A oposición predica no deserto orzamentario

Bancadas da oposición, nun pleno do Parlamento CC-BY-NC-SA AGE

Os Orzamentos Xerais da Xunta para 2014 están a piques de ser aprobados. Entre este luns e este mércores o Parlamento acolle as derradeiras sesións antes de que a maioría absoluta do PP lle dea luz verde definitiva ás quintas contas públicas da era Feijóo. A estes plenos chegou vivo un milleiro longo de emendas formuladas polos grupos parlamentarios da oposición. Agás sorpresa maiúscula, todas elas irán parar, unha detrás doutra, ao caixón dos asuntos rexeitados, facendo que o proxecto económico gobernamental saia do Pazo do Hórreo practicamente intacto.

Pero, que é o que queda polo camiño? O longo e árido debate orzamentario fai difícil que a cidadanía en xeral, mesmo quen siga habitualmente a actividade parlamentaria, poida bosquexar en que consistiron as alternativas formuladas por PSdeG, AGE e BNG. Entre emendas ao articulado, emendas transversais ou recolocacións de fondos -condicionados, en todo caso, ao teito de gasto- destacan, por exemplo, as propostas impositivas que converterían o sistema tributario galego nun modelo un chisco máis xusto, a xuízo das formacións da esquerda.

Mentres se dispón a darlle luz verde á suba do imposto de hidrocarburos ou do canon de Sogama o PP rexeita a aplicación, por exemplo, dunha "escala máis progresiva do IRPF", como defendeu o BNG, que a través de Francisco Jorquera propuxo tamén "reducir o mínimo exento" de pagamento no imposto de patrimonio ata os 300.000 euros e "incrementar o tipo impositivo para os grandes". O límite desa exención debera situarse, segundo o socialista Juan Carlos González Santín, nos 350.000 euros, "excluíndo a vivenda habitual", o que faría que pagasen as persoas que están "moi por riba das clases medias" . Ambas propostas foron deitadas ao balde do lixo.

PSdeG, AGE e BNG defenderon a creación de impostos para a banca e os centros comercais ou gravar máis as rendas altas

Ese mesmo destino é o que lle agarda ao plan de Alternativa Galega de Esquerda para crear "un imposto autonómico sobre os pisos baleiros" e á iniciativa do mesmo grupo para "minorar" de maneira "selectiva e ponderada o actua nivel de beneficios fiscais" para que "os que menos pagan resulten máis beneficiados". Estas e outras, di Xosé Manuel Beiras, son "emendas na dirección da racionalidade, da xustiza e da equidade" e "se fosen aprobadas poderíamos superar o teito orzamentario" sen que "o aumento dos ingresos fose destinado a pagarlles aos bancos".

Un imposto sobre a banca, máis tributos sobre os grandes patrimonios ou impostos específicos para as grandes superficies comerciais foron outras das iniciativas defendidas dende as bancadas opositoras e que PSdeG, AGE e BNG se apoiaron mutuamente. Pero o Goberno e o PP, lamenta Jorquera, seguen apostando por substituír "a realidade pola publicidade e a propaganda", limitándose, reprocha Santín, a aceptar unha única emenda, formulada polos socialistas e de carácter meramente técnico. "Isto non é un debate, é un trámite máis", lamenta Beiras, que cuestiona a "autoridade moral" do PP para "predicar" que as persoas "do común" paguen máis impostos mentres "botan da administración a funcionarios honestos" que perseguen a fraude fiscal. Os populares, di, teiman en asegurar que xestionan a Xunta "como un padre de familia" e iso é propio "de imbéciles".

Bancadas da oposición, nun pleno do Parlamento CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.