UPyD foi o único grupo que quixo restarlle cartos a Galicia nos Orzamentos do Estado

Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe CC-BY-SA Manuel Vilas

UPyD e Galicia non se gustan demasiado. O partido fundado e dirixido por Rosa Díez, quen manifesta aspiracións de renovar a actividade política á que se dedica dende 1979, apenas dá callado no país. O seu discurso recentralizador non chegou ao 0,55% dos votos galegos nas xerais de 2008, e o seu mellor resultado ata o momento chegou nas eleccións autonómicas de 2012, cando ficou nun raquítico 1,47% dos sufraxios emitidos. Malia aos temores que chegou a causar nas filas do PP, a liña política do partido e as saídas de ton da súa líder, que se sumou con entusiasmo aos postulados da asociación Galicia Bilingüe, non auguran excesivo percorrido para os maxentas que, non obstante, si se fixaron en Galicia no recente debate dos Orzamentos Xerais do Estado de 2014. Pero para recortar.

Nunha actitude pouco frecuente nun grupo parlamentario da oposición UPyD presentou dezaseis emendas relacionadas con Galicia e todas para restar investimentos no ámbito das infraestruturas, que centra as achegas galegas do gabinete de Mariano Rajoy. Nomeadamente, os de Díez reclamaron eliminar as partidas destinadas ao remate das obras ferroviarias en Galicia, a comezar por 846 millóns millóns para a liña de alta velocidade Zamora-Ourense e a seguir polos 745.000 euros para o aínda non iniciado treito de AVE entre Ourense e Lugo. O mesmo pediron para os 20.000 euros que Fomento asegura que investirá nun "estudo" para implantar o tren rápido entre Lugo e A Coruña.

O partido de Rosa Díez nunca chegou ao 1,5% dos votos en Galicia

Sen saír do tren, pero pasando ao eixo atlántico, UPyD esixiulle ao Goberno central que eliminase os 195 millóns consignados para rematar esta liña e realizar obras en estacións. Tamén no ámbito das infraestruturas este grupo reclamou que o Executivo de Rajoy non investise 5,8 millóns de euros en compensar a Audasa pola supresión das peaxes entre O Porriño e Vigo e entre A Coruña e A Barcala. En total, o recorte reclamado por este partido sumaba 1.048  millóns de euros dos 1.353 que, sempre segundo o proxecto orzamentario, o Estado vai destinar a Galicia durante 2014.

Sen propostas alternativas

Aínda que UPyD presentou estas emendas baixo a suxerente pregunta "¿AVE o colegios?" o certo é que a súa reclamación de desinvestimentos non se vía compensada coa presentación de alternativas noutros ámbitos. Simplemente, propuxeron que os cartos do tren galego fosen parar a outras partidas do Ministerio de Fomento sen pedir, por exemplo, que estes fondos financiasen outros labores do Goberno central.

UPyD asegurou que reclamaba estes recortes para investilos en servizos sociais, pero non o plasmou nas emendas

Así e todo, e malia non reflectilo nas emendas, a formación de Rosa Díez asegurou publicamente que pedía unha "moratoria" no AVE para "que os cidadáns galegos, coma os do resto de España, teñan acceso á mellor sanidade, á mellor educación, a unhas pensións dignas, ao coidado dos maiores e dos seus enfermos". "Trátase de priorizar e de poñer os cidadáns por diante dos partidos e dos seus intereses", aseguraron, nun discurso no que o partido acusou os "nacionalistas" de defender estes investimentos pola súa tendencia a defender "o seu". Ningunha das emendas foi aprobada.

Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe CC-BY-SA Manuel Vilas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.