O goberno de Vila de Cruces exalta as ditaduras de Franco e Primo de Rivera

Placas recuperadas en Vila de Cruces CC-BY-NC-SA PSdeG

Case seis anos despois da súa aprobación, a Lei da Memoria Histórica aínda non chegou a moitos lugares públicos. Mentres algunhas institucións públicas se van desfacendo, devagar, dos derradeiros vestixios franquistas nos seus espazos públicos, xa sexa física ou simbolicamente, outras percorren o camiño contrario e, nunha inefable decisión, repoñen a simboloxía da ditadura que xa fora retirada, mesmo antes da propia lei. Isto é o que vén de acontecer en Vila de Cruces, segundo denuncia a oposición municipal.

"Hai cousas que xa pensábamos que estaban superadas pero, polo que se ve, o noso alcalde ou aínda vive na posguerra ou traizoouno o subsconciente". Son as dúas posibles explicacións que se lle ocorren ao PSdeG local tras comprobar que dúas placas de exaltación de senllas ditaduras, a de Primo de Rivera e a de Franco, foron recolocadas no local social municipal da parroquia de Carbia. Isto acontece, explican, "máis de trinta anos despois" de que fosen retiradas do seu emprazamento orixinal, a antiga Casa do Concello, por iniciativa do daquela edil socialista José María Vilariño.

As placas, retiradas, hai "máis de trinta anos" da casa consistorial, foron reubicadas agora nun local social do Concello

Pero agora, denuncian, o popular Jesús Otero (PP), que goberna o municipio con maioría absoluta, "desempoounas e recolocounas nun novo local público, vulnerando a lei" de maneira consciente e "espertando vellas pantasmas do pasado". "Porque se o feito de ter placas franquistas sen retirar en lugares públicos pode resultar grave, máis delito ten recolocar as que xa foran retiradas no seu día", evidencian.

Mentres agardan a que "se pronuncie o resto dos concelleiros do goberno municipal", especialmente, din, unha edil veciña da parroquia "na que tiveron a feliz idea de colocar as placas", o PSdeG xa solicitou formalmente "que retiren inmediatamente as placas fascistas para evitar a vergoña que suporía para Vila de Cruces que tivese que ordenar a súa retirada a fiscalía ou o xuíz correspondente". "Para máis colmo -advirten- o local onde o alcalde reubicou as placas vén sendo local electoral", circunstancia que, "a bo seguro, propiciará impugnacións" en futuros comicios.

Placas recuperadas en Vila de Cruces CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.