A UE ponlle máis atrancos a proxectos megamineiros como o de Corcoesto

Pleno na Eurocámara, en Estrasburgo © Parlamento Europeo

Unha modificación lexislativa na UE poñerá máis atrancos e dificultades a proxectos megamineiros a ceo aberto como os de Corcoesto, que xa non gozarán coas facilidades que até o de agora tiñan para instalarse nos territorios. Ese é o grande avance acadado o pasado mércores, logo de que o Parlamento Europeo aprobase a emenda presentada a través da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, ao relatorio sobre a Directiva de Impacto Ambiental, que sufrirá así unha nova revisión e a súa cuarta modificación nos últimos anos.

Os proxectos megamineiros pagan do Anexo II, onde non era nin obrigatorio o informe de impacto ambiental, ao Anexo I, onde se precisa dunha autorización da Comisión

Esta emenda, que foi aceptada entre outras moitas pola Eurocámara, implica que proxectos de "minería a ceo aberto e actividades extractivas similares a ceo aberto" pasen do Anexo II no que estaban incluídos, que supoñía que non era obrigatorio a presentación do informe de impacto ambiental e que carecesen de menos e menores controis, ao Anexo I, onde este tipo de proxectos si precisarán agora dunha autorización previa da Comisión, así como pasar un control máis rigoroso con fin de garantir a proteccción ante a preocupación que espertan estas iniciativas.

Xa que logo, e tal e como se pode comprobar no texto aprobado pola Eurocámara, o maior control, a necesidade do cumprimento de máis requisitos e a aprobación da Comisión aplicarase agora tamén a "canteiras e minería a ceo aberto, cando a superfice de terreo aberto supere as 25 hectáreas, minas de ouro nas que se utilicen procesos nos que interveñan balsas de cianuro, ou extracción de turba, cando a superfice do terreo de extracción supere as 150 hectáreas". En definitiva, maiores exixencias e garantías para megaproxectos polémicos e controvertidos como o que a multinacional Edgewater prevé en Corcoesto.

Tal e como explica Ana Miranda a Praza, o cambio é "un gran chanzo e un importante avance", xa que agora proxectos megamineiros como o de Cabana de Bergantiños non se poderá limitar "só a informar" á UE, senón que terá que "solicitar unha autorización" que poderá ser denegada pola Comisión, que adoita botar atrás moitas iniciativas controvertidas de non ter a total seguridade do seu respecto ao medio ambiente e á contorna. Pasan, xa que logo, do Anexo II, "moi laxo e flexible", ao Anexo I, onde as exixencias e o control son moito maiores. .

"A lexislación europea recolle as demandas e as preocupacións da contestación e a mobilización social", engade a europarlamentaria do Bloque, que xa conseguira que a emenda fora aceptada con 20 votos a favor e unha soa abstención na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo do pasado 19 de xuño.

A Eurocámara tamén propón medidas para evitar o conflito de intereses entre os promotores dos proxectos e os encargados do informe de impacto ambiental

Pero hai máis, xa que este informe e modificación lexislativa -que engade moitas outras emendas e que foi aprobado por 332 votos a favor, 311 en contra e 14 abstencións- aclara que os Estados membros da UE "garantirán que as autoridades competentes, á hora de levar a cabo as obrigas derivadas da Directiva, non se atopen ante un conflito de intereses en virtude de calquera lexislación de obrigado cumprimento". Ademais, o relatorio advirte de que a partir de agora garantirá "a exhaustividade e calidade suficiente" dos informes ambientais, polo que se asegurará de que sexan elaborados por "expertos competentes" cuxos nomes serán públicos e cunha serie de requirimentos. Independentes, competitivos e obxectivos.

"Co obxectivo de evitar calquera posíbel conflito de intereses, a autoridade que revise a avaliación do impacto ambiental non deberá posuír interese ningún ou relación respecto do expediente", engade o texto aprobado, o que ampliará o foco sobre avaliacións tan polémicas como a que se deu nun proxecto como o de Corcoesto ou noutros semellantes.

Por outra banda, o Parlamento Europeo tamén propuxo medidas para garantir que os cidadáns "sexan debidamente informados e consultados" sobre os proxectos con efectos para o medio ambiente, de acordo oca convención de Aarhus sobre a participación pública, ademais de evitar que os proxectos sexan fragmentados para sorteas os requirimentos medioambientais.

"Adaptamos a Directiva ás novas prioridades, procuramos evitar conflitos de interese e que o público estea máis implicado", di o relator do texto

"Revisamos esta lexislación clave para adaptala ás novas prioridades europeas relacionadas cos usos do solo, a utilización dos recursos e o respecto á diversidade. (...) Propuxemos criterios claros para evitar os conflitos de interese e para que o público estea máis implicado", declarara o relator, Andrea Zanoni, do grupo ALDE de Italia, no debate previo á votación dun texto que obtivo se cadra máis relevancia pola proposta da Eurocámara de que os plans de exploración e extracción por fracturación hidráulica de hidrocarburos non convencionais, como o gas de esquisto, sexan sometidos a un estudo de impacto medioambiental previo e obrigatorio. Unha medida que tamén pon couto ao fracking.

Na inclusión de emendas claves para acadar un maior control e dificultar os proxectos megamineiros foi clave o traballo de Ana Miranda, pero tamén de varios eurodeputados de países e rexións europeas que sofren como Galicia a ameaza da megaminaría, como a de Rosia Montana, en Romanía, ou Grecia. De feito, foron estes parlamentarios os que celebraron con maior intensidade a aprobación da modificaicón da Directiva 2011/92/UE, que supón un novo escenario moito máis difícil para as multinacionais mineiras.

O texto agora volverá ao Consello e, de non haber sorpresas, nuns meses cada Estado deberá transaccionar estas modificacions á súa lexislación, o que podería poñer en perigo o proxecto de Corcoesto.

Ana Miranda, en Estrasburgo CC-BY-NC-SA BNG
Mina a ceo aberto en Rosia Montana © Delmi Álvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.