Primeiro paso para a unidade ante a reforma electoral, que segundo Feijóo "prexudica" o PP

Escanos do Goberno e do PP na Cámara © Parlamento de Galicia

Feijóo asegura "non entender esta discusión". O PP -que non o Goberno- avanza en solitario co seu plan para recortar o Parlamento ou, o que é o mesmo, para reformar a lei de eleccións. Faino sen o apoio da maioría reforzada que o actual presidente reclamaba nos seus tempos na oposición e desdeñando sistematicamente as propostas que, dende as filas da oposición e mesmo dende fóra do Parlamento, permitirían aforrar máis do previsto e sen tocar o número de escanos. Ante a contumacia dos conservadores as tres forzas da oposición amósanse dispostas non só a seguir ofrecendo alternativas senón tamén a facelo, na medida do posible, dende a unidade, dende unha "fronte común" que semella dar os seus primeiros pasos.

Tras semanas de boa disposición ao diálogo entre PSdeG, AGE e BNG, o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, remitiulles este venres unha carta aos demais líderes para sentar as súas respectivas forzas á mesma mesa e comezar a falar desa "posición común". José Ramón Gómez Besteiro, Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz veñen de recibir un convite para manter "un encontro a nivel parlamentario para pór en común as propostas de todas as formacións políticas e, dende o diálogo, chegar a unha posición común". A data proposta ubicaríase na vindeira semana e os nacionalistas estarían representados polo seu voceiro na Cámara, Francisco Jorquera.

Vence proponlles unha xuntanza a PSdeG e AGE a vindeira semana para plasmar a "fronte común" nunha alternativa conxunta ao recorte do PP

A xuízo de Vence, a "importancia do asunto" e a "certeza de que compartimos a esencia dos obxectivos" fan posible o "inicio dun diálogo" para "conformar unha fronte común que se plasme nunha alternativa ao recorte do Parlamento que pretende o PP". "A sociedade galega -afirma- espera que evitemos esa contrarreforma involucionista, e contrastar as nosas porpostas para elaborar unha posición común permitiríanos gañar en eficacia política para conseguilo". Cómpre partir da base, abonda, de que o plan de Feijóo vai "alén dunha redución de escanos, porque afecta directamente á estrutura institucional do país, á calidade democrática, ao autogoberno e ao peso político de Galiza", ademais de "consolidar un sistema electoral con enormes desequilibrios".

Mentres a oposición tece os fíos da unidade Feijóo pídelle "sentido común", isto é, que apoie o seu plan de "facer unha racionalización do Parlamento con dous requisitos: racionalizar o Parlamento de acordo co Estatuto de Autonomía e sen buscar ningunha vantaxe, ningún vantaxismo, mantendo intacto o sistema de representación poboacional que existía con anterioridade". Mentres análises pormenorizadas de expertos como o analista Carlos Neira desmenten esta afirmación, o presidente non só teima en que a súa propista "blinda a proporcionalidade da poboación e do territorio", senón que asegura que, no caso de "querer buscar un prexudicado, o máis prexudicado sería o PP", toda vez que nun Parlamento de 61 deputados tería menos asentos. Segundo Feijóo, en última instancia a oposición oponse á reforma porquqe tende á "pelexa por un escano".

Vence, coa deputada Carme Adán en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.