"A paralización da mina de Corcoesto só é o punto de arranque dun novo proxecto"

Protesta contra a mina de Corcoesto © Salvemos Cabana

Nin a suspensión definitiva anunciada pola Administración, nin o anuncio anterior do presidente da Xunta, nin tan sequera a exixencia de maior solvencia financeira á empresa. O alcalde de Cabana de Bergantiños, municipio que acollería a polémica mina a ceo aberto en Corcoesto, cre que a notificación por parte da Dirección Xeral de de Enerxía e Minas da paralización da iniciativa da multinacional Edgwater "non é o peche definitivo, senón o punto de arranque" dun novo proxecto que agarda que estea "funcionando en poucos meses".

O alcalde de Cabana cre que a paralización é "o punto de arranque" dun novo proxecto e lembra que a DIA segue vixente

Así o asegurou o rexedor José Muíño nunha entrevista en Radio Voz Bergantiños, na que criticou "o cambio das regras de xogo no minuto 80 do partido" por parte da Xunta de Galicia, ademais de ver "estraño" que a Administración "tardase tanto" en notificar a paralización definitiva da mina desde que Feijóo o anunciara no Parlamento hai case medio ano. O alcalde do PP asume que "era esperable" a suspensión do proxecto, pero cre que o anuncio "non supón o peche definitivo, senón o punto de arranque de cara a onde se quere ir e o que se pretende". Ademais, lembra que "os requisitos medioambientais son os máis importantes e seguen en vigor coa declaración de impacto ambiental (DIA)" que facilitou a Xunta. Así o cre tamén a multinacional Edgewater, que entende que este requirimento aprobado -e nunca denegado- por parte do Goberno galego ten unha vixencia de aínda cinco anos, polo que de arranxar os problemas económicos, tería todo o dereito a seguir adiante co proxecto.

A plataforma Salvemos Cabana recorreu ao Valedor do Pobo para coñecer se a cancelación do proxecto implica tamén a anulación da autorización medioambiental e se, polo tanto, obrigaría a calquera outro proxecto a empezar de cero. De cero ou non, José Muíño está convencido de que haberá mina a ceo aberto na comarca de Bergantiños. "Falamos de cuestións de tipo económico e técnico que se poden solucionar; se estes problemas, que xeraron dúbidas na Xunta que a levaron a cambiar as regras, se arranxan, pódese arrancar de novo, presentar outro proxecto e telo en poucos meses funcionando", insiste, tras defender unha multinacional "que "leva investidos 20 millóns de euros na zona e deu emprego a 119 persoas malia que a acusaron de especulativa".

O rexedor cre que Edgewater "acudirá aos tribunais internacionais" e advirte de que o Concello tamén recorrerá á Xustiza

De feito, Muíño incluso adianta a posibilidade de que Edgewater recorra ante a Xustiza a decisión da Xunta e advirte de que podería acudir "aos tribunais internacionais". "Se cumpre a lei, non lle dan as autorizacóns e hai cambio de regras, é normal que queira recuperar os cartos", di quen insiste en que "a alternativa da xudicialización é mio probable". Pero vai máis aló, xa que aclara que o Concello de Cabana "irá a rebufo" da demanda que a empresa  interpoña co obxectivo de que lle "compensen as perdas dos convenios asinados".

O rexedor avoga por que se "busquen negociacións" para salvar o proxecto mineiro fortemente contestado tanto na comarca como no resto de Galicia. "O interese do concello e da zona é que o proxecto saia; a Costa da Morte sofre un paro galopante, unha situación moi escura, sen saída e sen proxectos; precisamos algo que mova a zona, un cambio de ciclo produtivo, e esta era a alternativa", di defendendo a multinacional canadense. "Daría traballo a 300 familias, crearía 1.000 empregos indirectos... Aquí só queda xente maior, isto é un xeriátrico ambulante poruque os mozos están a marchar", conta quen insiste en "buscar negociacións para reiniciar o proxecto".

O Concello anuncia que hai empresas dispostas a "ser o apoio económico" de Edgewater para relanzar o proxecto

José Muíño anuncia tamén que "hai intereses" de diversas empresas para "ser o apoio económico" que permita a Edgewater superar "os novos criterios económicos da Xunta" e insiste en que esta paralización só é "o punto de partida para empezar de novo". "Temos que loitar para que non haxa risco medioambiental e estar enriba das empresas, pero se cumpren a lei, as empresas teñen dereito a insistir e iniciar o proxecto", remata, antes de advertir de que o actual prezo do ouro aínda aumenta máis "o interese" das compañías mineiras. "Hai posibilidades e eu son optimista e estou esperanzado", finaliza.

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana
Marcha contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.