Educación "potencia o galego" con 200.000 euros para medios en castelán

Vázquez, co secretario xeral de Cultura nun acto público © Xunta

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) está a piques de facer dez anos de vida. Definido como "remuíño de ideas" polo actual conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, este documento, aprobado por unanimidade do Parlamento no derradeiro ano do mandato de Manuel Fraga, é o último gran punto de consenso lingüístico acadado no país. Un dos sectores específicos abordados no plan foi o dos medios de comunicación. Ao longo de 56 páxinas o documento realiza unha diagnose e propón medidas para paliar a situación de franca desvantaxe da lingua propia e de "escasa efectividade do sistema" de axudas: "o pouco galego que aparece é o que se paga", resume.

Case unha década despois o Goberno galego segue asinando acordos cos medios de comunicación redactados total ou moi maioritariamente en castelán para "potenciar" o galego. O último reparto, canalizado a través da Consellería de Educación -da que depende a Secretaría Xeral de Política Lingüística- superou os 200.000 euros e tivo como destinatarias a seis empresas editoras de xornais impresos editados en lingua castelá e que están lonxe do obectivo fixado no PXNL, segundo o cal, "en dez anos", cumpría chegar a "un mínimo do 30%" das edicións en galego. Isto non acontece, como tampouco se dá que as "subvencións á produción en galego" se outorguen "a cambio dunha porcentaxe" de contidos no idioma propio de Galicia "e non a priori".

O reparto obvia os preceptos do Plan Xeral de Normalización e prodúcese mentres segue sen chegar a prometida lei de publicidade institucional

Entre abril e agosto do presente ano o departamento que dirixe Jesús Vázquez repartiu unha suma de 230.000 euros para, literalmente, "potenciar o uso do galego nos medios de comunicación". Os convenios, publicados en virtude das normas emanadas da Lei de Transparencia do ano 2006, teñen desta volta como principal beneficiado a Faro de Vigo, que recibiu 70.000 euros. Ao mesmo grupo editor do xornal vigués pertence La Opinión de A Coruña, que no seu caso obtivo 30.000 euros. Os cartos públicos beneficiaron tamén a cabeceira lucense El Progreso con 60.000 euros, ás axencias EFE e Europa Press con 30.000 euros cada unha e ao grupo La Capital, editor de El Ideal Gallego, con 10.000 euros.

Estas axudas, que ao ser distribuídas pola vía do convenio non están suxeitos a ningún tipo de convocatoria pública ou concorrencia competitiva, realizáronse mentres segue pendente a reiteradísima promesa do Goberno galego de regular este tipo de achegas económicas cunha Lei de Publicidade Institucional. Ao tempo, estes convenios obvian outros preceptos do Plan Xeral, como "alentar a formación de pequenos grupos" de comunicación "comprometidos coa plena normalización da lingua galega, "promover un xornal deportivo en lingua galega" ou "promover máis axudas a xornais locais e comarcais que se redactan en lingua galega".

Vázquez, co secretario xeral de Cultura nun acto público © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.