Feijóo lánzase á defensa da xestión de Aznar co Prestige

Feijóo, nun intre do pleno © Conchi Paz

Cando o Prestige partía e afundía ante as costas galegas Alberto Núñez Feijóo presidía a compañía estatal Correos y Telégrafos, dependente do Ministerio de Fomento de Francisco Álvarez-Cascos. Dous meses e dous días despois do afundimento da ferralla flotante unha fenomenal crise no Goberno Fraga deixaba fóra do organigrama a Xosé Cuiña e puña no seu lugar a Feijóo, que tras un ano en San Caetano xa era elevado á vicepresidencia. Os ritmos da Xustiza e o veredito das urnas provocaron, once anos despois, que Feijóo teña que avaliar a sentenza da catástrofe como presidente da Xunta. Este martes fíxoo por primeira vez en sede parlamentaria, onde se lanzou a defender a xestión do Goberno do que, ao cabo, formou parte.

O voceiro do BNG, Francisco Jorquera, emprazou o presidente a aclarar "que vai facer" para "acabar coa indefensión das nosas costas" alén de recorrer a sentenza, nunha operación que o nacionalista interpreta como un "lavado de cara, porque os verdadeiros responsbles non estaban imputados, tampouco o señor Rajoy nin o señor Cascos". Sen mencionalo, Feijóo envolveuse na bandeira da xestión do gabinete Aznar, que "o primeiro que fixo foi salvar a tripulación" do buque e lograr que, "tan só un mes despois, os mariñeiros" estivesen "cobrando". Aznar pagaba mentres o BNG facía "unha gran contaminación política", veu dicir, acusando a oposición, en xeral, de querer "axustizar" agora "a un Goberno de hai once anos".

Feijóo apela ao Plan Galicia e a que "os mariñeiros estaban cobrando un mes despois"

Pero, cales foron os efectos da marea negra no país? Segundo o presidente ningunha das advertencias que "vostedes plantexaban" tras a catástrofe se cumpriu. As rías, asegura, estaban "completamente recuperadas" apenas "un ano despois" e na "pesca e no marisqueo" hai "un 30% máis de capturas que hai dez anos". Por se fose pouco, "o Goberno comprometeuse a investir no Plan Galicia", o mesmo que o propio Feijóo promocionou como conselleiro e grazas ao cal, subliña, "temos o porto exterior da Coruña". Ante tal catálogo á oposición e, nomeadamente, ao Bloque, só lle queda "unirse a Galicia".

Jorquera advirte de que a costa galega segue "indefensa" once anos despois da catástrofe

As explicacións presidenciais non convencen a Jorquera, que advirte de que na actualidade hai "cero buques anticontaminación" con base en Galicia, as "investigacións" na materia están "paralizaradas polos recortes" e nin sequera hai "seguimento vía satélite" para os barcos que "usan o corredor de Fisterra para limpar caldeiras, como retrete". "Vai facer algo ou segue preferindo que as nosas costas sigan gobernadas dende Madrid a costa da indefensión de Galicia?", cuestionou. "As costas españolas as goberna España", retrucou o presidente, para quen o ditame do Tribunal Superior foi unha "decepción" porque "o capitán non foi condenado por delito medioambiental e debería de selo". Por iso, subliña, a Xunta recorre ante o Supremo.

Jorquera formúlalle a pregunta a Feijóo CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.