Nin Romay Beccaría acepta os copagos sanitarios do PP

Romay e Feijóo, nunha imaxe de arquivo © PPdeG

Ata Romay Beccaría se sitúa en contra dalgunhas decisións do Goberno do PP. O que fora ex conselleiro e ex ministro de Sanidade e mentor de Núñez Feijóo preside agora o Consello de Estado, que vén de darlle un pau ao copago no transporte sanitario non urxente imposto polo Executivo central. O servizo, que é aínda gratuíto, suporá un custo para os doentes en función da súa renda, tal e como acordou o Ministerio, cuxa número dous é a ex conselleira Pilar Farjas, ex discípula tamén de Romay.

A Xunta, encargada de xestionar este copago, aplicará este novo repago, tal e como fará co farmacéutico que nin De Cospedal se atreve a activar. Pero o Consello de Estado solicita agora que se "reavalíe" o proxecto. Non ten nada claro que supoña "un aforro" para a Administración e censura "as cargas que o novo sistema supón para o cidadán" e que, segundo o ditame, non foron analizadas polo Ministerio de Sanidade, que prevé recadar uns 26 millóns de euros con este novo sistema.

O Consello de Estado pide ao Goberno que "reavalíe" o proxecto e dubida que supoña un aforro como di o Ministerio

A medida fai recaer sobre os cidadáns os custos sobre servizos sociais que sempre foron públicos e afectará de maneira máis dura aos enfermos crónicos, sobre todo os oncolóxicos, que precisen de rehabilitaciónsn ou diáleses e que se ven obrigados a desprazarse cada pouco tempo aos centros hospitalarios. Pagarán 10, 20 ou 60 euros mensuais segundo a súa renda ou esa cantidade anual se as viaxes duran máis de medio ano.

Foi a Cadena Ser quen tivo acceso ao ditame do Consello de Estado, onde se pon en dúbida que eses 26 millóns de euros que se prevén recadar sexan de fei un "aforro" no servizo, tal e como defendo o Goberno central. O organismo que preside Romay Beccaría fai referencia á memoria económica do propio Ministerio de Sanidade, que advirte de que este copago non servirá para financiar o transporte sanitario non urxente, senón a xestión para cobralo. "Os ingresos que pode supor a achega poden verse compensados polos custos de xestión do seu cobro", recoñece Sanidad.

Os doentes terían que pagar 10, 20 ou 60 euros mensuais segundo o seu nivel de renda e a medida afectaría especialmente a un país coa dispersión poboacional de Galicia

Tampouco entende o Consello de Estado que se poidan aforrar outros 45 millóns, tal e como prevé o Ministerio, pola "racionalización" no uso do transporte. Se os criterios para aplicar este servizo aos doentes "son moi similares aos actuais", por que se usará menos? Iso é o que se pregunta o Consello de Estado

Os reparos do Consello de Estado non quedan aí. Critica ademais que se poidan "aforrar" outros 45 millóns de euros, como contempla Sanidade na citada memoria económica, por "a aplicación de criterios de racionalización no uso do transporte sanitario non urxente". Por que? Porque, segundo explica, os criterios para decidir quen ten dereito a este servizo "son moi similares aos actualmente previstos", polo que non entende por que se vai a usar menos. O Consello de Estado demanda que se especifiquen con máis precisión os criterios".

Este copago nas ambulancias anunciado hai un ano está aínda pendente de aplicación e regulación. Sería un novo pau para unha poboación como a galega, envellecida, cunha enorme dispersión poboacional e con milleiros de persoas que diariamente empregan as ambulancias para acudir a recibir diversos tratamentos. A Xunta advertiu de que estudaría os casos e que sería "sensible". Pero opoñer non se opuxo.

Unha ambulancia do 061, nun hospital galego © Sergas
Romay e Feijóo, nunha imaxe de arquivo © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.