O PP fai que non oe as alternativas da oposición á súa reforma electoral

Pleno no Parlamento © Parlamento de Galicia

O pasado 22 de maio o BNG presentou unha proposición de reforma da lei de eleccións como alternativa á modificación electoral que o PP promove en solitario co obxectivo central de recortar o número de escanos do Parlamento. En decembro o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apostaba publicamente por crear unha comisión parlamentaria para realizar unha reforma "ampla" da norma electoral galega e este mércores rexistrábana formalmente na Cámara. Pola súa banda, AGE xa traballa na súa propia proposta para presentala en pouco tempo, segundo confirma o propio grupo. Ao tempo, os tres grupos xa manteñen contactos cara á conformación dunha "fronte común" para contrarrestar a tesoirada dun PP que teima en asegurar que dende a banda opositora non hai alternativa ningunha alén dunha "conversa privada tomando un café".

A definición de conversa de café é a que a voceira dos conservadores, Paula Prado, lle adxudica á primeira xuntanza que os tres grupos da oposición mantiveron ao respecto a pasada semana. A popular insta a socialistas, Alternativa e Bloque a "deixarse de facer unha fronte anti PP" e "presenten un documento que se poida avaliar e sobre o que se poida achegar algunha cuestión". O PP, asegura, é "un partido serio" e por iso rexistrou a súa propia proposta, pero, asegura, non lle consta "por escrito" que os demais grupos formulasen as súas pola vía "competente", isto é, no Rexistro do Parlamento, como xa fixeron BNG e PSdeG e AGE di que tamén vai facer.

Os populares teiman en que a oposición non presentou propostas concretas, aínda que si o fixo

Neste contexto, mentres o PP obvia as propostas xa presentadas a súa voceira asegura estar aberta ao "máximo consenso", se ben os seus xefes de filas, Feijóo e Rueda, xa advirten dende hai semanas que non aceptarán acordo ningún se este non implica eliminar 14 escanos, aínda que toda a oposición reitera que está aberta a reducir soldos sen recortar deputados e deputadas. Esa posibilidade inclúese precisamente na iniciativa rexistrada este mércores polos socialistas, que ademais recupera unha das apostas de Feijóo na oposición: que as normas electorais galegas non poidan ser modificadas sen unha maioría reforzada.

Unha comisión para a reforma

A comisión proposta polo PSdeG non abordaría só o recorte de soldos ou deputados, senón que abordaría a reforma electoral contando non só coa achega dos grupos parlamentarios, senón tamén coa "contribución das institucións e dos axentes sociais máis importantes do país", así como de "diversos expertos que contribúan a lograr unha futura normativa máis útil e mellor", di a proposta rexistrada.

A proposta socialista inclúe modificar os cartos que reciben os deputados e facer obrigatorios os debates electorais

Entre os asuntos que os socialistas propoñen abordar está a "modificación do réxime de inexibilidades ou incompatibilidades", un "afondamento en cuestións relativas ao rexistro de intereses e actividades dos deputados e deputadas", a "rebaixa da porcentaxe mínima de votos para dar validez ás candidaturas", situada actualmente no 5%, a instauración de listas abertas, unha mingua na duración das campañas electorais ou "garantir" a presenza igualitaria de homes e mulleres nas candidaturas. Ademais, a reforma tocaría a "asignación de deputados e deputadas" por cada provincia e modificaría os prazos do escrutinio electoral para os residentes ausentes.

Do mesmo xeito, a proposta do PSdeG avoga por que a comisión "reformule a conveniencia de determinados gastos subvencionables", isto é, dos cartos que recibe cada membro do Parlamento, e tamén por que a lei obrigue a "un número de debates electorais mínimos nos medios públicos de comunicación, preferentemente públicos", unha iniciativa que o PP tamén defendeu pero que non incluíu na súa proposta definitiva. Os conservadores, mentres, manteñen que non van "responder a teletipos".

Prado, en rolda de prensa © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.