A Xunta amosa contratos con Dorado pero evita a época de Feijóo no Sergas

Reunión do Consello da Xunta © Ana Varela

Os grupos da oposición no Parlamento de Galicia recibiron esta semana documentos que acreditan achegas económicas da Xunta ás empresas do narcotraficante Marcial Dorado, xa sexan contratos, convenios ou axudas. Sete meses e sete desculpas despois o Goberno galego amósalles a PSdeG, AGE e BNG un milleiro de folios cuxo envío coñeceron antes pola prensa que a través dos propios servizos parlamentarios. É unha documentación inxente que, non obstante, non responde ás demandas que os grupos opositores formulan dende o mes de abril: seguen sen ter soporte documental para confirmar se o Servizo Galego de Saúde contrataba ou non coas compañías do narcotraficante cando este compartía fotografías con Alberto Núñez Feijóo, daquela máximo responsable do Sergas.

Despois de asegurar que os documentos non existían, que eran moitos, que foran destruídos ou que achegalos "colapsaría" a Xunta, o Executivo opta por unha nova estratexia e inunda a oposición de papeis, pero sen responder a todo o que pregunta. O que fai desta volta o gabinete de Feijóo é apoiar en documentos a relación de pagamentos que achegara no mes de abril a preguntas de AGE, o que a coalición considerou "unha folliña de Word" sen valor legal ningún. Daquela a Xunta esforzouse en salientar que "as lexislaturas nas que menos diñeiro recibiron as empresas" do narco "foron as tres nas que Alberto Núñez Feijóo formou parte do Consello da Xunta" e revelaba, por exemplo, que nos tempos de Fraga recibiron uns 157.000 euros.

A Xunta ofrece agora soporte documental para a relación de pagamentos xa publicada en abril

Así as cousas, a oposición pode consultar agora, por exemplo, os documentos que acreditan a contratación por 30.000 euros da "construción dun barco auxiliar" para a Consellería de Pesca cunha das empresas, Mitulo, asinada en 1995, ano das fotografías. Tamén figuran na relación de pagamentos os arredor de 5.000 euros de contratos menores da Consellería do Mar na primeira lexislatura de Feijóo ou os 125.000 euros que lles corresponderon polas axudas de emerxencia habilitadas polo bipartito tras as inundacións de 2007. Pero, como en abril, o Goberno galego segue sen aclarar o relativo aos subministros do Sergas, polos que preguntou especificamente o PSdeG.

"Falta a metade da documentación solicitada"

Para o voceiro dos socialistas, José Luis Méndez Romeu, esta nova operación da Xunta supón un "novo desprezo cara ao Parlamento", toda vez que segue sen recibir "máis da metade dos documentos solicitados". O Goberno, explica, "evitou entregar toda a documentación referida á Consellería de Sanidade, da que Feijóo era secretairo xeral mentres frecuentaba a amizade de Marcial Dorado". Nomeadamente, reclaman "copia da totalidade dos contratos de subministro enerxécito, de combustible e informáticos realizados pola Consellería de Sanidade e os centros hospitalarios dependentes do Sergas" entre 1992 e 1998 para comprobar se as empresas do narco se facían ou non cargo destes servizos.

Feijóo xa advertira de que consideraba un "disparate" a petición relativa aos contratos dos hospitais

A xuízo de Romeu Feijóo segue a amosar unha "insoportable tolerancia" coa corrupción, o que leva o seu grupo a "seguir insistindo ata coñecer toda a información sobre a relación económica do Goberno galego coas empresas do narcotraficante amigo de Feijóo". Do mesmo xeito, o socialista coida que, "a pesar de que o presidente anuncie unha e outa vez a súa disposición a ofrecer transparencia", a "realidade" é que "unha e outra vez tenta enganar e agochar a verdade".

A achega parcial de documentos produciuse poucos días despois de que o propio presidente anunciase que os enviaría, pero con matices. Dende o atril do Consello da Xunta xa evidenciara que só ía achegar os documentos que "existan" e, ademais, aqueles cuxa busca "non colapse o servizo público". Segundo o líder da dereita responder ás solicitudes vinculadas ao Sergas, sinónimo de cumprir co Regulamento do Parlamento, provocaría un "colapso" por ser un "disparate". Ademais, asegura, buscar eses expedientes tería tal "custo" que "poría colorado a algún deputado da oposición".

Contratos e axudas nos anos en que foron tomadas as fotos © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.