Ao PP esgótanselle as opcións en Santiago coa apertura de xuízo a sete edís

Amelia González, Juan De la Fuente, Cecilia Sierra, María Pardo, María Castelao, Francisco Noya e Luis Bello CC-BY-SA Praza Pública

O pasado xoves, ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta, a Alberto Núñez Feijóo preguntóuselle se tiña pensado intervir directamente no Concello de Santiago despois de que a xuíza Ana López Suevos confirmaba a imputación de sete edís -a metade máis un- do equipo de goberno por prevaricación. O presidente sinalou que "polo momento" non tiña prevista actuación ningunha, isto é, nin ía forzar a dimisión das persoas imputadas nin ía solicitar que o Goberno central disolvese a corporación e nomease unha xestora ata as vindeiras eleccións. Menos dunha semana despois a situación complícaselle aínda máis aos conservadores na capital de Galicia.

Despois de que, a finais da pasada semana, a Fiscalía ratificase a imputación dos tres concelleiros e catro concelleiras e pedise para eles nove anos de inhabilitación a maxistrada determinou este luns, o primeiro día hábil despois da decisión do ministerio público, a apertura de xuízo oral. Neste contexto, a Amelia González, Juan de la Fuente, Cecilia Sierra, María Pardo, María Castelao, Francisco Noya e Luis Bello só lles queda a esperanza de que a Audiencia Provincial acepte o seu recurso para non ter que responder no banco dos acusados pola súa decisión de pagar con fondos públicos o avogado de Adrián Varela, o concelleiro de Deportes, imputado na operación Pokémon.

Dado que o recurso ante a Audiencia non paraliza o proceso os edís teñen agora dez días para formular un escrito de "conformidade ou disconformidade coa acusación" que se lles imputa neste caso, que lle corresponderá a un dos dous xulgados do penal de Compostela. Este complexo escenario xudicial complica aínda máis o plano político da cuestión, xa que o código ético do PP establece que ante a apertura de xuízo oral os dirixentes deben poñer os seus cargos públicos á disposición do partido.

Se cesan os sete imputados o conselleiro Hernández quedaría a un só posto de ter que entrar no Concello

Se eses cesamentos se chegasen a producir a situación sería pouco menos que insostible no consistorio. A marcha de sete edís implicaría que o alcalde Ángel Currás tería que compoñer un goberno practicamente dende cero. Xunto ao rexedor, imputado na Pokémon, sentarían dous edís máis incausados no mesmo proceso, os tres concelleiros que na actualidade non teñen enriba ningunha imputación e as sete persoas que figuraron entre os postos 17 e 24 da candidatura do PP en 2011. No caso de que un só deles renunciase -o número 16 xa o fixo cando foi chamado para substituír o dimitido Albino Vázquez- tería que entrar o número 25, Agustín Hernández, actual conselleiro de Infraestruturas que pechou simbolicamente a lista e quen figura en múltiples quinielas como próximo cartel electoral do PP na cidade. Por tras del só hai catro suplentes.

Chamada de atención do TSXG

O auto de apertura de xuízo oral chegaba poucas horas despois de que a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixese público o seu malestar polas declaracións de varios dirixentes do PP a respecto deste proceso. Despois de que a voceira do Concello compostelán, María Pardo, considerase as imputacións como "un ataque" ao Goberno local e mentres o propio Alberto Núñez Feijóo dubidou en público da pertinencia da decisión da xuíza, o alto tribunal amosou o seu "rexeitamento" a "comentarios que insinúen" que a maxistrada "pode ter algún outro interese que o propio da súa función constitucional".

O tribunal apercibe os populares por "insinuar" que a xuíza pode ter "algún outro interese que o propio da súa función"

Ante as dúbidas sementadas sobre López Suevos, que xa sufrira acusacións máis ou menos abertamente en anteriores ocasións polo seu talante progresista, o TSXG "reclama respecto para os xuíces que actúan no exercicio das súas funcións, no marco da obrigada independencia xudicial e sen outros intereses que administrar unha recta e imparcial Xustiza". Do mesmo xeito, o tribunal "lembra" que "na fase de instrución se valoran indicios" e que agora "dependerá do xulgado do Penal competente o ditar sentenza nun ou noutro sentido".

Varela (dereita) e Currás, nun acto público © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.