O Parlamento xa rebaixou case un 20% o seu orzamento sen tocar os escanos

Pilar Rojo diríxese ao pleno da Cámara © Parlamento de Galicia

Nos seus tempos como adxunto á portavocía do PP no Parlamento, a finais de 2005, Alberto Núñez Feijóo reprocháballe ao daquela conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu, que "deixarse caer nunha comparecencia" a intención do Goberno de mudar a lei electoral para reducir a sobrerrepresentación de Lugo e Ourense. Sete anos despois daquelas protestas Feijóo aproveitaba unha entrevista na prensa para anunciar, na súa condición de presidente do Executivo, que se dispuña a reducir o número de escanos do lexislativo ao mínimo legal en aras da austeridade. Dende ese momento os argumentos do PP ao respecto foron variando dende o aforro ao pagamento de gardarías, pasando polo "simbolismo" ou o non sometemento "ás minorías". Con todo, á hora de presentar formalmente a proposición os conservadores retomaron os argumentos económicos obviando, non obstante, que o Parlamento xa vén reducindo o seu orzamento ano tras ano.

Aínda que alude ao "avance no exemplarizante esforzo de contención e incremento da eficiencia do gasto público" a iniciativa do PP non contén unha soa cifra económica. Eses números son doados de atopar nos sucesivos Orzamentos Xerais, nos que é posible comprobar que a Cámara manexa neste 2014 un 16,80% menos de fondos que en 2009, ano da vitoria electoral popular. Daquela, co derradeiro orzamento elaborado polo bipartito, a institución parlamentaria xestionaba 19,6 millóns de euros, que en 2010 pasaron a 18,5 e que seguiron caendo sostidamente ao longo dos anos ata chegar aos actuais 16,3 millóns.

Ademais da redución orzamentaria, na pasada lexislatura o Parlamento aforrou 7 millóns, dous máis que co recorte de escanos

Ademais da redución orzamentaria a propia Presidencia da Cámara admite que na pasada lexislatura acumulou uns aforros de case 7 millóns de euros, 2 millóns máis do que deixaría de gastar coa redución de 14 escanos. Segundo o gabinete de Pilar Rojo a "política de racionalización de gasto traduciuse na implantación de medidas de axuste en practicamente todos os ámbitos agás nos de tecnoloxías da información" por mor da "obsolescencia da maior parte dos equipos", o que deu lugar ao devandito aforro e mesmo á acumulación de remanentes de tesouraría por importe de 5,7 millóns de euros que xa lle foron devoltos á Xunta por acordo da Mesa da Cámara.

As partidas para salarios caen por baixo da media

Unha análise polo miúdo destas contas permite observar que a práctica totalidade das partidas orzamentarias do Parlamento foron recortadas neste tempo, aínda que non todas na mesma intensidade. Así, sitúase por riba do descenso global de case un 20% a tesoirada á partida de persoal de gabinete, que caeu máis dun 30% ata quedar en pouco máis de 450.000 euros en 2014. Tamén caeu notablemente á de gastos diversos, que inclúe conceptos como atencións protocolarias ou publicidade e propaganda, que aínda que foi incrementada levemente en 2012 e 2013 acumula unha caída do 66,30% dende 2009, cunha dotación para este ano de 268.000 euros.

As partidas que financian os soldos caeron un 7% e a oposición aposta por reducilas máis no canto de eliminar deputados e deputadas

Lonxe destas notables reducións está, precisamente, a partida na que o PP pon o acento para recortar escanos: os salarios. Aínda que os soldos dos deputados e deputadas sufriron varias rebaixas nos últimos anos -esencialmente, cada vez que se tocaron as remuneracións do persoal funcionario-, o certo é que as grandes partidas para sufragalos apenas sufriron unha caída do 7% dende 2009. Así, as achegas para "remuneracións básicas" pasaron de 2,2 millóns en 2009 a 2,07 en 2014 e as que financian as axudas de custo -as que, malia á última reforma, deixan libre de impostos ata o 22% do salario- pasaron de 2,4 millóns a 2,2 millóns.

Neste contexto, os tres grupos da oposición amosáronse dispostos en múltiples ocasións a minguar, precisamente, as partidas salariais, aplicando "medidas de aforro real" que mesmo permitan conservar os 75 deputados pero gastando en soldos o equivalente a un Parlamento de 61 membros. Pero o PP teima en que para "conter" o gasto público e facelo máis "eficiente" é indispensable restar deputados e deputadas e por iso se dispón a facelo en solitario aínda que isto implique contradicir o que reclamou dende a oposición.

Pilar Rojo diríxese ao pleno da Cámara © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.