A Xunta tamén recorrerá a sentenza do Prestige

A sala do tribunal, antes de ler a sentenza do Prestige © Cerna

A Xunta tamén recorrerá a sentenza do Prestige. Alberto Núñez Feijóo anunciou este xoves que a asesoría xurídica do Goberno concluíu a súa análise do ditame do Prestige e que o Executivo decidiu presentar un recurso de casación contra a resolución xudicial. Tal e como fixera hai unha semana, o presidente galego expllicou que non está "satisfeito" coa sentenza pola "falta de responsabilidade económica".

"Avaliamos todas as posibilidades en colaboración coa Fiscalía e a Avogacía do Estado e a asesoría xurídica da Xunta. Había a posibilidade dunha adhesión ao rescurso do Estado se o formula. A decisión é presentar un recurso propio", aclarou Feijóo, que aclarou que a acción da Xunta "busca a maior protección dos intereses dos galegos e da defensa do medio ambiente". "Insistimos en que esta contaminación [os gastos] ten que ser abonada por alguén. Os gastos en que incorreu Galicia e o conxunto do Estado teñen que ter un responsable e quen dane o noso medio debe reparar o dano que causou", engadiu.

"Os gastos nos que incorreu Galicia e o conxunto do Estado teñen que ter un responsable e quen dane o noso medio debe reparar o dano que causou"

"Coincidimos en que Galicia sufriu graves consecuencias ecolóxicas, sociais e económicas por deixar navegar un barco que nunca tivo que deixarse navegar", asegurou Feijóo, que nada dixo da xestión política da catástrofe, que xa defendeu nada máis coñecer o ditame xudicial. "A clasificadora, a aseguradora e a armadora non poden quedar impunes. Hai indemnizacións muiltimillonarias ás que teñen que facer fronte", dixo tras o Consello da Xunta.

Ademais, Feijóo tampouco descartou esgotar as vías xudiciais para acadar unha responsabilidade civil da catástrofe, pero aclarou que iso "non toca agora", porque o que hai que facer é "esgotar primeiro a penal". "O capitán e, no seu caso, a armadora da que depende, teñen unha responsabilidade patrimonial e indemnizatoria. A responsabilidade civil que se teña que substanciar despois desta responsabilidade penal temos que seguila traballando", rematou.

O recurso anunciado pola Xunta únese ao do Estado e tamén ao anunciado pola asociación ecoloxista Arco Iris e pola plataforma Nunca Máis, que anunciou a súa intención de chegar aos tribunais europeos se fose o caso.

O presidente do tribunal le a sentenza do Prestige Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.