A 'rebelión' contra o copago farmacéutico espállase xa por vinte concellos galegos

Envases de diversos medicamentos CC-BY-NC-SA PSdeG

Unha vintena de concellos galegos están dispostos a asumir o novo copago farmacéutico imposto polo Goberno central. O Ministerio de Sanidade instaurou o repagamento nuns 50 fármacos para tratar doenzas complexas e graves que só se dispensan nas farmacias hospitalarias, aínda que os pacientes non estean ingresados. Menciñas para tratar tumores de mama, ril ou cerebrais, para facerlle fronte á leucemia ou para artrite reumatoide e a hepatite. A decisión da Xunta, que decidiu asumir a medida desde o principio, e a iniciativa estatal provocaron que moitos municipios anunciasen que asumirán este copago, asumindo tamén competencias que non lles son propias. Os últimos en unirse, A Pontenova e Castroverde.

A Pontenova e Castroverde, últimos concellos en unirse a unha lista de 'rebeldes' que xa acumulan vinte municipios

Seguiron así a iniciativa tomada polo alcalde do BNG de Riotorto, Federico Gutiérrez, que anunciou que o Concello asumiría o copago destes fármacos en función da renda dos veciños afectados e para "evitar que moitos pacientes abandonen ou queden sen o tratamento axeitado por razóns económicas". Foi de novo na provincia de Lugo onde se iniciou esa fronte común contra esta decisión do Executivo central e que xa se ensaiara contra a reforma local. Daquela, o que empezou cunha chamada de atención dalgún alcalde acabou por desembocar nun rexeitamento unánime dos municipios galegos a través da Fegamp.

Dous daqueles alcaldes que iniciaron a batalla contra a lei de reforma local -que agora segue o seu trámite no Congreso- foron dos primeiros en unirse á proposta de Riotorto contra o copago farmacéutico. José Luis Raposo, alcalde socialista de Pedrafita do Cebreiro, e Severino Rodríguez, rexedor de Monforte polo BNG, anunciaron que asumirían o copago a partir do vindeiro ano -cando se comezará a aplicar- no caso de que a Xunta teime en aceptala sen achegar solucións e de que o Goberno central non dea marcha atrás. "Imos botarlles unha man aos afectados porque nin eu nin ningún alcalde vai deixar morrer unha persoa por non poder pagar as menciñas", explicaba Raposo.

Máis adiante, o goteo de municipios que anunciaban a súa rebelión contra o "inxusto e discriminatorio" copago farmacéutico foi aumentando. Todos coinciden en sinalar a "insensibilidade" do Goberno e a "obriga" moral de axudar á que se ven sometidos os rexedores ante os graves prexuízos que conleva para moitos dos seus veciños. "Estamos falando dunha cuestión de vida e morte e nos concellos pequenos os problemas chaman á porta do alcalde, sexa ou non a súa competencia", insisten varios.

"Estamos falando dunha cuestión de vida e morte", coinciden en sinalar varios rexedores

Mondoñedo, Ribadeo, A Pobra do Brollón, Pol ou San Sadurniño, gobernados por alcaldes do BNG; e Betanzos, Monterroso, A Fonsagrada e Lugo, de rexedores socialistas, confirmaron tamén que levarían a cabo medidas para asumir o copago, en moitos casos en función da renda e sempre para os veciños que teñen dificultades para asumir o importe das súas menciñas. Allariz, Zas ou Vimianzo (Bloque), Culleredo (PSdeG) e Teo e Manzaneda (Anova) tamén se amosaron dispostos a través dalgunha ordenanza a evitar que os cidadáns deixen de consumir os medicamentos imprescindibles para continuar coa vida que levan ata agora.

O alcalde popular de Vilanova de Arousa foi o único do partido que sustenta o Goberno que anunciou que o seu concello asumiría o copago

Ademais, e entre a sorpresa de moitos, Gonzalo Durán Hermida, alcalde de Vilanova de Arousa polo PP, anunciou tamén que pagaría con fondos municipais os medicamentos a todos aqueles veciños afectos que o soliciten. Os últimos en unirse á lista son José María Arias, rexedor de Castroverde, e Darío Campos, da Pontenova, ambos os dous socialistas. O mapa segue enchéndose de municipios rebeldes.

"O que o PP quere é que a xente morra canto antes", di o alcalde de Castroverde

"O que o PP quere é que a xente morra canto antes", di con dureza o rexedor de Castroverde, que insiste en que tratará de colaborar en "axudar as persoas, que é o valor máis importante ante una crise, máis que a económica". "Buscaremos unha maneira de arranxar o problema", engade o seu homólogo na Pontenova, que advirte de que un Executivo con maioría absoluta é o que está a tomar estas duras decisións, polo que tamén "haberá que facer ver como é este goberno para a sociedade e para as persoas".

No entanto, todos eles esperan a que, antes de ter que asumir este novo repago, o PP dea marcha atrás. Así, agardan ou que o Goberno central considere unha postura tan negativa para tanta xente ou que a Xunta, coas competencias en sanidade, sexa quen asuma este sobrecusto para os cidadáns enferemos. "O primeiro obxectivo non é asumir o copago, senón dar a batalla social e facer recuar o PP", lembra o alcalde de Riotorto, pioneiro dunha iniciativa que se espalla xa por toda Galicia.

Concellos galegos que asumirán o copago farmacéutico Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.