Galicia en precampaña: con quen ir a Europa?

Actos políticos de PSdeG, BNG e CxG, este sábado CC-BY-SA Praza Pública

Galicia está en precampaña. Haberá quen viva cunha mestura de indiferencia e preguiza a mera idea de volver iniciar unha espiral de convocatorias electorais, pero o certo é que xa está aí. Unha vez rematado o 2013, un dos estraños anos sen elección ningunha, o 2014 comezou coas formacións políticas a quecer motores para as eleccións europeas, as que menor paixón espertan na cidadanía malia ser cada vez máis transcendentais. Nesta liña, este sábado foi unha xornada de precampaña no país, aínda que aínda non se coñecen todos os carteis electorais das principais forzas políticas.

Presentar oficialmente as súas candidaturas foi, precisamente, o que fixeron BNG e Compromiso por Galicia. No caso do Bloque, cuxos integrantes da lista electoral eran xa coñecidos, a presentación oficial prodúcese tras o peche dos derradeiros flocos da coalición Os pobos deciden, que a formación frontista encabeza xunto a Bildu. Ana Miranda, cabeza de cartel dos nacionalistas, presenta a lista como a "candidatura da cidadanía" e, ademais, como a "candidatura da Galiza viva e combativa, que non se resigna e que loita polo seu".

Miranda afirma que a candidatura do BNG é a da "Galiza que se rebela"

SOS Sanidade Pública, o naval, as persoas estafadas polas preferentes ou o mundo da cultura son alǵuns dos sectores representados na aposta dun BNG que, en verbas de Miranda, volve "asumir o compromiso de ser o escano galego en Europa, porque nestes cinco anos foi o BNG quen puxo na axenda política da Eurocámara os temas e os problemas do país". "Confío en poder contar co apoio dos galegos e galegas que se rebelan, que loitan polo seu futuro" e "non queren que outros decidan por nós", di.

Paulo Carlos López encabezará a lista de CxG

Pouco despois de que isto acontecese en Compostela, en Ourense CxG culminaba o seu proceso de primarias, no que se impuxo o xornalista e politólogo Paulo Carlos López por un 47,9% dos votos. López representará o partido que dirixe Xoán Bascuas dentro da Coalición por Europa, que a formación comparte con CiU, PNV e Coalición Canaria e que se pechará nun acto público o vindeiro 28 de abril en Madrid. "CxG -di López- sementou unha nova forma de facer política, unha nova forma de elixir os candidatos que implica un empoderamento da sociedade fronte aos aparellos dos partidos". Agora, di, correspóndelle encabezar a "campaña da ilusión e da forza".

Feijóo carga contra todos

Nunha xornada na que tamén o PSdeG celebraba acto político en Compostela e múltiples representantes de Anova e Esquerda Unida participaban no remate das Marchas da Dignidade en Madrid, o presidente da Xunta e líder do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou a celebración da xunta directiva do seu partido para disparar dialecticamente contra todas as demais formacións. Aínda que o PP non ten candidato polo momento e nin sequera é coñecido se haberá representación galega de relevancia na súa lista, Feijóo xa asegura que "cando na UE haxa algo que decidir que nos afecte, a nosa terra vai ter moito que dicir".

O líder da dereita enxalza a Carmen Fraga e Millán Mon e sentencia que os programas das demais forzas carecen de "importancia"

Malia ao seu discretísimo labor na Eurocámara á hora de presentar iniciativas, as cales estiveron relacionadas con Galicia en contadas ocasións, o titular da Xunta "recoñece o labor" dos que foron os seus eurodeputados ata agora, Carmen Fraga e Francisco Millán Mon, e contrapúxoo co das demais forzas políticas. Os populares, asegura, "levan as últimas semanas elaborando un programa que fala exclusivamente de Galicia" e "outros" optaron por "ter ben asegurado o reparto de cargos", sentencia.

Segundo a persoal análise do líder da dereita os programas das demais organizacións carecen de "importancia", e liquídaos asegurando que "o BNG vai aplicar o de Bildu", Anova "vai aplicar o de Esquerda Unida" e, no caso do PSdeG, "xa se sabe o que duran as propostas socialistas". Todo isto, di, será o que defenda o PP nunha campaña que estará dedicada a Adolfo Suárez, a quen define como "presidente crave na Transición española". 

Feijóo, na Xunta Directiva do PPdeG © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.