0 Gardados para despois

Conde Roa marcha horas antes de que o xuíz decida sobre a súa imputación

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Marcha. Conde Roa dimitirá o luns, logo dunha xuntanza de urxencia mantida este domingo co presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo. Reuníronse para tratar o seu futuro, tan só horas antes de que o xuíz impute formalmente o alcalde de Compostela por presunta fraude fiscal. 

Segundo fontes do propio Concello, consultadas por Europa Press, Conde Roa adiantou na reunión a súa decisión de dimitir, logo de comprobar que o auto do xuíz o imputará por non abonar a Facenda 291.000 euros do IVE da venda en 2010 de 61 vivendas a través da súa promotora inmobiliaria. Estas mesmas fontes revelaron tamén que a alcaldía será asumida polo número tres da lista, Ángel Currás, primeiro tenente de alcalde, que gozaría co apoio do propio Conde Roa e dunha minoría dos concelleiros. 

Ángel Currás será o substituto, ante as dificultades que suporían para o PP a opción de Paula Prado

No entanto, a outra opción barallada e que é vista con bos ollos polo PPdeG é a de Paula Prado, número dous da lista e tamén deputada autonómica, aínda que precisamente esta segunda circunstancia dificulta esta vía pola complicación da substitución no Parlamento, dados os múltiples cambios que houbo na lista pola Coruña e que podería poñer en perigo a maioría absoluta dos conservadores na Cámara. 

Xuntanza con Núñez Feijóo

De feito, na reunión na sede autonómica do PP terían participado tamén os concelleiros do PP en Santiago e tivo lugar esta tarde na sede autonómica do partido, no barrio compostelán de San Lázaro. O encontro estivo presidido por Alberto Núñez Feijóo, quen abandonou o lugar sen facer declaracións.A voceira municipal, Paula Prado, remitiu á rolda de prensa que ás 12 dará o propio alcalde para, presuntamente, presentar a súa dimsión. 

A xuntanza chega tras a presión que sobre o PP e Conde Roa se exerceu nos últimos días, sobre todo para que o alcalde se defenda das acusacións afastado da alcaldía, polo desgaste que suporía para o partido a menos dun ano das eleccións autonómicas. O PPdeG xa anunciara que, unha vez que se coñeza o auto xudicial sobre a imputación formal de Conde Roa, aplicará os estatutos do partido e abriralle un expediente informativo, que se transformará en sancionador se finalmente o xuíz instrutor, José Antonio Vázquez Taín, abre xuízo oral.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.