Guillerme Vázquez: "O PP non as ten todas consigo, por iso ten interese en destruír o BNG"

Guillerme Vázquez, durante a conversa con Praza Pública CC-BY-SA TingaLaranga AudioVisual

O portavoz nacional do BNG fala devagar. Lonxe dos focos Guillerme Vázquez (Pontevedra, 1952) responde con calma ás preguntas sobre o escenario político galego e tamén sobre unha vida interna do Bloque que, admite, vén de pasar un episodio de "turbulencias" despois da súa Asemblea Nacional, "exemplo de democracia" e tras a que a formación frontista segue a ser "referente" do nacionalismo, di. Tras tres anos como líder nacionalista fai fincapé nos grandes asuntos que ocupan o debate político e económico, esforzándose en subliñar o trinomio "democracia, soberanía e traballo" como alternativa aos recortes, pero na conversa pausada amosa tamén interese en reflexionar sobre cuestións que non ocupan grandes titulares, como a "desafección política" ou a combinación de "mobilización e voto" como "únicas armas das persoas pensantes".

Corren tempos nos que, dende os Gobernos, se di que a única alternativa é recortar e axustar. Dende o BNG están a subliñar que si hai alternativas. Por onde pasan?
Xa dende o inicio da crise e durante o Goberno de Zapatero, que iniciou os recortes, sostivemos que estas eran políticas equivocadas e fracasadas, que empeoraban a situación dos dereitos laborais e sociais ata a economía en xeral. Nós vimos defendemos que claro que hai alternativa, como non a vai haber? Hai que volver á democracia, á soberanía nacional para Galiza e ao traballo como obxectivo. Onde non hai saída é no marco da actual UE, hexemonizada pola emperatriz Merkel, ao servizo do capital financeiro. Atribúen á falta de recursos o non poder prestar servizos como a sanidade e a educación, pero non queren falar de que hai que ir a unha reforma fiscal xusta, na que de verdade pague máis quen máis ten. Cando se di que non hai cartos, nós dicimos que hai moitos, moitos cartos, o único problema é que está en moi poucas mans e non pagan. Cando se fala de recortes nós propoñémolos na economía improdutiva: diminución drástica do gasto militar, supresión de deputacións, eliminación das axuda á Igrexa católica.

Veñen sinalando tamén que estas medidas baten co autogoberno. En que sentido?

"Canto máis submisos son coa UE, no PP máis centralistas se volven, na busca de volver á España única que tanto botan en falta"

Nós levamos tempo dicindo que o retroceso social se acompaña dun retroceso das liberdades democráticas, e como non, dos límites do autogoberno. Isto é unha vía que se encetou hai tempo e agora o PP está disposto a profundar nela con moita rapidez. Canta máis soberanía estatal ceden á UE, canto máis submisos son, máis centralistas se volven, na busca de volver a aquela España única que tanto botan en falta. Utilizan a escusa da crise para perseguir un fin que sempre tiveron na cabeza, que é a recentralización do Estado. Por iso é máis necesario ca nunca afirmar que sen soberanía nacional, sen capacidade de decidir, Galiza non ten o menor futuro. Hai que dar debates de fondo, cuestionarse os alicerces nos que se sustenta a actuación do capital financeiro, cuestionar profundamente o modelo global, desmontar a globalización e recuperar espazos de soberanía.

Un dos máximos expoñentes disto é a reforma laboral. Boa parte da acción política do BNG nas últimas semanas foi animar á participación na folga xeral. Que receptividade atopou na cidadanía?
O BNG fixo unha intensa campaña a pé de rúa e é constatábel non só a asistencia de milleiros de persoas a eses actos, senón tamén o descontento social, a preocupación da xente, que está vivindo nas propias carnes as consecuencias destas políticas, que a están colocando en límites moi perigosos dende o punto de vista da súa calidade de vida. Reflexo tamén dese descontento e da contribución que nós fixemos foi a importantísima participación de Galiza na folga xeral, onde ese diferencial tivo que ver coa acción do nacionalismo político e sindical. Tivo tamén unha expresión moi importante nas manifestacións, en concreto nas convocadas pola CIG, que representa o que é o nacionalismo político e sindical. Hai convencemento de que esa reforma laboral é un retroceso no plano dos dereitos laborais e nós opoñémonos radicalmente, fronte ás voces que din que hai que negociar a reforma. Para o BNG, o único que hai que negociar é a súa retirada.

Ademais de apoiar as mobilizacións, os cargos públicos foron á folga en sentido estrito. O PP díxolles que iso carece de sentido porque non son “traballadores normais”...
Cando un fai unha expresión de apoio a unha determinada reivindicación de dereitos é pura coherencia tamén participar dende os cargos públicos. Por certo, nós sempre solicitamos o desconto das retribucións. O argumento do señor Feijóo carece de sentido.

Este período  de explicación e de actos contra a reforma laboral cadrou no tempo co remate do proceso asemblear no Bloque. Coa conformación definitiva da nova Executiva, pódese dar por rematado ese período e as turbulencias que trouxo consigo?

"A Asemblea foi unha lección de democracia, cada un pode atopar as xustificacións que considere para tomar outras decisións, pero non as comparto" 

Nós tivemos unha Asemblea  Nacional que supuxo unha lección de democracia para propios e estraños, da que eu me sinto moi orgulloso, de pertencer a unha organización capaz de facer un proceso como o que nós fixemos. A partir de aí entramos nun proceso, efectivamente, de turbulencias, pero que en calquera caso non lle impediron ao BNG seguir actuando social e politicamente, a reforma laboral foi un exemplo, e o plano de traballo que aprobaremos no próximo Consello Nacional, tamén. Hai turbulencias, que son notorias e evidentes, pero en calquera caso o BNG segue estando aquí, ben vivo, ben activo e ben disposto a ser alternativa á política do PP.

Tras a Asemblea dous grupos internos, o Encontro Irmandiño e Máis Galiza, decidiron deixar o BNG. Con matices, ambas correntes coincidiron en xustificar a marcha por falta de pluralidade interna. Como interpretou este proceso?
Eu non vou xa entrar nas cualificacións que fagan os demais, porque cada un pode atopar, para tomar unha decisión, a xustificación que crea conveniente e eu non a vou cuestionar. Pero o proceso da Asemblea Nacional foi un proceso democrático, sen parangón nos procesos de calquera forza política. A min chamoume a atención como as delegacións convidadas na nosa Asemblea Nacional alucinaban co que estábamos alí facendo. Co cal, cada un pode atopar e mesmo debe atopar as xustificacións que considere oportunas, pero non as comparto.

Unha das consecuencias que máis transcendeu desas marchas foi o conflito en torno ás actas dos cargos públicos. Pódese dar por concluído ou aínda queda algún contencioso pendente?
Non teño coñecemento de se queda algún contencioso, en calquera caso nós adoptamos unha decisión normal. Pode haber quen pretenda en converter en anormal o que é normal. Pero cando un cargo público se presenta  por un determinado grupo político, o é en tanto pertence a ese grupo, no caso do BNG e de calquera outro grupo. Nós tomamos a decisión normal, solicitar as actas a aquelas persoas que abandonan o BNG. Non sei se queda algún floco ou se reabrirá algún novo, porque algún novo pode aparecer, pero iso xa non ten discusión dentro do BNG e creo que fóra tampouco, porque non é sostible.

Mentres se producían algúns anuncios de baixas tamén se producían outros en sentido contrario, caso por exemplo do señor Aymerich, como valorou a súa decisión?

"Nunca dubidei de que Carlos Aymerich permanecería no BNG, alegreime profundamente"

Valoro extraordinariamente, moi positivamente, a decisión do compañeiro Carlos Aymerich de permanecer no BNG. Eu son dos que pensan que dentro do BNG caben persoas con formulacións distintas e temos capacidade de chegar a acordos para facer un proxecto para a sociedade galega. Eu nunca dubidei, no caso do compañeiro Carlos, de que permanecería no BNG, sempre me pareceu que ía ser así, independentemente de todos os ruídos que hai. É un compañeiro dunha valía extraordinaria que ten moito aínda que aportar ao BNG e a Galiza. É unha decisión da que me alegro profundamente.

Hai semanas que Galicia arrecende a precampaña. Haxa ou non adianto, cre que hai partido, que o PP pode perder a maioría absoluta?

"O PP trata de destruír a oposición política e en concreto ao BNG, as cousas que están acontecendo non son casualidade, hai unha estratexia por tras"

Eu creo que ten que haber partido cando hai tanto interese por parte do PP, en política non somos neófitos, en tratar de destruír a súa oposición política, e en concreto ao BNG. As cousas que están acontecendo e que todos observamos non son por casualidade. Hai unha estratexia por tras do que logo se visualiza. Estamos nunha situación na que o PP cando menos non as ten todas consigo. Tamén me parece lóxico, porque coa política que fixo o presidente da Xunta e coa que está facendo o seu compañeiro de partido en Madrid, a credibilidade irá baixando notoriamente. Eu creo que si hai partido, pero ségueme parecendo moi importante, para que ese partido acabe de concretarse, que a sociedade galega tome conciencia da importancia de cambiar o rumbo, pero cambialo non de aparencia. Precisamos un profundo cambio de rumbo para poder saír da situación que nos está producindo a política da dereita. Saber que o noso país ten un futuro moitísimo mellor do que lle están deixando ter. E nese marco nós estamos dispostos a dar a batalla e a ser o que somos, e basta ver o último debate do Estado da Nación, a alternativa diante do PP, non só no diagnóstico, senón nas medidas alternativas. Ese é o BNG. Hai partido, nós traballaremos, xa sei que nolo van tentar poñer moi difícil, para estar nese partido.

Guillerme Vázquez, nun intre da entrevista con Praza CC-BY-SA TingaLaranga AudioVisual
CC-BY-SA TingaLaranga AudioVisual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.