidadáns, pero non podemos facer todo o que deixa de facer o Estado", insiste, tras aclarar que o concello asumirá o copagamento farmacéutico "de quen o necesite". "O que non vou facer é darlle unha subvención a quen ten cartos e vota o PP e vense rir de min", di con rotundidade.

O rexedor de Vimianzo coincide co de Pedrafita ao asegurar que os alcaldes, especialmente dos concellos máis pequenos, senten a "presión" de axudar a xente máis achegada. "Calquera que ve un veciño que ten problemas vaino axudar, como non nos imos ver obrigados a facelo! Hai cousas que non se poden deixar pasar", explica Raposo, que revela que a administración local xa colabora economicamente co transporte de estudantes "que van estudar á capital e que quedaron sen bolsas".

Os alcaldes ven nestes recortes un afán privatizador nos municipios que se une ás intencións da reforma local

"A iniciativa de subvencionar o copago é pragmática porque se os concellos non actuamos, a sociedade queda desprotexida, o que pon en evidencia unha vez máis que os concellos deben ter competencias e fondos suficientes para traballar", di Antelo, que ao igual que o rexedor de Pedrafita ve na reforma local "un atranco máis" no día a día dos municipios que agora, polos recortes e a crise, teñen que ampliar o abano das súas políticas sociais e que non poderán asumilas, tal e como advertiron os traballadores e educadores sociais.

Ademais desta reforma, a situación aínda é máis grave tendo en conta o estrito tope de gasto ao que xa están sometido os concellos e que sería aumentado coa reforma local. Xa actualmente, todo ingreso que supere o límite marcado tense que dedicar a rebaixar a débeda cos bancos, polo que non é posibile solicitar crédito ningún, aínda que o municipio non teña problema ningún de tesoureiría ou pacte cos bancos prazos flexibles de pagamento."Con ese límite e coa hipotética aplicación da reforma, acabarán pechando os concellos e privatizando todos os servizos en canto a administración local careza de fondos para asumir certas políticas; ese é o seu obxectivo", di Raposo, que cre que o Goberno central conduce "a que só os ricos poidan pagar a sanidade" e a que "o que non teña cartos acabe morrendo na porta do hospital".

"É unha mesquindade provocada por un goberno que facilita que as empresas que xa non gañan cartos co ladrillo se metan na sanidade e nos servizos das administracións", insiste o rexedor de Pedrafita. "Os populares queren facer da sanidade pública un artigo de luxo para os petos máis abundantes; non entende que o dereito á sanidade pública e gratuíta non admite discriminacións", denunciara o alcalde de Riotorto, localidade que asumirá o pago de medicamentos como Afinitor ou Tyverd, para casos de cancros de mama, ou Votrient ou Temodal, para cancros de ril e tumores cerebrais. Así, ata 157 prestacións farmacolóxicas de máis de 50 menciñas. En Riotorto e en moitos outros concellos galegos que asumirán o que non asume nin o Goberno central nin a Xunta.

José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.