O PP define a súa estratexia de campaña e xa vincula o BNG co terrorismo

Sinatura do acordo entre BNG e Bildu Dominio Público @obloque

Malia que aínda non ten candidato e a pesar de que a precampaña aínda non comezou, o PP ten clara xa a que será a súa estratexia de cara ás eleccións europeas, polo menos no territorio galego. Menos dun día despois de que o BNG confirmase a súa alianza con Bildu para acudir aos comicios do vindeiro 25 de maio, os populares galegos xa vinculan o Bloque coa violencia e acusan a formación de "pedir aos galegos que co seu voto lexitimen máis de 50 anos de terrorismo".

O PPdeG cre que o Bloque "está a pedir aos galegos que co seu voto lexitimen máis de 50 anos de terrorismo"

Así o fixo a voceira do PPdeG, Paula Prado, que nunha declaración feita pública polo propio partido dixo "entender agora as dificultades do Bloque para condenar accións que a Audiencia Nacional considera terroristas, como as de Resistencia Galega". "Galicia ten prioridades moi diferentes ás de Bildu e os galegos reflectirán a súa disconformidade con esta coalición nas urnas", manifestou. Pouco antes, Novas Xeracións, a través da súa conta de Twitter, tamén aseguraba que os acordos "entre partidos que non condenan a violencia" non os representaban. "A alianza con Bildu demostra que o BNG segue en caída libre".

As primeiras declaracións do PPdeG sobre o acordo político ao que chegou a esquerda abertzale e o Bloque chegan xusto no día no que ambas as dúas formacións presentaron o seu acordo en Bilbao. Niko Moreno, responsable de Relacións Internacionais de Bildu, non tardou en responder, tamén a través das redes sociais, ás declaracións de Paula Prado. "BNG, EH Bildu e máis faremos que un soberanismo nacional, de esquerda e antiTroika teña voz propia. E iso a algúns dóelles", dixo.

"BNG, EH Bildu e máis faremos que un soberanismo nacional, de esquerda e antiTroika teña voz propia. E iso a algúns dóelles", responde a esquerda abertzale

Que a alianza do Bloque con Bildu vai servir de munición ao PP de cara á campaña das eleccións europeas en Galicia era máis que probable. Os argumentos, tamén. Á marxe dos comentarios que xa xurdiron, as súas formacións asinaron este venres o seu acordo, que terá como eixos "a defensa do dereito a decidir e a denuncia do modelo da UE". "Euskal Herria e Galiza aspiran a determinar de forma democrática e sen inxerencias o seu futuro", aseguraron Hasier Arraiz, parlamentario de Bildu, e o secretario de organización do Bloque, Bieito Lobeira, que foi o encargado de ler o documento acordado.

"Temos a firme convicción de que o impulso decidido á soberanía das nosas nacións é o modo máis seguro para avanzar cara a un modelod e país e de sociedade máis aberta, xusta e igualitaria", insistiron nunha comparecencia pública sen preguntas e na que ambos os dous partidos aseguraron que buscarán "fórmulas de participación e apoio" á súa candidatura "noutras nacións e pobos do Estado", tras insistir no seu apio ao referendo en Escocia e á consulta prevista en Cataluña.

Bildu e o Bloque buscarán "fórmulas de participación e apoio" á súa candidatura "noutras nacións e pobos do Estado"

Bieto Lobeira asegurou que as dúas formacións "comparten a vocación de converter a súa presencia nos comicios nun escenario de loita para combater os plans da Troika". "Proclamamos o noso compromiso de impulsar a nosa acción política e o noso apoio activo á mobilización popular, unha confrontación contra o modelo que provoca o recorte xeralizado de dereitos, castiga os sectores máis vulnerables e hipoteca o futuro dos mozos", denunciaron, logo de reclamar a necesidade de "poñer os alicerces dun novo modelo de Europa" que se basee na cooperación entre pobos.

Bildu e BNG reclamarán "de maneira expresa" o dereito das nacións a decidir o seu futuro e a necesidade dunha rexeneración democrática. "Cremos indispensable adoptar medidas como a instauración dunha renda básica europea e rescatar os pobos da hipotca que pesa sobre o seu futuro", manifestaron, tras apostar por "unha auditoría da débeda, tanto pública como privada" e a necesidade de "non pagar a débeda ilexítima e establecer sistemas efectivos e contol sobre os organismos financeiros".

Sinatura do acordo entre BNG e Bildu Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.