O PP vetará no Congreso a investigación de Angrois, que tampouco apoiará o PSOE

Autoridades no lugar do accidente © Goberno de España

O PSOE absterase na votación dunha moción da Esquerda Plural sobre a creación dunha comisión de investigación do accidente do tren Alvia ocorrido este verán en Compostela e no que morreron 81 persoas. O debate celébrase este mércores pero a votación atrasouse ao xoves. Non haberá sorpresas e a proposta será tombada pola maioría absoluta do PP e os votos en contra de CiU e PNV.

Os socialistas, que cando gobernaban foron os responsables do cambio de trazado da liña sinistrada, coinciden co PP en que hai esperar a ver os resultados da auditoría interna que encargou o Ministerio de Fomento e no ditame que elabore a subcomisión aberta no Congreso. Á Esquerda Plural non lle parece suficiente e quere "chegar até o final" para ver se hai "responsabilidades políticas" derivadas do accidente. UPyD apoiará a moción do mesmo xeito que o BNG e Compromís.

A postura do PSOE levantou controversia interna porque entra en colisión coa belixerancia que o partido adoptou en Valencia, onde pediron a reapertura da comisión que investigou o accidente do metro, no que en 2006 faleceron 43 persoas, e sobre o que ven "paralelismos" co accidente de Galicia. Mesmo encomiaron a decisión do xuíz de imputar os responsables de Adif, o que ao seu xuízo "deixa en evidencia á xustiza valenciana".

A postura do PSOE levantou controversia interna porque entra en colisión coa belixerancia que o partido adoptou en Valencia, onde pediron a reapertura da comisión que investigou o accidente do metro

Precisamente, ese caso foi sacado a colación polo portavoz de Comprimides, Joan Baldoví, na súa quenda de intervención deste mércores para lamentar que o PP non queira esclarecer as causas de ambos os sinistros nos que cre que quedaron moitos "puntos escuros".

Os socialistas tamén se abstiveron no Parlamento galego cando en setembro Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e o BNG presentaron unha iniciativa similar. Entón, o PP e o PSOE coincidiron practicamente nos mesmos argumentos: rexeitaron a proposta escudándose en que as competencias en materia ferroviaria son "exclusivas do Estado" e  en que o Parlamento galego "non ten potestade legal" para pór en marcha unha investigación dese calibre da que xa se encarga Fomento. Os nacionalistas galegos sacáronlles as cores ao acusalos de ter "un pacto oculto" para tapar posibles neglixencias dado que o trazado inicial do tren de alta velocidade da liña Ourense-Santiago " onde descarrilou o Alvia- foi modificado polo anterior Goberno do PSOE, con José Blanco de ministro de Fomento.

O veto á investigación en Galicia sustentouse en que as competencias ferroviarias son do Estado

A moción da Esquerda Plural, que defendeu no pleno a deputada Ascensión de las Heras, pide nun primeiro punto a apertura dunha comisión de investigación para esclarecer as causas do accidente de Angrois, "para dirimir as responsabilidades políticas que se puidesen derivar da presunta falta de dilixencia para garantir a seguridade no tramo onde ocorreu o sinistro". Nun segundo punto, solicita que se estableza unha moratoria na construción das liñas de alta velocidade ata que se coñezan os resultados dos estudos e investigacións que se están realizando sobre a seguridade da nosa rede ferroviaria tanto a través dunha auditoría como por parte dunha subcomisión aberta no Congreso no seo da Comisión de Fomento.

As razóns do PSOE

Durante o debate, o portavoz do PSOE,  Rafael Simancas, asegurou que aínda que o seu grupo está de acordo co fondo da proposta e a necesidade de estudar as causas do accidente, difire "no método" xa que non ven necesario abrir no Congreso unha comisión parlamentaria porque as causas do sinistro e a seguridade dos nosos ferrocarrís son asuntos que xa están a ser investigados polo Ministerio e unha subcomisión do Congreso.

Simancas tamén rexeitou o punto dous da moción de establecer unha moratoria na construción de alta velocidade ata que se coñezan os resultados destes traballos porque cre que non hai motivos para non continuar "coa modernización" e mellora do sistema ferroviario, que cre que é "seguro".

A portavoz do PP, María Concepción Santa Ana, chegou a cualificar de "gravísima irresponsabilidade" a proposta da Izquierda Plural de paralizar a construción das liñas de alta velocidade.

UPyD, BNG e Compromís apoiarona porque cren que hai que esclarecer até as últimas consecuencias un accidente que segou a vida de preto dun centenar de persoas e que a xuízo dos portavoces destes grupos se puido "evitar".

Autoridades no lugar do accidente © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.