Cando a loita é que o sistema electoral fique tan desproporcionado como está

Escanos do Goberno e do PP na Cámara © Parlamento de Galicia

Foi presentada como urxente hai quince meses e vai camiño de aprobarse tras dous anos aparecendo e desaparecendo da axenda. O recorte de escanos no Parlamento leva un tempo considerable na recámara política do PP, da que entra e sae en función dos acontecementos, léase por exemplo o escándalo das fotografías de Alberto Núñez Feijóo con Marcial Dorado. Durante estes meses os conservadores expuxeron argumentos de toda caste para xustificar a tesoirada, dende o aforro -agora xa cifrado, xenericamente, en "millóns de euros"- ata o "simbolismo" pasando por pagar gardarías. Agora Feijóo mantén que a súa intención é sacar adiante a reforma antes do verán de 2014 e o seu grupo amosa unha lixeira apertura a negociar o mínimo de escanos por provincia para manter a representatividade tal e como está. De desproporcionada.

Na actualidade as catro circunscricións electorais nas que se divide o país teñen un mínimo asignado de 10 escanos e reparten os 35 restantes en función da poboación (14 na Coruña, 5 en  Lugo, 4 en Ourense e 12 en Pontevedra). Esta distribución xa sobrerrepresenta as provincias do interior, tradicionais celeiros de votos da dereita dende os tempos de UCD, nunha liña na que afondou Manuel Fraga ao subir a barreira do 3% ao 5% para obter representación parlamentaria. Así as cousas, mentres grupos parlamentarios como o BNG ou AGE xa advirten de que non negociarán, o PSdeG abre a porta ás conversas para tentar manter, na medida do posible, o statu quo actual, que tamén o prexudica a respecto do PP.

O actual mínimo de 10 escanos por provincia xa sobrerrepresenta a Lugo e Ourense

Partindo da base de que o "fallo" está na "orixe" da lei e que o debate é "de números" e non "de aforro", o economista e analista electoral Carlos Neira explica que tocar os mínimos provinciais é imprescindible para, cando menos, deixar as cousas como están. "Se se reduce a cota fixa que se asigna a cada provincia manteríase a proporcionalidade", se ben esa redución tería que situarse, cando menos, "a partir de 8" escanos por provincia para facerse nunha "proporción semellante" ao recorte total de 14 deputados e deputadas, isto é, do 20% do hemiciclo. Non facelo implicaría que o PP introduce unha "nova distorsión ao seu favor".

As variacións de poboación e a Lei d'Hondt

Pero nin sequera a redución das cotas provinciais manterían as proporcións do sistema electoral galego tal e como foi concibido en 1981, cando se elixían 71 escanos -no medio da faixa estipulada no Estatuto-. Nin sequera como en tempos do tripartito, que decidiu incrementar o hemiciclo ata 75 membros. "A evolución demográfica vai agravando a desproporción", subliña Neira, xa que, por exemplo, as circunscricións interiores "daquela tiñan 350.000 habitantes e non 300.000", como na actualidade. Así, sinala, mesmo para manter as proporcións actuais habería que ter en conta a relación entre número de escanos e cifras poboacionais actuais. E "iso daría menos deputados para o interior".

A Lei d'Hondt ten "efectos desproporcionais maiores canto menor é o número de escanos a repartir"

Do mesmo xeito, o analista advirte "outro efecto" do plan de Feijóo, "máis sutil" que o da devandita sobrerrepresentación de Lugo e Ourense. A Lei d'Hondt, que rexe para distribuír os escanos en función dos votos obtidos, "ten efectos desproporcionais maiores canto menor é o número de deputados a repartir". Neira explica este efecto cun caso "extremo": se nunha circunscrición houbese dous escanos a repartir, se un partido "obtén o 67% dos votos,  leva o 100% dos escanos". "Ao final -salienta- é unha cuestión de números" que o PP podería aplicar correctamente "se quixese". Pero se hai algo "claro" é que o PP "non vai cambiar as tornas para o lado contrario". Os populares, ironiza, "non van na liña do 15-M", ben ao contrario, conclúe, "poderémonos dar cun canto nos dentes se o cambio final pasa por que negocian o fixo provincial" e deixan a proporcionalidade "como está".

Composición actual do Parlamento © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.