0 Gardados para despois

López Sors pediu axuda do Estado para o xuízo e lembroulle que co Prestige só cumpriu ordes

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


José Luis López Sors foi o máis parecido a un cargo político que sentou no banco dos acusados do xuízo do Prestige. En novembro de 2002 era o responsable da Dirección Xeral da Mariña Mercante do Goberno de España e el personificou as primeiras decisións sobre o petroleiro cando este informou dos seus problemas no medio do temporal. Na súa declaración ante o tribunal, no inicio do proceso xudicial, o antigo alto cargo liberou de calquera responsabilidade os seus superiores, asegurando que el mesmo "ditou" as primeiras decisións sen precisar "aprobacións posteriores". Meses despois, en maio de 2013, afirmou todo o contrario nunha carta dirixida ao Ministerio de Fomento.

"Non falaba habitualmente co ministro de Fomento", Francisco Álvarez-Cascos, asegurou no xuízo, no que reclamou tradución simultánea do galego malia ser de Ferrol. O antigo responsable gobernamental chegou a asegurar daquela que as autoridades españolas "non tiñan nada que ver" co rumbo que tomou o petroleiro e que, en xeral, fixeron "un bo traballo". Pero este ton exculpatorio mudou notablemente na devandita misiva, datada no 29 de maio deste ano e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública.

López Sors viuse "obrigado" a escribirlle ao secretario de Estado de Infraestruturas, Rafael Catalá, para que coñecese "directamente a falta de atención que estou recibindo" do Ministerio "como consecuencia da celebración" do xuízo pola catástrofe. Neste proceso, lembraba na carta, estaba "acusado por intervir" como director xeral "na defensa dos intereses xerais do Estado" tras o naufraxio. Nese momento, salienta, seguiu "instrucións recibidas do Goberno a través dos órganos directivos do Ministerio de Fomento". Non foron, polo tanto, decisións persoais súas.

López Sors quéixase ante fomento da "notoria falta de axuda e comprensión" que está a padecer e subliña que na catástrofe seguiu "instrucións" de Fomento

En pleno procedemento xudicial o ex alto cargo puña o acento no feito de que se enfrontaba a "unha responsabilidade civil que supera a cifra dos catro mil catrocentos millóns de euros". Esa responsabilidade correspondíalle ao Estado, pero "a través da miña persoa", polo que se atopaba "plenamente dedicado a conseguir a miña completa absolución e con ela a do Estado". Nesa tesitura López Sors considerou  "magnífico" o "traballo da Avogacía do Estado", mesmo malia á "notoria falta de axuda e comprensión por parte doutras instancias". "En caso de éxito", como así foi, o antigo director xeral auguraba que "todo o recoñecemento" para os letrados estatais sería "escaso".

Reclamación de asistencia económica

Tras resumir o seu papel ante o naufraxio a carta de López Sors pasa ás cuestións de intendencia. Catalá "debe coñecer" que a lei "me obriga a asistir como acusado a todas e cada unha das sesións da vista", xa que, de non facelo, podería provocar a anulación do procedemento, "o que ao meu entender non sería do agrado do Estado". Entre xuño e setembro de 2012, lembra, dedicouse ao "estudo da causa e asistencia á Avogacía do Estado", traballos que "orixinaron" uns "gastos" que xa foron "liquidados convenientemente por Sasemar", isto é, Salvamento Marítimo. "Pero dende o 1º de outubro de 2012 estou correndo con todos os gastos que supoñen a miña asistencia á vista e colaboración coa Avogacía do Estado, entre outros, o meu aloxamento na Coruña [La Coruña, no orixinal], gastos de viaxe e desprazamentos".

O ex alto cargo asegura na carta que Sasemar se comprometera a asumir os gastos que lle ocasionase o xuízo

Nesta conxuntura, López Sors consideraba que a "única alternativa" para "compensarme estes cuantiosos gastos que estou soportando" sería "dar cumprimento ao compromiso" que a propia Sasemar "asumiu" por correo elctrónico en outubro de 2012, indica. Ese compromiso, "aínda que incumprido (...) sen explicación ningunha, entendo que segue plenamente vixente", di. Non obstante, "dado o tempo transcorrido", o ex director di non estar en condicións de achegar "xustificantes detallados" de cada gasto, polo que "habería que pechar cantidades por cada un dos conceptos" e "aplicalos aos días que a Avogacía do Estado confirme o meu servizo e/ou o secretario do Tribunal certifique que a vista se celebrou e asistín a ela".

Todas estas reclamacións, sintetizaba para rematar, realizábaas para "poder continuar dedicando o cento por cento do meu tempo á asistencia á Avogacía do Estado na miña defensa, na do Estado e á propia vista". Do contrario, veríase "prexudicadoo o meu dereito a evitar que os meus escasos ingresos como xubilado, no canto de dedicárense ás necesidades da miña familia, se estean empregando en sufragar os gastos que este asunto me ocasiona".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.