0 Gardados para despois

Máis Galiza e 'irmandiños' convocan asembleas para decidir o seu futuro

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Unidade" e "reflexión". Son dous dos termos máis repetidos nos primeiros días tras a Asemblea Nacional do BNG que, a pasada semana, reelixiu a Guillerme Vázquez como portavoz nacional e situou a Francisco Jorquera como candidato nacionalista á presidencia da Xunta. Mientres a corrente gañadora da cita asemblea, a Alternativa pola Unidade, fai nestes días fincapé en que vén de comezar o tempo da "corresponsabilidade" e a "lealdade" dende dentro do propio Bloque, as correntes que formaron o outro polo da asemblea, Máis Galiza e o Encontro Irmandiño, veñen de abrir senllos procesos internos que desembocarán nas súas respectivas asembleas nacionais. Nelas decidirase a liña política adoptar na nova etapa e tamén se esta se desenvolverá dentro ou fóra da formación frontista.

Cun xogo de maiorías especialmente axustado na nova Executiva Nacional -sete representantes da ApU, outros sete da suma de +G e 'irmandiños' e un do Movemento Galego ao Socialismo-, a xuntanza que este órgano directivo celebrará a vindeira semana será o primeiro reflexo da nova etapa. Despois dunha primeira "toma de contacto" na que Guillerme Vázquez salientou que as diferenzas entre correntes ficaron en Amio para dar lugar a un único BNG, o segundo encontro servirá para tomar unha decisión que non é menor: a substitución de Carlos Aymerich, líder de +G, como portavoz parlamentario.

Ao feito de que o propio Aymerich amosase ao remate da Asemblea Nacional a súa intención de afastarse da primeira liña política do Bloque -"teño outra vida e outra profesión", resumiu- engádese que os novos estatutos da fronte impiden ser voceiro nunha institución e, ao tempo, encabezar unha corrente interna. Neste sentido, Aymerich precisa que non renunciou formalmente ao cargo, se ben explica que este está á disposición da Executiva, circunstancia que lle explicitou a Guillerme Vázquez. Así as cousas, a remuda producirase agás sorpresa maiúscula, e as olladas sitúanse esencialmente en dúas persoas como posibles substitutos: Ana Pontón, actual vicevoceira, e en menor medida, Alfredo Suárez Canal.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Reflexión nos colectivos de Beiras e Aymerich e valoración positiva no MGS

Despois de unírense a Máis Galiza na candidatura Novo Proxecto Común, refundación e rexeneración, a Coordinadora Nacional dos 'irmandiños' reuniuse onte por primeira vez de xeito formal para abordar os resultados da Asemblea. Tras esta xuntanza, o EI mantén que o cónclave de Amio rematou cun "auténtico empate técnico" entre "os que pretendemos unha fronte plural" e os que "pretenden máis do mesmo". Esta circunstancia, din, require "unha reflexión seria sobre o camiño a tomar" que se concretará o vindeiro día 12, nunha asemblea extraordinaria do partido.

Nesa cita asemblear "avaliarase" se "se cumpren ou non as condicións previstas" nas teses políticas que defenderon xunto a Máis Galiza e tamén se pulsará a opinión da militancia a respecto da permanencia ou non no Bloque. Neste sentido, na dirección 'irmandiña' non se obvian as voces que apostan pola marcha, máis intensas nos seus membros máis mozos. Así e todo, Xosé Manuel Beiras sinalaba o pasado luns que a súa corrente está "dentro". Senón, di, non terían participado na conformación da nova Executiva.

Tamén no caso de Máis Galiza as chamadas a cuestionar a permanencia no Bloque se escoitan entre o seu sector xuvenil. Estas explicitáronse nun encontro "aberto" mantido xunto con mozos 'irmandiños' o pasado xoves en Santiago. Non obstante, dende o "referente xuvenil" do colectivo de Aymerich, a Mocidade Nacionalista Galega, agardarase á decisión da asemblea nacional de +G, que quedará formalmente convocada desde este venres. "Tentaremos crear unha corrente de opinión favorable" á ruptura nos foros internos, explican.

Pero non todas as correntes internas distintas da ApU apostan pola creba. No Movemento Galego ao Socialismo (MGS), que ten un asento na Executiva e tres no Consello Nacional, a "primeira valoración" da asemblea subliña que en Amio houbo un "debate de ideas" tras o que cómpre "consolidar a tímida viraxe á esquerda" dos últimos anos. Ademais, a corrente que estará representada por Rafa Villar na dirección do Bloque e que apoiou a candidatura de Guillerme Vázquez salienta que "os resultados, moi igualados entre as dúas tendencias maioritarias fan temer que persistan" no seo do Bloque "dinámicas letais para a convivencia" que as tendencias "maioritarias" deben evitar, conclúen.