A acusación pide que declaren os xerentes do PP de Galicia e de Pontevedra pola Gürtel

Feijóo e Rajoy, ás portas da Moncloa © Xunta

A acusación popular Adade (Asociación de Abogados Demócratas por Europa) vén de pedir ao xuíz Ruz que declaren como testemuñas os xerentes do PP en Pontevedra e Galicia para que aclaren así o suposto pago en negro que a formación popular tería entregado a Mariano Rajoy e María Dolores de Cospedal, segundo afirmou Luis Bárcenas e segundo se confirmaría tamén co informe da Interveción Xeral da Administración do Estado (IGAE), que daba "verosimilitude" ás palabras do ex tesoureiro do partido.

Neste informe confirmábase a existencia dunha débeda do PP de Pontevedra coa sede estatal popular que non fora devolta por conduto oficial ningún. Segundo a IGAE, e tal e como adiantaba a Cadena Ser, a análise faría veraz as explicacións de Bárcenas, que aseguraba que os 50.000 euros pagáronse en negro "e en sobres de cor marrón e billetes de 500" a Mariano Rajoy e a María Dolores de Cospedal.

Unha acusación popular solicita a Ruz que cite a declarar aos xerentes do PPdeG e do PP de Pontevedra en 2009

Así, a acusación popular Adade solicita ao xuíz Pablo Ruz que cite a declarar aos que foran xerentes do PPdeG e do PP de Pontevedra en 2009, época na que tivo lugar o embargo da conta da sede central pola débeda galega, así como que a IGAE amplíe o seu informe aos anos 2011 e 2012.

Adade tamén pide ao maxistrado que recabe o expediente que motivou o embargo das contas do PP nacional reflectico baixo o concepto Embargo Proveedor PP Galicia e cun importe total de máis de 187.000 euros. A acusación reclama que se amplíe a investigación sobre este embargo aos anos 2011, 2012 e 2013. O IGAE lembra que o exame dos extractos das contas da Tesoureiría da sede central do PP dos anos 2009 e 2010 e do Libro Maior e do Diario da sede territorial de Pontevedra neses anos "non se atopou o reflexo contable que poña de manifesto a existencia de achega ningunha por importe de 50.000 euros desde a sede de Pontevedra á sede central".

Rajoy, no último comité executivo do PP © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.