O PP oponse a que o enaltecemento do franquismo sexa delito

Franco e Juan Carlos I CC-BY-SA Nodo50

O grupo popular non quere que o novo Código Penal contemple o enaltecemento do franquismo como delito. O partido que sustenta o Goberno así o manifestou co seu voto en contra dunha emenda transaccionada por PSOE, Izquierda Plural, CiU, UPyD e UPN na que se solicitaba que acontecementos como os rexistrados no concello de Quijorna fosen constitutivos de delito co novo Código Penal.

Na proposta de votación impulsada polo resto de grupos pedíase "incorporar ao Código Penal a tipificación das condutas que impliquen a apoloxía ou enaltecemento do franquismo". O PP dixo non a esa proposta.

Trátase da primeira ocasión na que o PP se ve na obriga de votar se quere que o enaltecemento da ditadura sexa considerado delito. A proposta recibiu 130 votos a favor, 183 en contra e 8 abstencións.

A votación prodúcese tras acontecementos polémicos como os sucedidos no concello de Quijorna. Nese municipio madrileño, o concello promoveu un mercado no que se vendían símbolos nazis e franquistas. Con posterioridade á celebración dese mercado, altos cargos do goberno municipal da vila participaron nun acto profascista onde varios dos asistententes lucían indumentaria da Falange.

O PP salvou a cuestión de Beade sen expedientes e afirmando que as declaracións do alcalde eran unha broma

Non moito antes, o alcalde popular no concello de Beade saltou aos medios de comunicación tras confesar a súa ideoloxía franquista. O PPdeG salvou a cuestión sen expedientes e afirmando que se tratou dunha broma. A día de hoxe, o rexedor dese concello mantén no seu despacho varios retratos de Franco. Beade foi esta semana obxecto dun ataque cun pequeno artefacto explosivo activado de madrugada cando ninguén ocupaba as dependencias municipais. Tras ese suceso, o alcalde insistiu en afirmar que a súa ideoloxía franquista non lla cambiaban nin con bombas.

Franco e Juan Carlos I CC-BY-SA Nodo50

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.