0 Gardados para despois

Unha sanidade "coa mesma garantía de pública que a catedral de Santiago"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Nas vésperas da visita do papa Bieito XVI a Compostela, en novembro de 2010, a Igrexa púxose á fronte do dispositivo de seguridade. Santiago, territorio vaticano, rezaba un titular de prensa para sintetizar o a operación das autoridades católicas, das que dependían en última instancia os movementos de 6.000 axentes da policía española e, especialmente, de todo o que acontecese en torno á catedral. Esa delegación de competencias suscitara daquela certa polémica, toda vez que o templo compostelán, igual que o pazo arcebispal, é propiedade da Igrexa e, polo tanto, un recinto privado no que se despregaron inxentes recursos públicos. Ese carácter privado foi obviado este mércores polo presidente da Xunta para, nun inédito paralelismo, tentar garantir a condición pública do Servizo Galego de Saúde.

Despois da folga que a semana pasada paralizou en boa medida actividade do Sergas e sacou milleiros de persoas ás rúas, os tres grupos da oposición cuestionaron a Alberto Núñez Feijóo polo futuro do sistema público de saúde. "A cidadanía saíu masivamente á rúa para defender a sanidade pública" e "a súa resposta foi substituír a realidade pola propaganda" con anuncios na prensa, reprochoulle ao presidente o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, para quen as protestas do persoal sanitario e da sociedade están máis que xustificadas porque "desmantelan a sanidade público para que outros fagan negocio". "Privatizan o 112, a alta tecnoloxía, a plataforma loxística" ou mesmo "a xestión de hospitais", aínda que teña "un custo catro veces superior". 

"Calquera hospital público en Galicia ten a mesma garantía de público que a catedral de Santiago", respondeulle Feijóo a Jorquera

Para o xefe do Executivo non cabe a preocupación polo Sergas porque "estamos investindo máis ca nunca" e "blindando" o seu carácter público. "O que lle podo asegurar é que levan tres décadas falando a privatización" e "vostede -espetoulle a Jorquera- estará xubilado e seguirá falando de privatización, o problema é que xa non o cre ninguén". "Calquera hospital público en Galicia ten a mesma garantía de público que a catedral de Santiago", proclama o presidente entre risos da oposición, que minutos despois xa lembraban, a través das redes sociais, que o recinto eclesiástico segue a ser propiedade da Igrexa.

Máis mel que auga

Catedrais á marxe, o presidente suscitou tamén a hilaridade no hemiciclo ao tentar, implicitamente, emendar as súas declaracións nas que, nun acto público, recomendou consumir "menos fármacos e máis mel". Aos anuncios da Xunta, ironizou Jorquera, dan a entender que "a situación crítica da nosa sanidade" se debe "ao uso irresponsable por parte dos usuarios; só lles falta utilizar o lema sanidade pública, non recorras a ela e toma mel". O voceiro nacionalista non logrou saber "canto custaron eses anuncios", pero si obtivo unha explicación de Feijóo: "hai moitos medicamentos de baixa utilidade terapéutica" cuxa composición é maioritariamente "auga". "Entre a auga e a mel, eu me quedo coa mel", sentenzou tras fiar a "sostibilidade" do Sergas a que a cidadanía faga "unha utilización racional" del.

O presidente desdeña a folga e asegúralle a AGE e ao BNG que "nin privatizamos nin privatizaremos a sanidade"

Así e todo, Feijóo insiste en que en Galicia hai agora "máis sanidade pública" que hai cinco anos, cando el chegou a San Caetano, e por iso non acepta as críticas de Jorquera nin tampouco as da vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, para quen Feijóo debera comezar por "repasar as notas de dereito canónico" para aclarar a propiedade catedralicia. Para Díaz decisións como a creación das áreas de xestión clínica son sinónimos dun "saqueo" que, ademais, ten "o rostro da corrupción" en operacións como as colaboracións público-privadas, un "modelo" que "mata" e contra o que o persoal se mobilizou nunha folga que o presidente desdeña porqeu "dos seis sindicatos" que conforman a correspondente mesa sectorial, "convocaron a folga tres e outros tres, non".

"Nin privatizamos nin privatizaremos a sanidade pública", insiste Feijóo, en cuxa opinión AGE non debera realizar preguntas ao respecto, toda vez que "hai unha deputada de AGE que traballa no único hopsital privado que hai en Galicia". "Privatizan a cita previa, as historias clínicas, a receita electrónica" e agora, indirectamente, "as listas de espera" coa lei de garantías, insiste Díaz. "O único que se privatizou aquí foron os escanos de Izquierda Unida", resolveu o presidente.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.