Corrupción en Galicia: non disparen ao mensaxeiro (nin á xustiza)

Mitin do PP nas municipais de 2011 © PPdeG

"Se é Currás, suicidámonos". "A señora está roubando auga antes do contador". "Todas eran empresa coñecidas, amigas miñas". "Vai haber xente que lle vai ir pedir 40 ou 45.000 euros que puxo en campaña electoral". "Sóame que un empresario da construción puxera algo de cartos". "Vendex fai uns agasallos da hostia". Estas e outras frases, componendas e presuntas corruptelas salferidas de sobres de cartos e alcumes como Puñales, Cura, Pijolandia, Tachenko ou Guapita, entre outros moitos, son o pano de fondo do caso Pokémon, a presunta trama corrupta que investiga a xuíza de Lugo Pilar de Lara. A parte do sumario sobre a que xa non pesa o segredo contén milleiros de folios e horas de gravacións que, en máis dunha ocasión, fan arroibar os presuntos implicados ao vérense reflectidos nos medios de comunicación dun xeito tan descarnado. Agás contadas excepcións, as responsabilidades políticas por este caso aínda  están por chegar. Mentres, múltiples dirixentes centran a súa indignación na prensa ou mesmo na Xustiza.

Mentres dirixentes como o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, lamentan ser vítimas dun "linchamento" malia non ter recibido "ningunha caste de suborno" e atribúen as dúbidas que pesan sobre eles á "maledicencia" e ás "mentiras" dos responsables das empresas que supostamente nucleaban a trama, outros, en público e en privado, censuran que o que é innegable, as conversas gravadas, estean a saír á luz. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dá en cualificar de "salsa rosa" a publicación de datos que reflicten, por exemplo, a amplísima fenda interna do PP en Santiago ou as xestións admitidas por dirixentes do seu partido, como Diego Calvo, para conseguir postos de traballo á marxe das canles ordinarias. No entorno presidencial insístese en que moito do que transcende pertence á "intimidade" e, se ben o propio xefe do Executivo xa admite que este caso condicionará a confección das vindeiras candidaturas municipais, reitera que cómpre agardar a que "a Xustiza fale" para tomar decisións, léase para forzar destitucións.

No entorno do presidente apélase á "intimidade" para criticar que transcendan datos do sumario

Falar, precisamente, é o que veu facendo a xuíza De Lara durante meses a través dos seus autos e nos seus maratonianos interrogatorios. No inicio do caso, cando semellaba que afectaba esencialmente a partidos de esquerda, houbo quen chegou a falar de "dereita mediática". Máis tarde, cando Santiago e A Coruña comezaron a caer baixo a sombra da dúbida, as críticas contra a maxistrada e os seus métodos foron aumentando de ton dende a dereita. Un bo exemplo disto é o voceiro do goberno municipal coruñés, Julio Flores, imputado na causa.

A xuízo do conservador De Lara baseouse en "conxeturas de difícil xustificación" para realizar as imputacións e o levantamento do segredo do sumario deixou centos de persoas nunha situación de "indefensión". Ademais, abondou, as conclusións dos informes de Vixilancia Aduaneira que, entre outras cousas, o implican a el en presuntos enchufes son "francamente cuestionables" e chega a preguntarse por que, no caso coruñés, as dúbidas sobre a limpeza dos procedementos só lle afectan ao PP -tamén está imputado un edil do PSOE-.

Tamén contra o fiscal superior

Neste contexto de especial susceptibilidade interveu o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, quen reclama dende hai tempo a creación dun órgano independente para previr a corrupción no país. Como xa afirmara no Parlamento, para Varela as sospeitas de corrupción son incompatibles "coa boa gobernanza" e, ao seu xuízo, as condutas reprobables dende o punto de vista ético xa deberan ser dabondo para abandonar un cargo público, con independencia de que os feitos cuestionados acaben tendo ou non relevancia penal. Neste sentido, hai escasos días o propio fiscal lanzaba nunha entrevista a reclamación de que os partidos distinguisen entre "inocencia penal e inocencia política" e animábaos a tomar decisións no marco das operacións contra a corrupción que están en marcha. E o incómodo Varela volveu prender os ánimos, tamén na Coruña.

Negreira saíu en tromba contra o fiscal superior e instouno a "dedicarse ao seu"

Mentres o presidente da Xunta fuxiu do corpo a corpo co fiscal -"cando hai suficientes elementos que nos leven a concluír que estamos ante supostos delitivos, débese actuar antes de que se pronuncie a Xustiza", razoou-, o seu home forte na provincia coruñesa e alcalde da cidade herculina saíu en tromba contra el. Ao xeito de altos dirixentes doutras épocas Carlos Negreira veu convidar o fiscal superior a non meterse en política: "non ten que haber fiscais políticos nin políticos fiscais, cada un debe dedicarse ao seu", recomendou iradamente quen tamén preside o PP na provincia. Para o alcalde coruñés a asunción de responsabilidades políticas antes de que haxa sentenza firme é "romper a presunción de inocencia", esa pola que "loitaron tantas persoas ao longo da historia da humanidade". "Cada un ten que estar no seu sitio", teimou, xusto antes de asegurar que nin el nin o seu goberno se "dedican" a "reprochar actuacións da Xustiza".

Liñares, tomando posesión como presidente da CHMS © Ministerio de Medio Ambiente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.