0 Gardados para despois

O esgotamento de deputados na Coruña complícalle ao PP a destitución de Conde Roa

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O alcalde de Santiago xa é un problema para o PP, e non só e estritamente pola súa presunta fraude fiscal. Despois de que este luns Gerardo Conde Roa recoñecese, nunha controvertida rolda de prensa, que dedicou 291.000 euros de IVE a pagar débedas da súa promotora inmobiliaria a presión increméntase sobre o rexedor compostelán e, por extensión, sobre o PP. Se ben o partido que sustenta o Goberno galego se limita a asegurar que as explicacións de Conde Roa foron "cumpridas" e "suficientes" e adía a posibilidade de tomar decisión ningunha, medran as voces internas que coidan que a permanencia do rexedor compostelán no seu cargo non se pode estender indefinidamente, e menos en ano electoral. Neste contexto, o agardable sería que a dirección dos populares galegos, a comezar polo propio Alberto Núñez Feijóo, forzase a dimisión do alcalde, pero esta decisión tería unha onda expansiva que impactaría directamente no grupo do PPdeG no Parlamento e que mesmo podería chegara a poñer en risco a maioría absoluta que sustenta o Executivo galego.

A causa desta problemática colateral hai que buscala na lista coa que o PP concorreu ás eleccións autonómicas de 2009, na posterior configuración do Goberno e nas candidaturas dos populares ás municipais en 2011. Tal e como ten detallado Praza Pública estes tres procesos deron lugar a un corremento de lista inédito na historia da Cámara galega, chegando ao punto de que o pasado outono sentaba no Pazo do Hórreo a última integrante da candidatura, Gema Freire, que concorreu aos comicios no posto vixésimo cuarto -o PP ten doce deputados pola Coruña-. Tendo en conta que a substituta natural de Conde Roa é a súa número dous no Concello, a deputada Paula Prado, este esgotamento provocaría que, para manter a súa maioría de 38 deputados, o PP tivese que botar man das persoas ás que incluíu como suplentes en 2009. E é aquí onde está o problema para os intereses do grupo que sustenta o Goberno. 

O primeiro suplente é o alcalde de Boiro e a segunda Leyre Aldasoro, afastada do PP dende 2010

A incompatibilidade entre alcaldía e Parlamento na que incorrería Prado no caso de substituír a Conde Roa afecta tamén ao primeiro dos suplentes, Juan José Dieste, actual alcalde de Boiro. Aínda que sen incompatibilidades a situación non sería máis doada para os populares se Dieste decide seguir na alcaldía. Nese caso, a lista correría de novo e o escano corresponderíalle á segunda suplente, Leyre Aldasoro, ex presidenta da xestora do PP en Arzúa, afastada do partido dende 2010 e cuxa presenza tampouco aseguraría a maioría parlamentaria. Se Aldasoro tamén renunciase o terceiro suplente sería tamén sinónimo de incompatibilidade, xa que este posto foi ocupado por Gumersindo Galego, rexedor de Fene dende 2011. 

Neste contexto, as opcións que lle quedan ao PP son escasas no caso de que Gerardo Conde Roa cedese o bastón de mando na capital de Galicia: ou optan por situar a unha persoa distinta de Prado no sillón da alcaldía, cando menos ata a disolución do Parlamento con motivo das vindeiras eleccións autonómicas ou ben o manteñen no posto ata que os galegos sexan chamados de novo ás urnas.

Novas peticións de dimisión dende PSdeG e BNG

Mentres o PP evitaba ofrecer a súa postura sobre a situación procesual de Conde Roa ou sobre as súas declaracións deste luns dende os grupos da oposición parlamentaria continuaban a chegar peticións de dimisión. Nesta liña, o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, lamentaba dende o Parlamento que multitude de dirixentes políticos se teñan pronunciado xa sobre o conflito do alcalde compostelán mentres a cúpula dos populares permanece "desaparecida". "Quen ten que falar é o presidente de Galicia", di Vázquez, sobre unha situación "dañina para Santiago e para Galicia". O líder socialista "segue sen entender" o "silencio" do PP e o Goberno sobre este "problema de imaxe pública.

Nun sentido semellante a voceira do BNG no Parlamento, Ana Pontón, amosábase convencida de que "Conde Roa debería dimitir". "El mesmo recoñece que cometeu un delito que é grave", subliña a nacionalista, a quen lle resulta "alaramente" que "o PP ampare este tipo de prácticas" que son "ilegalidades manifestas". Dende o seu punto de vista os conservadores estanse a convertir en "cómplices" da presunta fraude fiscal de Conde Roa se non o afastan do seu cargo no Concello.

Ana Pontón esixe a dimisión de Gerardo Conde Roa e ve o PP "cómplice" da súa presunta fraude fiscal

CC BY-SA Praza Pública

Pachi Vázquez censura o "silencio" do PP sobre Conde Roa

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.