O sumario da Pokemon sacode a PP e PSOE: subornos, enchufes e financiamento ilegal

Orozco e Currás, nun acto en Lugo © Concello de Lugo

A trama de corrupción que investiga a operación Pokemon sacode por igual a PP e PSOE en Galicia. A cada nova revelación do sumario -do que só se levantou o segredo dunha parte- máis e peores casos se coñecen dunha rede de pagos de subornos e enchufes a políticos e funcionarios dalgúns dos concellos máis importantes de Galicia. Lugo, A Coruña, Compostela e Ourense. Populares e socialistas. Unha trama que vai camiño de revolver de vez a política galega. Ou non.

Na Coruña, Julio Flores, número dous do goberno local e man dereita do alcalde Carlos Negreira (PP) aparece agora como un dos cargos con maior implicación na trama, sempre segundo os datos que van saíndo á luz en diferentes medios. O aínda primeiro tenente de alcalde non tarda nin un mes desde a chegada ao poder dos populares en manter contactos con representantes de Vendex para enchufar coñecidos e en amañar concesións municipais importantes como a ampliación dos servizos de ORA, segundo as conversas gravadas.

O número dous de Negreira non tarda nin un mes en pedir favores a Vendex a cambio de conseguirlle contratas

Á empresa Vendex, logo de máis dunha década de gobernos socialistas, non lle é moi difícil establecer relación co Concello grazas, segundo o sumario, a unha rede de funcionarios que axudan a compañía a conseguir contratas a cambio de favores e agasallos, pero tamén a concelleiros tanto do PSOE como do PP. Dez contratos por 12 millóns de euros mantén a firma na Coruña.

Agora, o incremento das tarifas da ORA que denunciara o BNG cobra aínda máis relevancia. A empresa renovou a concesión e subiuse o prezo do contrato logo dun pacto entre Flores e o representante en Galicia en Vendex, segundo conta El País. O contacto con este home, José María Tutor, tamén é continuo por parte das concelleiras Rosa Gallego, Ana Fernández ou Begoña Freire. Os enchufes no Aquarium, o Instituto Municipal de Espectáculos, a Torre de Hércules ou o Ágora, tamén. Só hai unha diferenza, polo momento, entre o caso da Coruña e os de Lugo, Ourense e Santiago, xa que polo momento non hai indicios de subornos a políticos.

Empresarios de Lugo terían doado ata 30.000 euros ao PSOE de Lugo para campañas electorais

Non é así na capital lucense nin na ourensá. Da investigación dedúcese que o rexedor de Lugo, Xosé López Orozco, podería ter percibido ata 2.000 euros ao mes de empresas. O de Ourense, reloxos de ouro. Segundo conta Faro de Vigo, empresarios locais luceses aseguran que "aínda que todo o mundo o sabe, ninguén quere falar". Refírense a pagos e agasallos a políticos e nunha das declaracións un dos reclamados asegura que se lles pedían "doazóns para a campaña" electoral que ían dos 10.000 aos 30.000.

López Orozco, sempre segundo o sumario, tería recibido comisións por parte de empresas como Cechalva, concesionaria do guindastre na cidade. Uns 2.000 euros ao mes para o alcalde, un dos varios envíos de cartos que Vendex realizaba desde Madrid en empresas de transporte urxente e a través de paquetes dun quilo. O ex concelleiro e ex presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil serían os principais perceptores.

Segundo os testemuños dalgún empresario, en canto deixaban de achegar cartos para a campaña, deixaban de facer obras para o Concello. Un caso tan escoitado noutras tramas como esperable. Os enchufes, que tamén permitían colocar xente noutras cidades diferentes daquelas nas que se estaba a negociar, eran constantes.

Vendex conseguiu un contrato un día despois de recibir un sobre con cartos desde Madrid para entregar a algún cargo de Ourense

En Ourense, son varias tamén as revelacións do sumario que seguen a sinalar o ex alcalde socialista, xa dimitido. Agora descóbrese que un día antes do concurso para adxudicar o servizo de limpeza do pavillón de deportes, José María Tutor recibiu un dos sobres de Seur. A concesión caeu en Vendex e, máis aló de a onde foi parar o diñeiro, o daquela rexedor Francisco Rodríguez tería recibido un rólex de ouro.

En Compostela, o modus operandi non cambiaba demasiado. Neste caso é Aquagest quen recoñece nunha conversa intervida por Aduanas que debe "poñer cartos" para renovar un contrato de 20 millóns co Concello, segundo revela o Faro de Vigo. O que lle pedían cargos locais do Concello na época de Conde Roa ás empresas para ampañar contratos eran enchufes ou pagos diversos como "mercar accións do Obradoiro" ou pagar facturas. Tamén viaxes a partidos de fútbol, baloncesto ou hóckey.

A cambio de amañar contratos, empresas ofrecían viaxes ou billetes para partidos de fútbol a funcionarios locais de Santiago

As mesmas prácticas repróducense con -como non- o grupo Vendex no seu intento por conseguir un contrato da ORA que finalmente non acadou. Aquí era o ex concelleiro Espadas o que negociaba xunto a Conde Roa ou Albino Vázquez. Polo medio, enchufes de curmáns,  presións para axudar o Obradoiro, concursos amañados e facturas infladas. 

BNG, EU e Compromiso por Galicia piden a dimisión dos implicados na trama, mentres PP e PSOE parecen mirar cara a outro lado tras as revelacións dun sumario que promete traer máis polémica e salpicar aínda a máis cargos políticos.

Rodríguez, Currás, Negreira e Orozco, nunha ofrenda © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.