Obxectivo: minimizar a presunta prevaricación en Santiago

Feijóo e Currás, nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

O 30 de maio de 2012 a Xunta de Goberno Local de Santiago aprobaba pagar con fondos públicos o avogado do concelleiro de Deportes, Adrián Varela, imputado no caso Pokémon, tal e como solicitara o interesado. Case dous anos despois daquela xuntanza, na que non participou o alcalde, Ángel Currás, malia atoparse en Compostela, a decisión ten a sete edís -a metade máis un dos membros do goberno local- con pé e medio no banco dos acusados por un presunto delito de prevaricación no que moitos ven a pinga que fai rebordar un vaso cheo dabondo de escándalos vinculados a presuntas prácticas irregulares. Tras varios días de incerteza a consigna no PP, a comezar polo presidente Feijóo, semella clara: minimizar o caso ata onde as actuacións da Xustiza o permitan.

O despregamento deste argumentario chegou despois de que o propio Currás se reunise con Feijóo na residencia oficial de Monte Pío para, segundo publicou La Voz, pedirlle que mantivese o seu gabinete, isto é, que non forzase o cesamento dos edís incausados. Tras esa xuntanza o secretario xeral do partido e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, veu dicir que en última instancia o que se vai aplicar non vai ser código ético ningún, senón os estatutos do partido, eses que non obrigan á destitución mentres non haxa unha sentenza firme contra un cargo público -neste caso, a Fiscalía pide nove anos de inhabilitación, polo que unha condena sería sinónimo de deixar o cargo-. Co campo de xogo marcado, apareceu Feijóo.

O PP minusvalora o caso mentres mantén os edís incausados nos seus postos

Unha semana máis a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta foi escenario de toda unha batería de preguntas sobre a convulsa situación do consistorio compostelán e dos intentos do presidente por esquivalas dun xeito ou doutro. "Todo o mundo coñece a decisión do alcalde de Santiago", di Feijóo, que enuncia o caso dun particular xeito. Segundo o líder da dereita aos sete edís impútaselles un presunto delito de prevaricación "por unha decisión da comisión de Goberno co visto e prace dos funcionarios responsables de velar polo cumprimento da lei e da lexislación no ámbito municipal". Así encabeza o presidente un argumentario no que hai algunha imprecisión máis.

Houbo informe favorable?

Efectivamente, a decisión estivo apoiada nun informe da Asesoría Xurídica do Concello no que non se avalaba incondicionalmente o pagamento do avogado de Varela, senón que nel se sinalaban os casos nos que sería posible facelo. Ese informe, lembra a xuíza Ana López Suevos nun dos seus autos, especificaba que os gastos poderían ser cargados ao erario se a imputación tiña "orixe ou causa directa" unha actuación "realizada no cumprimento" do seu cargo ou se esta non implicara "abuso, exceso, desviación de poder" ou "converxencia con intereses particulares". O Concello tamén podería pagar se, ao final do proceso, se declarase "a inexistencia de responsabilidade criminal". Segundo a xuíza "todos" os edís acusados "coñecían que a causa penal á que fora chamado a declarar" Varela "era a coñecida como Pokémon" e que "estaba imputado por presuntos delitos de suborno, falsidade documental e prevaricación". O caso non estaba, polo tanto, relacionado directamente co cargo de concelleiro de Deportes. Aínda así, a decisión tomouse.

Feijóo mantén que Varela renunciou "inmediatamente" ao pagamento do avogado, pero fíxoo un mes despois, cando o caso saltou á prensa

Segundo o presidente da Xunta cómpre quitarlle ferro ao asunto non só porque, ao seu xuízo, non haxa actuación delitiva, senón porque ademais a decisión non tivo "repercusión económica ningunha", toda vez que "o propio interesado inmediatamente renunciou" a que o Concello lle pagase o avogado. O certo é que os sete edís aprobaron o pagamento o 30 de maio e que Varela renunciou o 1 de xullo, un mes despois da aprobación e dous días despois de que o asunto saíse á luz pública a través do diario El País. Ademais, abonda, cómpre tamén "considerar os antecedentes do Concello, onde hai acordos plenarios que autorizaban o pago das minutas nos supostos de imputados doutros concelleiros", di, en referencia ao caso Montebalsa, iniciado a raíz dunha denuncia do PP e que foi arquivado.

Na liña do seu xefe de filas a voceira do Concello compostelán, María Pardo, defendeu este xoves como "legal" por estar amparado no convenio colectivo municipal, que recoñece o dereito a asistencia xurídica "por razón de conflitos (...) derivads da prestación do servizo". Os seus compañeiros e mais ela "non prevaricaron" e neste contexto, sempre segundo a súa interpretación, resulta "obvio" que está apoiada polo alcalde e o partido pero, sobre todo, polos "cidadáns" e a maioría absoluta que lle outorgaron en 2011 á lista encabezada por Gerardo Conde Roa. "Deixemos as cousas como están", convidou Feijóo dende San Caetano. A el "preocúpanlle máis outros asuntos que afectan a Santiago e a outras cidades, que me parecen de gravidade".

Feijóo e Currás, nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.