O PP teima en recortar o Parlamento e accede a reprobar a quen eloxie o franquismo

Vista do hemiciclo durante o discurso de Feijóo © Conchi Paz

Tras o debate, a tradución práctica. Na mañá deste xoves o Parlamento retomará o pleno de política xeral para abordar as propostas de resolución dos grupos parlamentarios, duascentas iniciativas que pretenden ser as medidas concretas emanadas da discusión política. Desas duascentas propostas as que sairán adiante con toda seguridade son as cincuenta do PP, bosquexo da axenda política do grupo que sustenta ao Goberno. Nel destaca a teimosía por recortar a propia Cámara e a vontade aparente de reprobar a quen eloxie a ditadura franquista un mes despois de evitar facelo.

Se a ordenación das propostas respondese ás prioridades de quen as formula cabería afirmar que a primeira preocupación dos conservadores é elevar á sesión parlamentaria máis relevante do ano á "organización Resistencia Galega", protagonista da proposición número un. Con ela instarán o resto de grupos a "manifestar a súa firme condena a todo tipo de actos de terrorismo, entre eles" os da devandita "organización", así como "expresar o seu rexeitamento a calquera tipo de acción ou declaración que xustifique, ampare ou minusvalore a violencia terrorista".

Xusto despois chega a relativa ao franquismo. Tras rexeitar en setembro a reprobación do alcalde de Baralla por xustificar os crimes do franquismo e evitar o seu cesamento no propio concello da montaña luguesa desta volta o partido da gaivota accede a "reprobar calquera manifestación realizada por cargos públicos nas que se xustifiquen os crimes e asasinatos producidos durante o franquismo" pola "gravidade que supón dar amparo e xustificar a vulneración de dereitos humanos fundamentais naquela época". A proposta non inclúe, así e todo, a reclamación de que estas persoas abandonen os seus cargos nin unha condena xenérica da ditadura como a da iniciativa á que se sumaron no debate de 2008.

A primeira iniciativa do PP céntrase en condenar á "organización Resistencia Galega", a segunda inclúe a reprobación do franquismo que rexeitaron en setembro

A terceira das iniciativas rexistradas polos populares e para a que tamén reclamarán o apoio do resto de grupos é o consabido recorte de escanos no lexislativo galego. Desta volta, a formulación elixida é acordar "levar a cabo a redución do número de deputados desta Cámara, na franxa baixa de representación prevista no artigo 11 do Estatuto de Autonomía, que fixa o número de escanos (...) entre 60 e 80". O texto non inclúe argumentos económicos nin doutro tipo.

As propostas do discurso de Feijóo

Á marxe destas tres proposicións, máis políticas, o resto de iniciativas do PP plasman, basicamente, os anuncios realizados por Alberto Núñez Feijóo no seu discurso de inicio do debate. Así, os populares sacarán adiante a inocua rebaixa do IRPF, o plan de relanzamento da marca Galicia Calidade, o canon da minaría ou unha declaración xenérica sobre Novagalicia Banco. Tamén instarán á Xunta a elaborar leis que xa anunciou que fará, tales como a lei de control de calidade dos servizos públicos, a lei de finanzas ou a lei de economía social.

Os conservadores defenden o dique flotante para Navantia que rexeitaron en Madrid

Alén das medidas concretas xa avanzadas por Feijóo no relatorio popular figuran, cando menos, dúas proposicións máis que poden dar lugar á polémica. Nunha delas apostan por impulsar o dique flotante para os estaleiros de Ferrol, o mesmo que rexeitaron en Madrid e que desbotou Navantia. Na outra, defenderán que a Xunta desenvolva "políticas de dinamización e promoción da lingua galega" pero "de acordo coa normativa vixente", o que inclúe o polémico decreto do plurilingüismo. A proposición aposta pola "especial atención á lusofonía", pero sen especificar en que se traducirá, e asegura que o Goberno buscará o "máximo consenso posible en materia lingüística para posibilitar o desexado acordo institucional en torno ao proceso de normalización da lingua", afirmación que chega vinte e catro horas despois de que o propio Feijóo acusase a PSdeG e BNG de rachar co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Feijóo, no seu escano, con Puy en segundo termo © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.