O PSdeG lánzase á precampaña europea, que o PP mantén conxelada

Besteiro e Blanco, este luns en Compostela CC-BY-NC-SA PSdeG

Este luns o PSOE celebrou unha vintena de roldas de prensa por todo o Estado para comezar a debullar as súas propostas para as eleccións europeas do 25 de maio. A expectación suscitada no caso galego non estaba centrada no manifesto electoral dos socialistas, senón no regreso definitivo á primeira liña política de José Blanco, candidato número 10 da lista que encabeza Elena Valenciano e referente do PSdeG nestes comicios. Xunto ao secretario xeral do partido, José Ramón Gómez Besteiro, Blanco tirou de currículo e esgrimiu o seu "traballo e compromiso na defensa dos intereses desta terra" para botar a andar a súa candidatura nun panorama electoral no que todo transcorrería polas canles ordinarias se non fose por que o outro gran partido estatal mantén a precampaña no conxelador.

A apenas dous meses para os comicios os conservadores aínda carecen de cartel electoral, cuxa designación se dá por suposto que será unha operación dixital de Mariano Rajoy. Mentres, en Galicia, o único seguro é que a veterana Carmen Fraga, filla do ex presidente da Xunta, non recuncará nunhas candidaturas dun PP que, desta banda do Padornelo, hai tempo que aposta polo perfil político baixo cando se trata de Bruxelas. Esta ausencia de rivais dificúltalle a estratexia de campaña a un PSOE que, tamén en Galicia, lle dá especial importancia á clave "ideolóxica e política" nestes comicios, en verbas de Besteiro.

Besteiro coida que o PP tenta "desvirtuar" as eleccións de maio

Ante as sondaxes que sitúan a PSOE e PP arredor do empate técnico pero que tamén prognostican problemas para o bipartidismo os socialistas amósanse convencidos de que os populares están "interesados en desvirtuar" estes comicios, di Besteiro, porque "cando saen fóra" do Estado español o seu exemplo "non é o máis recomendable". Neste escenario, Blanco acentúa o discurso ideolóxico e reitera que "non é o mesmo que goberne a dereita ou a esquerda" nas institucións da UE. "Non é o mesmo PP que PSOE", abonda, respondendo implicitamente a unha das críticas máis habituais que están a recibir nos últimos tempos.

Blanco esgrime o seu "compromiso e traballo na defensa dos intereses desta terra"

A lista na que se encadra Blanco non só representa a esquerda, din dende o PSdeG, senón que tamén é "a única esquerda que sabe e pode" mudar as cousas na Unión en ámbitos como o fomento do emprego xuvenil, a protección dos dereitos das mulleres ou da sanidade e a educación públicas. Estas eleccións, asegura Blanco, son especialmente "transcendentes" para "saír do marasmo no que nos meteu a hexemonía conservadora" e para iso cómpre "unha nova maioría que cambie o rumbo de Europa". No caso galego, reta, cómpre "xulgalo" a el baseándose no seu "compromiso con este país", especialmente "cando tiven responsabilidades" no Ministerio de Fomento.

ETA como argumento

A falta de candidatura e sen especial interese, cando menos de momento, polo corpo a corpo electoral co PSOE o PP galego segue a centrar o seu argumentario de precampaña na coalición do BNG con EH-Bildu. Despois de que a súa voceira, Paula Prado, abrise fogo cun argumentario de trazo groso segundo o cal a alianza coa formación abertzale é sinónimo de "lexitimar cincuenta anos de terrorismo", este luns o número dous do partido e da Xunta, Alfonso Rueda, abriu o paraugas ante as críticas que lle choveron para amosarse convencido de que a de Prado é "unha reflexión que comparte moita xente".

Rueda amplifica a tese de identificar o BNG co terrorismo

"Se eles están tranquilos coa elección que fixeron sendo acompañados por un partido como Bildu -EH Bildu é unha coalición-, que todos sabemos o que defende, pois entón ala eles", resolveu nun acto público do Goberno galego en Lugo. Case á mesma hora, pero en Compostela, o voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, desmarcábase asegurando que non ten "ningún motivo" para pensar que o Bloque "lexitima" terrorismo ningún e limitábase a glosar a "transcendencia política" de tal acordo e a criticar a Xavier Vence por animar o partido da dereita a non "poñer" máis a Prado a "dicir disparates".

Besteiro e Blanco, este luns en Compostela CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.