Feijóo presume de Parlamento ante Europa mentres o recorta

Un intre do discurso de Feijóo, no Salón dos Reis do Parlamento © Ana Varela

"De nada valerá que os autócratas adxectiven a súa presunta democracia, a súa fobia ao Parlamento retrataraos ate a historia". Esta afirmación ben podería ser pronunciada por algún dos tres grupos da oposición galega, que nestes días traballan na procura dunha posición común fronte á redución de escanos no lexislativo galego que o PP impulsa en solitario. Pero quen a lanzou foi, precisamente, o presidente da Xunta, que por un intre aparcou o seu papel de principal valedor da tesoirada á Cámara pola vía da reforma electoral unilateral para glosar as bondades do parlamentarismo non só en Galicia, senón no conxunto do continente europeo.

Este luns a xefa do lexislativo galego, Pilar Rojo, asumía a presidencia de quenda da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE) de mans da socialista Françoise Dupuis, presidenta do parlamento de Bruxelas capital. Fíxoo nun acto institucional organizado no Pazo do Hórreo "presidido", segundo a Xunta, polo propio Feijóo, que nunha intervención en castelán considerou que os parlamentos foron, en toda Europa, capaces de concretar "conceptos que semellaban abstractos, como pobo ou sociedade". Dende que existen parlamentos "ninguén poderá usurpar en van a representación popular sen ser chamado ditador ou tirano".

"O menosprezo cara ao Parlamento delata actitudes totalitarias", proclamou Feijóo

Porque o parlamentarismo, abonda Feijóo, é sinónimo de "liberdade". Entre críticas máis ou menos veladas ao proceso soberanista catalán o presidente gardou por un día o recorte que é estrela da súa axenda parlamentaria para sublimar os valores do poder lexislativo, "institución que alberga a conexión en harmonía entre o individuo e a comunidade", "reflicte unha complexidade social e esixe un ánimo conciliador que algúns -asegura- non poden entender ou non poden soportar". Porque "o menosprezo cara ao Parlamento -advirte- delata actitudes totalitarias".

Feijóo alerta contra a "fobia e aprensión á democracia" que implica rexeitar o parlamentarismo, rexeitamento que trae consigo a "maldición inexorable" de converter as "tiranías" en "caducas" e a propia Pilar Rojo obvia tamén na súa declaración de intencións como presidenta da CALRE a tesoirada que vai sofrer a institución que preside. Así, a segunda autoridade da autonomía avoga por un "parlamentarismo forte" que "camiñe ao ritmo da sociedade". "O Parlamento é o marco axeitado para fraguar consensos" e neles "temos que acadar novos acordos que favorezan aos nosos representados", explicou.

Rueda asegura que a oposición "non quere un Parlamento con menos custo", obviando que xa propuxo rebaixar soldos

Mentres en Compostela os discursos teimaban en comprobar se o Parlamento era quen de arroibarse en Madrid o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, devolvía ao cuestión a un plano moito máis terreal, ese onde a tesoira xa paira sobre o hemiciclo. Inmóbil no recorte, Rueda resume a posición de PSdeG, AGE e BNG en que "non queren un Parlamento máis reducido e con menos custo" obviando, entre outros aspectos, que a oposición aposta por rebaixar salarios sen recortar escanos. Tras participar nunha reunión de partido sobre a reformas das institucións públicas o número dous de Feijóo evidenciou que "xa o dixemos moitas veces", o recorte ao Parlamento "tiñámolo no noso programa electoral" e "querémolo cumprir" porque "cremos que é o que a xente está pedindo". "A historia ensínanos onde co nducen as decisións simplistas, foi duro de aprender e debemos telo sempre presente", proclamou Feijóo no acto do Pazo do Hórreo.

Rojo asume a presidencia da CALRE en presenza de Feijóo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.