O Parlamento galego, testemuño do "desafío ao medo" no Sáhara Occidental

Un dos encontros da delegación galega no Sáhara Occidental CC-BY-SA Sogaps

Unha asociación de vítimas da vulneración dos dereitos humanos, o grupo promotor dunha escola infantil para persoas con discapacidade, unha asociación de mulleres, unha asociación pola paz, un comité de familias de persoas encarceradas... E así, ata vinte organizacións. Son só algúns exemplos dos colectivos do Sáhara Occidental que a pasada fin de semana se reuniron coa delegación do Parlamento de Galicia que, acompañada por membros de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), visitou os territorios ocupados. Todas elas son ilegais por decisión do Goberno marroquí, o mesmo que enviou a súa polícia -a uniformada e a secreta- para realizarlles un estrito seguimento aos parlamentarios galegos.

Os axentes marroquís "acompañáronnos dende que entramos ata que saímos" da antiga colonia española, afirma a socialista Carmen Gallego, que formou parte da delegación xunto a Xabier Ron (AGE), Montse Prado (BNG) e Gonzalo Trenor (PP). "Facíano de maneira ostentosa para que nos decatásemos de que estábamos sendo vixiados" mentres ían completando cada unha das xuntanzas. "Fomos quen" de manter a axenda intacta grazas ao "nivel de organización do pobo saharauí", di a parlamentaria, para quen a preocupación está no que puidese acontecer "a saírmos nós de alí", isto é, as posibles represalias.

Os axentes marroquís vixiou a delegación galega "de maneira ostentosa, para que nos decatásemos de que estábamos sendo vixiados"

"Están organizados" pero "ilegalmente", subliña Prado, quen chama a atención sobre o feito de que estas organizacións humanitarias teñan que funcionar en vivendas privadas por que Marrocos impídelles ata dispoñer de locais propios. Isto acontece mentres as resolucións internacionais sobre os dereitos individuais e colectivos do pobo saharahuí seguen sen cumprirse. Ese incumprimento, subliña a nacionalista, é a que os levou a "perder o medo a visibilizarse", artellar "unha intifada" e "arriscarse a reunirse con nós", algo "difícil nunha ditadura como a marroquí".

A delegación galega que viaxou ao Sáhara, no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Un bo exemplo dese "desafío ao medo" é para Xabier Ron o labor de Equipemedia Sahara, un grupo de vinte e catro persoas mozas que decidiron facerlle fronte á "mascarada dos medios marroquís" e "poñer en marcha unha rede de inormación audiovisual" sobre o que acontece no territorio ocupado. "Eles colócanse nos lugares máis perigosos e estratéxicos" para que "nós, a sociedade occidental, poidamos ver o que está acontecendo", mesmo sabendo "que o día de mañá poden entrar na súa casa, destruíla, secuestralos e facelos desaparecer".

Loita polo recoñecemento da República

Gallego, Ron, Prado e Tenor compartían estas impresións coa prensa en rolda de prensa tras regresar da viaxe. Xunto a eles comparecía o delegado saharaguí en Galicia, Habibullah Mohammed Kori, moi satisfeito coa visita galega e desexoso de que "a próxima visita" xa non sexa a un territorio ocupado, senón "á zona liberada do Sáhara Occidental, da Fronte Polisaria e a República Saharauí". Ese recoñecemento da república é, precisamente, unha das principais loitas que o pobo do Sáhara Occidental está a desenvolver. Nesta liña, explica Kori, "o Parlamento sueco votou unha moción pedíndolle ao Goberno sueco que recoñeza a República Saharahuí; espero que o Goberno e o parlamento español fagan o mesmo para a solución na derradeira colonia de África.

O Parlamento galego xa pediu en 2013 avanzar cara ao "recoñecemento da República Árabe Saharauí Democrática"

Nesta liña pronunciouse xa o Parlamento galego, que nunha declaración oficial de xuño de 2013 lembrou a "responsabilidade histórica, legal e política que o Estado español ten coa situación no Sáhara Occidental", isto é, coa súa "descolonización non culminada". Por este motivo o lexislativo galego dirixiuse ao Goberno español para que "promova as iniciativas necesarias" na "defensa do lexítimo dereito do pobo saharauí á súa autodeterminación, así como o outorgamento de rango diplomático á representación da Fronte Polisaria en España "como única e lexítima representante do pobo saharauí" e como "paso previo ao recoñecemento da República Árabe Saharauí Democrática". Case á mesma hora na que se celebraba este acto en Compostela, en Ceuta o Goberno español intercambiaba fotografías e cumprimentos co Executivo marroquí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.