As fusións, remedio para os males de Galicia?

Feijóo, flanqueado polos alcaldes de Oza e Cesuras, en Raxoi © Xoán Crespo

A oitava lexislatura autonómica, a do retorno do PP ao poder, foi a do eloxio da fusión. Alberto Núñez Feijóo chegou a San Caetano anunciando unha vaga de unións de departamentos do Goberno galego en aras da publicitadísima "austeridade" e, acto seguido, a actualidade política e económica do país centrouse en observar a evolución doutra fusión, a das caixas de aforros, que derivaría na unión máis ou menos forzosa entre Caixanova e Caixa Galicia e a súa posterior desaparición. No remate da lexislatura o presidente da Xunta abordou o derradeiro debate de política xeral do mandato tentando sepultar a controversia política coa fusión de dous concellos, presentada como remedio a boa parte dos males territoriais do país.

Poucos minutos despois de que Feijóo anunciase dende a tribuna parlamentaria a "fusión voluntaria" de "dous concellos galegos" o equipo presidencial xa facía transcender a través dalgúns medios que os agraciados para protagonizar tal evento, presentado como histórico, eran Oza dos Ríos e Cesuras. Vinte e catro horas despois o titular da Xunta comparecía ante a prensa acompañado dos dous alcaldes, que reducían a "intencións" un proxecto que aínda pasaría por diversos avatares políticos e legais ata ser finalmente aprobado no Consello do 6 de xuño de 2013. Á fronte da xestora que goberna o novo concello ata as vindeiras eleccións quedou Pablo González (PP), antigo alcalde de Oza, mentres que o que fora rexedor de Cesuras se retiraba da escena política tras unha condena por estafa ocultada disque para non prexudicar a fusión.

Feijóo anunciou que o papel das deputacións sería "fundamental"

Naquel debate de 2012 Feijóo defendeu con intensidade unha "racionalización do mapa municipal" na que, anticipaba, sería "fundamental o papel das deputacións", xa que "son as administracións que mellor coñecen as dificultades financeiras polas que pasan os concellos". Con esta declaración política o presidente anticipaba, en certo xeito, a revitalización dos entes provinciais que trae consigo a polémica reforma local do Goberno de España, un proxecto rexeitado por alcaldes e alcaldesas de todas as cores políticas pero que Feijóo considera "un paso na boa dirección" para "diminuír ostensiblemente" o número de concellos. No que atinxe ás fusións, a de Oza-Cesuras foi a única realizada aínda que a Xunta ten a potestade legal de inicialas se así o considera conveniente..

"Racionalización" a toda costa

Seguindo o argumentario gobernamental, as fusións municipais van no mesmo saco que calquera outra "racionalización", xa sexa de departamentos administrativos, de consellerías, de entes estatutarios ou mesmo de escanos do Parlamento. No último 'estado da autonomía' o presidente anunciou tamén a inminente "supresión" do Consello Económico e Social, cuxas funcións ficarían diluídas no Consello Galego de Relacións Laborais, e a "fusión" do Tribunal de Defensa da Competencia co Instituto Galego de Consumo, operacións que, ano e medio despois, aínda non culminaron. Tamén está pendente de entrar en vigor a nova norma reguladora do Valedor do Pobo, se ben a supresión dos vicevaledores xa é un feito dende o pasado verán.

O PP recuperou a redución de deputados en vésperas do debate

Outra "racionalización" que pairará sobre o debate de política xeral deste 2013 é o xa debatidísimo recorte de escanos do lexislativo galego, dende os 75 actuais ata o mínimo legal de 61. A proposta, lanzada por primeira vez no derradeiro treito da lexislatura pasada, foi incluída no programa electoral do PP e permaneceu gardada nunha gabeta ata que estourou o escándalo das fotografías de Feijóo a bordo dun barco do narcotraficante Marcial Dorado, datadas nos anos en que o actual presidente era número dous do Servizo Galego de Saúde. Co verán a iniciativa volveu perder forza e, en vésperas do debate desta semana, os dirixentes conservadores volvérona recuperar: "a cuestión da reforam electoral é un asunto que se plantexou no programa do PPdeG para as eleccións e que agora cumpre levalo á práctica", afirmaba o vicepresidente Alfonso Rueda este domingo na Radio Galega.

Os alcaldes de Oza e Cesuras, na presentación dunha gardería compartida © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.