0 Gardados para despois

A Xunta defende a súa "alta eficacia" no lume "provocado" das Fragas do Eume

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O secretario xeral de Montes e Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, non é un acabado de chegar ao seu posto. Con diferentes denominacións, vén ocupando a responsabilidade do Goberno galego en materia de montes durante un total de doce anos, primeiro entre 1996 e 2005 e despois de 2009 á actualidade. A prefixada axenda parlamentaria quixo que o alto cargo da actual Consellería de Medio Rural e do Mar tivese que ser este luns o primeiro responsable do Executivo autonómico en dar explicacións sobre o incendio das Fragas do Eume. Senllas preguntas parlamentarias rexistradas hai semanas por PSdeG e BNG sobre a política da Xunta contra o lume forzaron o veterano político a falar do acontecido e tamén a escoitar reproches non só pola xestión da fatal fin de semana para o bosque atlántico mellor conservado de Europa, senón tamén pola súa dilatada traxectoria. No eido das respostas, esencialmente dúas: o operativo foi dabondo e a Xunta actuou con "alta eficacia" nun incendio que, subliña, "todo apunta a que é provocado", por iniciarse "a favor do vento e pegado a unhas pistas".

Fernández-Couto asegura que "estivo onde tiña que estar" durante o incendio do Eume ante os reproches pola súa "ausencia"

Aínda que a oposición "non ten por que sabelo", di Fernández-Couto, nun lume como o das Fragas, "con estas condicións de nordés" e "focos secundarios" é "imposible poñerse por diante" para extinguilo mentres avanza pola "fraga, o canon e o río". Malia a estas circunstancias, asegura, "a partir do sábado á noite estivo practicamente collido". "Traballouse con rapidez, con eficacia" e iso, asegura, tamén o recoñecen "todos os alcaldes da zona" -o rexedor da Capela, Manuel Meizoso, expresou durante a súa fin de semana a súa disconformidade coa coordinación do dispositivo-. 

Precisamente foi a cuestión da coordinación unha das máis reiteradas por socialistas e nacionalistas. "Sabe mellor ca min que houbo un problema" ou a Xunta "non ten mando único" para extinguir o lume "ou fallou, porque alí tampouco estaba vostede para coordinar". "Non sei onde estaba vostede, eu estaba alí, falando cos veciños e cos alcaldes desesperados", reprochoulle a voceira do PSdeG, Sonia Verdes. "Eu estiven onde tiña que estar, pendente de toda a coordinación e de todo o funcionamento; aquí resulta que temos variñas máxicas e non estamos facendo nada, pero os lumes se apagan", obtivo a socialista como única explicación do secretario xeral. Ademais, ante a petición de explicacións pola "ausencia" do presidente da Xunta e do resto do Goberno, Fernández-Couto tamén retruca: "Debe estar a falar doutro incendio; estivo permanentemente a nosa conselleira, cos veciños e cos alcaldes", algúns dos cales "veñen dicir que é unha irresponsabilidade facer instrumentación política".

Causas dos incendios, prevención e suficiencia do operativo

E se non houbo máis explicacións en canto á actuación gobernamental no Eume tampouco houbo moitas máis a respecto das causas e xestión deste incendio en concreto e, en xeral, da política de prevención e extinción que vén desenvolvendo a Xunta. "En Galiza hai persoas que prenden lume ao monte, hai incendiarios, hai incendios que se producen como consecuencia de neglixencias, de imprudencias" ou mesmo "dunha faísca" dalgunha maquinaria. "Pero un Goberno que queira merecer ese nome non pode esconder permanentemente a súa responsabilidade", advertiu a voceira do BNG, Tareixa Paz, durante a súa esixencia de explicacións. "O único que explica o número de lumes é a actividade incendiaria", respostoulle o secretario xeral, en cuxa opinión, levar o debate fóra desas coordenadas é "falar do sexo do anxos".

Tareixa Paz censura a carencia de medios e o secretario xeral di que "o único que explica o número de lumes é a actividade incendiaria"

"Permítame, con todo respecto, dicirlle que é un auténtico perogrullo que o que explica o número de lumes é a actividade incendiaria" sinalou a nacionalista, para lembrarlle ao alto cargo outros factores como os climáticos e, sobre todo, a carencia de medios". Así, por exemplo, Paz considera "unha burla chamarlles brigadas ás formadas por dúas ou tres persoas", cando estas teñen que ter ata sete membros. Ademais, censura, o lume nas Fragas é consecuencia de ter o monte "convertido nun polvorín, non só polas condicións meteorolóxicas tan adversas, senón pola acumulación de biomasa, que se produce como consecuencia da non existencia de ningunha política de prevención". "Tivo vostede xa moitas oportunidades de experimentar cos nosos montes. Non siga experimentando ensaio e erro, porque o leva cometendo persistentemente", di a parlamentaria, en referencia á traxectoria de Fernández-Couto.

"Non o estamos a facer tan mal", reitera o secretario xeral quen, ademais, subliña que mentres ardían as Fragas do Eume se producían tamén outros 70 lumes, os cales foron "apagados", aínda que a oposición diga "que non hai operativo". "Entón é moito máis incompetente do que eu pensaba", censurou Tareixa Paz, dado que, se existiu esa cantidade de incendios, Medio Rural debe explicar por que "no mapa de risco diario" que a Xunta publica cada xornada "estaba todo o territorio con risco baixo ou moderado, agás unha zona de Valdeorras e do sur da provincia de Ourense".

Malia todo, Fernández-Couto rematou a sesión parlamentaria como a comezara. "Non é un tema de medios", xa que estes son suficientes e "falar de que non hai prevención, non se sosteń". As brigadas teñen os mesmos membros "que cando estaban" PSdeG e BNG no Goberno e á afirmación de que "estamos a desprotexer as aldeas xa non contesto, poruqe me parece falsa". "Iso non é así e cada día o feito de controlar os lumes o demostra", resolve.

Na zona de bosque atlántico o lume afectoulle principalmente ao chan

O lume cebouse cos eucaliptais e o monte baixo

Algunhas persoas achegáronse xa o luns a coñecer o estado das Fragas

Entorno do mosteiro de Caaveiro, na tarde do luns

O mosteiro abrirá en Semana Santa

Acceso norte ao cenobio

Rescoldos do incendio na ladeira sur

Detalle da ladeira sur

Sinalización do parque natural. A Xunta di que arderon 300 das hectáreas máis sensibles.

Un helicóptero, contra as lapas o luns á tarde

Vista leste das Fragas

As especies atlánticas resisten mellor ca os eucaliptos

O río, centro de atención tras o lume

Despois da catástrofe: moito que coidar nas Fragas do Eume

Tras dous días de incendio, con máis de 750 hectáreas queimadas segundo os datos oficiais, César Galdo amosa dende o entorno de Caaveiro unha parte da moita natureza viva que queda para coidar nas Fragas do Eume, a comezar por protexer o río das cinzas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Hernández, ante as protestas: "A Xunta é a primeira indignada polo incendio"

O conselleiro de Medio Ambiente saíu este martes ao paso das concentracións e manifestacións que poucas horas antes concregaran milleiros de persoas en toda Galicia en resposta ao incendio das Fragas do Eume. Segundo Agustín Hernández a Xunta é a "primeira indignada e afectada" por este lume, xa que é a Administración que "xestiona e ten a obriga de manter" ese espazo natural.

Aínda que asegura "respectar" as mobilizacións cidadás e o "malestar" amosado nas protestas, Hernández vincúlaas directamente coas forzas da oposición parlamentaria. PSdeG e BNG, asegura, "quedaron totalmente retratados na súa actitude irresponsable" ante o lume. Socialistas e nacionalistas "buscan un rédito curtopracista" no plano político "o canto de colaborar e traballar conxuntamente coa Xunta", conclúe.