É "demagoxia" evitarlles o copago hospitalario aos doentes?

Feijóo, tras o Consello da Xunta deste xoves © Ana Varela

"Unha demagoxia que non merece a sanidade pública". O pasado día 9 o presidente da Xunta definía nestes termos as posturas opostas á aplicación do novo copagamento de medicamentos de dispensación hospitalaria, fármacos que tratan enfermidades graves e polos que agora moitos doentes teñen que comezar a pagar. Nun contexto no que ata o propio Ministerio de Sanidade reformula algunhas destas medidas a Xunta teima en aplicalas. "Imos cumprir a lei", reiteraba Feijóo, cun argumentario que lle quedou desmontado esa mesma mañá e non por un responsable doutra forza política, senón pola número dous do seu propio partido, a tamén presidenta de Castilla-La Mancha, Dolores de Cospedal, que anunciaba que o seu Goberno ía asumir o custo deste copago, como xa fixeran algúns concellos galegos. Converte isto a De Cospedal nunha demagoga?

Esta pregunta foille formulada ao presidente este xoves ao remate do Consello da Xunta, a quen se lle reclamou que aclarase se o cualificativo que unha semana atrás lle merecía a oposición en xeral e os alcaldes que asumen o copago en particular pode ser aplicado á secretaria xeral do PP. "O posicionamento de Galicia na sanidade pública reiterámolo", comezou o presidente, para despois citar un informe sobre a adxudicación da apliación do hospital de Ourense que o propio Consello viña de abordar. "Demagogos son os que din que os parados pagarán medicamentos que se dispensan nas farmacias dos hospitais, os que din que as pensións non contributivas ou os pensionistas pagarán adicionalmente eses medicamentos cando saben" que non será así, tentou matizar.

"Cadaquén terá que responder da sanidade pública que fai", di Feijóo, que reta a que "nos digan" quen "está investindo máis" que o Sergas

Pero, merece De Cospedal a denominación que lle aplicou aos rexedores que tomaron antes ca ela a decisión de non cobrar? Neste contexto, e como xa fixera noutras ocasións, Feijóo optou por sacar peito ante as demais autonomías, mesmo fronte ás demais autonomías do PP. "En Galicia, dentro das posibilidades legais, estamos tomando decisións que outras comunidades non toman". "Aquí tomamos a decisión de que a prestación sanitaria aos inmigrantes en situación irregular se manteña", afirma, aínda que estas persoas teñen restricións para acceder ao Sergas; "ou tomamos a decisión de non pedirlles aos pensionistas que adianten os cartos do seu diñeiro" no outro copagamento, o que se paga nas farmacias. "Cadaquén terá que responder da sanidade pública que fai no seu ámbito territorial e nós nos comparamos con calquera outra comunidade do Estado", proclama. "Se alguén está investindo máis, que nos digan quen e", engade.

E De Cospedal? "Non vou contestar unha pregunta que está dunha forma moi sorprendentemente formulada", zanxou. Mentres, dende o Parlamento, a voceira socialista de sanidade, Carmen Acuña, amosábase convencida de que a presidenta de Castilla-La Mancha e outros dirixentes do PP están a "sacarlle a careta ao presidente Feijóo" neste ámbito. Feijóo "andaba ás carreiras para ser o primeiro en impoñer ese repago, miserable, inútil e innecesario" e pode acabar "sendo o único que aplique esta medida". Ata De Cospedal di a deputada, parece ser "máis sensible á dor que Feijóo" para aplicar un repagamento que "non sería nin equitativo nin homoxéneo, sería cruel".

Feijóo, tras o Consello da Xunta deste xoves © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.