A segunda oportunidade do PP para atallar a pobreza enerxética

España é un dos países da UE no que a electricidade é máis cara CC-BY La.Blasco

Organizacións como Cáritas calculan que en Galicia máis de 600.000 persoas sofren pobreza e unhas 120.000 están en situación de pobreza severa. Dende 2009 os fogares con todos os membros no paro duplicáronse e, en apenas catro anos, os núcleos familiares nos que non entra ningún ingreso medraron un 63%. Numerosas organizacións non gobernamentais alertan de que esta situación afecta especialmente á infancia, nun contexto no que máis de 12.000 nenos e nenas de Galicia viven en fogares nos que ninguén realiza ningún traballo remunerado. Este é o pano de fondo ante o que medran as reclamacións de medidas para frear unha das consecuencias desta situación, a pobreza enerxética.

A falta de recursos para manter o fogar en condicións térmicas adecuadas durante os meses invernais, que afecta a case un 20% da poboación galega, foi abordada o pasado martes no Congreso dos Deputados. Alí, o PP vetou unha iniciativa elaborada pola Izquierda Plural e apoiada pola oposición en pleno para, entre outros aspectos, impedir que as persoas sen recursos económicos perdan o subministro de luz ou gas durante o inverno se non o poden pagar. Os conservadores aseguran "solidarizarse" coas vítimas da pobreza enerxética, pero non consideran "xustificada" unha lei para previla e por iso nin sequera accederon a tomar en consideración a proposta.

No Congreso o PP asegurou "solidarizarse" coas vítimas da pobreza enerxética pero vetou unha lei para freala

O debate nas Cortes Xerais foi o primeiro no que o PP tivo a oportunidade de frear a pobreza enerxética pola vía legal, pero non o único, cando menos no caso galego. O partido da dereita terá que definirse ao respecto tanto no Parlamento como nos concellos do país por mor de iniciativas xa elaboradas polo BNG. A primeira delas, xa rexistrada no lexislativo por Francisco Jorquera e Carme Adán, recolle unha das propostas centrais do Comité Económico e Social Europeo para paliar o problema: a instauración das denominadas "treguas invernais" que impidan "os cortes de subministro eléctrico a familias sen recursos que non teñen cartos para pagar as facturas", cando menos "durante o período máis duro do inverno". "Os niveis de pobreza en Galiza, así como as duras condicións climatolóxicas deste inverno, fan especialmente necesario que o Parlamento galego se posicione a respecto da pobreza enerxética e das súas dramáticas consecuencias", argumenta o Bloque.

Dende os concellos

No caso de non atender esta reclamación, a mesma esixencia chegará tamén ao Goberno galego dende o ámbito local, toda vez que os nacionalistas tamén lanzarán esta reivindicación dende os concellos, entre outros motivos, porque a reforma local vai traer consigo "a eliminación de servizos que se prestan nos concellos". A "permanente redución dos orzamentos" público e "o encarecemento da enerxía", argumentarán nunha moción dirixida aos plenos municipais do país, provocan que "cada vez máis persoas quedan sen prestacións ao esgotaren as axudas de protección social, sen fogar ou sen poder afrontar servizos básicos". Neste contexto, sinalan, os gobernos locais "tamén deben impulsar diante do Estado español e da Xunta iniciativas" para garantir esa prestación de servizos básicos "aos grupos máis desfavorecidos".

O BNG instará a Xunta a impedir os cortes de enerxía a persoas sen recursos dende o Parlamento e dende os concellos

Así, os concellos que lle dean luz verde a esta moción instarán a Xunta a pedir que se imite a países europeos como Francia, que "limitan durante o tempo invernal os cortes de subministro eléctrico a familias sen recursos" ou Alemaña, "que paga a calefacción e o aluguer a persoas en paro de longa duración". En Galicia, din, estas medidas cobran aínda máis sentido porque é "excedentaria na produción de electricidade" e, "mentres padece os custos sociais que medioambientais que supón a xeración eléctrica, non obtén ningún beneficio". Por todo isto, din, a Xunta debe "realizar as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situació de pobreza" e, mentres non o faga, adoptar "medidas prácticas para evitar as dramáticas consecuencias" da pobreza enerxética "nos fogares galegos máis desfavorecidos".

España é un dos países da UE no que a electricidade é máis cara CC-BY La.Blasco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.